O 19 de xullo de 2019 cumpriranse trinta anos da morte dunha das persoas máis preocupadas por estudar o noso pasado, a nosa memoria como pobo: Xaquín Lorenzo, Xocas. Desde aquí dedicámoslle unhas breves liñas á súa lembranza.
Vida e obra.
Xaquín Lorenzo naceu o 23 de xuño de 1907 en Ourense, na rúa da Paz, nesa mesma rúa (enfronte) onde naceron Otero Pedrayo e Vicente Risco. Tras iniciar estudos de Filosofía e Letras, Dereito e Historia, finalmente licenciarase en Filosofía e Letras en Zaragoza.
Dos anos universitarios son as súas primeiras publicacións e tamén o contacto co Seminario de Estudos Galegos, no que ingresará en 1926 cun traballo sobre o carro. Os seus traballos de Etnografía, Folclore e Historia, aparecen en moitos casos na revista Nós.
Moi implicado no proxecto de creación dun Museo para Galiza, será tardiamente cando vexa cumpridos os seus desexos coa creación do Museo do Pobo Galego, do que será presidente.
Xocas participou na vida política do país. En 1930 foi nomeado secretario terceiro da Irmandade Galeguista de Ourense. El sempre se considerou un dos fundadores do Partido Galeguista, participando en mitins, conferencias e traballando polo Estatuto de Autonomía.
Finalizada a guerra, foi nomeado profesor interino de Xeografía e Historia no Instituto de Ourense, pero pola súa filiación galeguista apartárono do ensino público e no curso 1942-1943 xa forma parte do claustro de profesores do colexio privado Cardenal Cisneros de Ourense, do que chegou a ser copropietario e director e no que permaneceu ata a súa xubilación en 1981.
O seu labor de etnógrafo e arqueólogo segue desde a fin da guerra e percorre Galiza en busca de datos para os seus estudos. Na súa obra están presentes, entre outros, o mar, a terra, os oleiros, os cesteiros, o carro, o xugo, os xogos e as cantigas populares.
Como xa dixemos, despois dunha vida dedicada á arqueoloxía, á etnografía e á historia, Xaquín Lorenzo morre en Lobeira (Ourense) o 19 de xullo de 1989. No ano 2004, a RAG dedicoulle o Día das Letras Galegas.
O carro e mais a vaca tiveron un papel protagonista no mundo rural galego. Xa vimos que Xocas ingresou no Seminario de Estudos Galegos cun traballo sobre o carro. Pois ben, tamén ao carro lle dedicou sentidas palabras o poeta da Terra Chá, Manuel María. E, como non, será un dos nosos grupos emblemáticos os que lle poñan música ao noso carro, Fuxan os Ventos, dos que formaban parte os admirados Mini e Mero.
Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso:
fino como un asubío.
Anque é, ás vegadas, saudoso,
faise, no ar, rechouchío.
O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a súa feitura!
¡Que lixeireza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita pra casa!
[wps_separator style=”default” top=”not” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]