Xornadas Patrimonio e Memoria

Xornadas Patrimonio e HistoriaDise moitas veces que cada unha de nós é o que vive, o que sente, o que (re)coñece e o que lembra.

Na AC Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) levamos un tempo traballando nun ciclo para amosar iniciativas cidadás, grupais ou individuais, comprometidas social e politicamente. Propostas que non son só multidisciplinares, senón tamén transdisciplinares, pola grande importancia que conceden ao proceso por enriba do resultado; por non centrarse exclusivamente en cuestións artísticas-patrimoniais, senón tamén sociais e ecolóxicas. Espazos e experiencias de responsabilidade compartida, colectiva.

PATRIMONIO e MEMORIA, catro palestras, os catro xoves de febreiro, para aprender, debater e reflexionar sobre a necesidade de preservar e (re)coñecer o patrimonio cultural tendo en conta que este ten unha función social que transcende a da propia conservación porque o patrimonio é un proceso creativo e dinámico que nos confire identidade e nos protexe, enriquece e proxecta no mundo. O seu coñecemento é indispensable para que as persoas poidamos relacionarnos unhas con outras e xuntas construamos pobo. E xunto ao patrimonio a memoria, unha memoria compartida que se transmite de xeración en xeración a través dos documentos, arquivos e bibliotecas mais tamén dos saberes orais.

Son propostas que dan importancia sobre todo aos vínculos que se crean entre a veciñanza, colectivos e institucións.

Cinco especialistas en distintos campos:

  1. Comezamos o xoves 7 falando do primeiro Catálogo Social do Patrimonio, patrimoniogalego.net. Un dos grandes problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que temos. A Administración Galega non fai pública en Internet a información da que dispón sobre os Bens Culturais. Tamén carecemos dunha visión clara do estado de conservación e difusión de cada un dos bens. Sen embargo, hai unha gran cantidade de profesionais e afeccionados que teñen unha exhaustiva información sobre o territorio. Desde patrimoniogalego.net propoñen nutrirnos de todo ese saber para crear o primeiro Catálogo Social do Patrimonio. Un proxecto factible, pero de longa envergadura, que nos permitirá ter información de primeira man sobre a situación dos Bens Culturais no pais. Con Soledad Felloza, integrante do proxecto A Enciclopedia do Patrimonio de Galicia.
  2. É tempo de repensar os museos por iso seguimos o xoves 14Perigo! Os museos Inclusivos transforman sociedades e territorios” falaremos de como os museos inclusivos transforman a sociedade. O museo entendido no sentido máis amplo posible, un museo expandido, aberto, flexíbel, dinámico e accesíbel á expresión humana, un museo traballando e pensando no común, no que as obras, os coñecementos, os obxectos son de todos e todas, para xerar un espazo no que ninguén sexa excluído. Cremos que o momento actual non é tanto o de construír espazos físicos como en favorecer a eclosión de momentos públicos, de propostas participadas realizadas en común. E para falarnos disto teremos con nós a Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo.
  3. O xoves 21 falaremos de memoria e toponimia, da necesidade de conservar os nomes dos lugares porque precisamos destes coñecementos para transmitir formas de cultura porque de non facelo perderiamos identidade e non poderiamos recoñecernos como parte dun pobo. Recuperarmos a memoria da Coruña a través da toponimia, con Iván Méndez López, traballador no ámbito de dinamización e normalización lingüística e investigador. A toponimia fornécenos dunha información moi valiosa da vida das persoas que habitaron un espazo e ata moitas veces fálanos das persoas mesmas.
  4. E rematamos o xoves 28 recoñecendo o papel que moitas mulleres realizaron ao longo da historia e que segue a ser tan descoñecido e silenciado. Presentaremos aquí o proxecto MULLER(ES) DE PALABRA, que comezamos con tres mulleres moi vinculadas ao ensino e aos valores cívicos da defensa da democracia: María Miramontes, Mercedes Romero Abella e Elvira Bao. Quixemos con esta colección recuperar a memoria daquelas mulleres que sufriron a represión e quixemos exemplarizalo nun grupo mulleres comprometidas coa educación, co saber. A represión foi especialmente dura coas mestras. Represariadas non só por ser socialistas, galeguistas, republicanas… senón, fundamentalmente, por representar un modelo de muller libre contrario ao ideal de muller que buscaba impoñer o franquismo.
    Cóntao moi ben Maruxa Mallo en La Vanguardia en agosto de 1938: “Al mismo tiempo que cuelgan a Cristo en las paredes de las escuelas, aparecen por los montes, las carreteras y las playas, los cadáveres de los maestros.”
    Con Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG e Encarna Otero, profesora e estudosa da vida e obra de moitas mulleres.

AS PALESTRAS SON DE ENTRADA LIBRE E PARA ENSINANTES QUE ASISTAN A TODO O CICLO ESTÁN HOMOLOGADAS.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

PROGRAMA COMPLETO DAS XORNADAS

Datas: Días 7, 14, 21 e 28 de febreiro de 2019.
Lugar: A. C. Alexandre Bóveda (Olmos, 16. A Coruña)

Xoves, 7 de 19:30h. a 21:30h.
patrimoniogalego.net un catálogo social do patrimonio cultural de Galicia.
Soledad Felloza, integrante do proxecto A Enciclopedia do Patrimonio de Galicia
Patrimoniogalego.net é un Sistema de Información Xeográfica (SIX). O obxectivo é elaborar un Catálogo Social do Patrimonio Cultural galego, estruturado por comarcas, concellos, pero no que tamén podes recuperar a información por tipo de ben cultural, por cronoloxía… É como unha Wikipedia do Patrimonio.Un dos grandes problemas do Patrimonio Cultural en Galicia é que non sabemos o que temos. A información consíguese mediante trámites burocráticos e moitas veces está incompleta ou é errada.
patrimoniogalego.net permítenos saber que Bens Culturais existen en Galicia e en que estado se atopan. Calquera pode dar información sobre o estado dun ben concreto.

Xoves 14 de 19:30 a 21:30h.
Perigo! Os museos Inclusivos transforman sociedades e territorios.
Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo.
O museo “foi” a institución privilexiada dunha clase determinada, o espazo onde se conservou o coñecemento e a historia “oficial”, e, aínda que isto mudou debe mudar aínda máis. Temos por diante o reto de reformular a institución en clave de diversidade e igualdade.Debemos profundar na idea dun patrimonio, dun museo expandido, aberto, flexíbel, dinámico e accesíbel á expresión humana: aspiramos a traballar en rede en contornas compartidas. Un novo museo chegou para quedar, un museo traballando e pensando no común, no que as obras, os coñecementos, os obxectos son de todos e todas, para xerar un espazo no que ninguén sexa excluído.

Xoves 21 de 19:30 a 21:30h
Recuperarmos a memoria da Coruña a través da toponimia.
Relator: Iván Méndez López, traballador no ámbito de dinamización e normalización lingüística. Investigador.
Un dos recursos máis importantes para coñecermos a identidade pasada é a toponimia. O relatorio tentará achegar o valor da riquiza toponímica dun concello como A Coruña, ao mesmo tempo que ponderará a recuperación do noso nomenclátor como elo de unión co noso pasado.

Xoves 28 de 19:30 a 20:30h.
Presentación da colección MULLER(ES) DE PALABRA.
Relatoras: Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG e Encarna Otero, profesora e estudosa da vida e obra de moitas mulleres.
Neste caso, ábrese a colección con tres mulleres de pensamento, obra e acción que traballaron polo progreso, a igualdade e unha sociedade máis xusta.
Mercedes Romero Abella. Tiña 29 anos, nai de dous fillos pequenos e foi violada e torturada. Cortáronlle os peitos, antes de ser asasinada.
Elvira Bao, mestra no hospital de Oza e activa militante do galeguismo e membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933, editora xunto co seu home Bernardino Varela do que moi probablemente sexa o primeiro libro para crianzas, aquel “Contos pra nenos” de 1921 con ilustración de Álvaro Cebreiro. Como consecuencia do seu activismo político, despois do golpe de estado do 36, é detida e pasa uns meses no cárcere. Foi separada definitivamente do ensino público.
María Miramontes unha muller que non foi mestra, foi costureira… mais non se pode falar de escolas e de ensino sen falar de María Miramontes, animadora e impulsora das escolas de ensino galego e das editoriais Lar e Nós. Ela representa como ninguén esa mocidade curiosa e con vontade de saber.

A actividade é de entrada libre para todo o público. Solicitada a homologación á Consellaría de Educación por 8 horas lectivas polo que os/as ensinantes asistentes, terán dereito a certificado homologado. Para iso deben inscribirse na web www.as-pg.gal, apartado de formación. Hai unha reserva máxima dun 30% para docentes en paro.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *