Nas terras de Eirís de Arriba –antigo concello de Oza, hoxe da Coruña– naceu en 1887 Xosé Lesta Meis. Vinculado por proximidade aos homes de Nós, é –segundo a crítica– un dos narradores máis salientables da promoción de escritores relacionados coas Irmandades da Fala.
Estaría dedicado nun primeiro momento aos labores do campo no seu Eirís natal –naquela época era unha aldea–, para logo emigrar á Habana onde traballou nunha plantación de azucre ao mesmo tempo que se forma dunha maneira autodidacta. Despois dedícase ao xornalismo para, finalmente, regresar a Galiza, residindo na Coruña.
N~unha pequena aldea que hai cerca da Cruña vivía unha familia que lle chamaban <<a da rúa>>. Non sei por qué. Na aldea non había rúas, como as non hai en ningunha aldea.
Así comeza a súa primeira obra –unha novela curta– Manecho o da rúa (1926). Con certas doses de autobiografismo, desenvólvese especialmente na aldea de Eirís, nunha plantación cubana e mais no ámbito urbano da Habana. Na novela aparece o problema social da emigración.
Era unha aldea como de medio cento de casas, separadas unhas d’outras por hortas, cortiñas, corredoiras e tarreos. De lonxe coasemente non se vía mais que unha dúcia. Pero según se entraba n–ela íbanse descubrindo na volta d–unha corredoira, detrás d–unha arrimada, ô abrigo de figueiras, â sombra d–un parral ou ô socaire d–un loureiro.
A segunda obra narrativa de Xosé Lesta Meis é Estebo (1927). Para a crítica é a aportación máis conseguida de Lesta Meis á nosa literatura. Utilizando procedementos narrativos tradicionais, ofrécenos un testemuño da aldea natal (Eirís), das súas férreas estruturas socioeconómicas e sociolóxicas. O espazo que percorre o protagonista é o dos arredores da Coruña combinado con outro tamén conflitivo como é o da emigración a Cuba, proxección sen dúbida das experiencias reais de Lesta Meis, profundando nas situacións de inxustiza que experimentou persoalmente.
Neste libro non falo máis que de mulleres. De mulleres galegas. Todas son da miña aldea. Todas son auténticas. Hainas que levan o mesmo nome que teñen. Hastra algunha pertence â miña familia.
A terceira obra narrativa de Lesta Meis é Abellas de ouro (1930). Unha colección de trece retratos, principalmente de mulleres, que lle son próximas por vínculos familiares. Entre eses retratos está o da súa muller, Rogelia Raso Naya, sostén económico do matrimonio. Estilisticamente esta obra é máis sinxela ca as anteriores e quizais a máis costumista de todas.
Xosé Francisco Lesta Meis falecía o día 22 de decembro de 1930 en Eirís de Abaixo (antigo concello de Oza, hoxe da Coruña).
Con tres obras narrativas publicadas por Ánxel Casal, a prosa de Lesta Meis ten obxectivos realistas e non esconde o seu nítido labor literario como testemuña verista e documental dunha realidade, cun grande valor etnográfico, topográfico, sociolóxico e mesmo socioeconómico.