E se o 2023 fose o ano de Luísa Villalta?

Luísa Villalta

Luísa Villalta

Se no seguinte Pleno da Real Academia Galega –ese no que deciden a persoa homenaxeada coas Letras Galegas de 2023– escollesen a Luísa Villalta, estarían facendo xustiza coa súa obra e co seu exemplo de compromiso con Galiza e a súa cultura. Luísa cumpre sobradamente os requisitos que esixen os Estatutos –capítulo 2, artigo 7– da Real Academia Galega, para homenaxear cun Día das Letras Galegas: “A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza poñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”.

Luísa Villalta

Se a RAG escollese a Luísa Villalta para homenaxear co Día Letras Galegas de 2023, aumentaría un pouco o exiguo número de mulleres homenaxeadas. No 2022, levamos 60 Días das Letras e, deles, só 5 dedicados a mulleres: Rosalía (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021).

Luísa Villalta, socia de honra de ACAB

Se no seguinte Pleno a Real Academia Galega escollese a Luísa Villalta para as Letras Galegas de 2023, faríase eco das demandas que ano tras ano vimos realizando desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda para a nosa socia de honra.

Placa na casa de Luísa Villalta

Nada na Coruña en 1957 e falecida no 2004, Luísa Villalta é unha das autoras imprescindibles do último cuarto do século XX. Libros seus son: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), Apresados sen présa (2002), Estudo das sombras (2002), Modulación de Orfeu (2002), En concreto (2004) e Papagaio (2006).

Placa Luísa Villalta

Luísa Villalta amaba a poesía, a música, e “esta cidade tatuada na pétrea pel do Mar”. Amaba Galiza e a súa cultura. Xusto sería que o próximo Pleno da Real Academia Galega propiciase que a vida, a obra e o exemplo de compromiso de Luísa Villalta chegase a toda Galiza a través da homenaxe do Día das Letras Galegas de 2023.

Axudémoslle entre todas á RAG a tomar esa decisión mandándolle un correo (secretaria@academia.gal) para que faga xustiza con Luísa Villalta e o 2023 teña o merecido Día das Letras Galegas.

Cemiterio Santo Amaro
Familiares de Luísa diante do cemiterio de Santo Amaro nun roteiro organizado pola AELG e a ACAB

No Comments

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *