Ciclo O Románico: Galicia na vangarda. Primavera 2023
Bloque I: os luns de Marzo a partir do día 13 ás 19.30
Bloque II- Abril luns 10 de abril e sábado 15 de abril
Na Coruña Literaria fixámonos moito no Mapa Mundi do Beato do Burgo de Osma (circa 1086), unha obra que xunta arte e libro e que deixa testemuña gráfica da presenza do noso territorio na época de consolidación do que será a arte románica. Esta arte, cunha fonda fundamentación en fórmulas clásicas, quere ter un carácter globalizador e unificador cunha estratexia de poder baseada na combinación do político e o espiritual. A reforma gregoriana impulsada desde o papado apóiase na procura dunha homoxeneidade na liturxia e no espazo litúrxico con características comúns no arquitectónico e no decorativo. Plantas en cruz latina, cabeceiras absidiadas, bóvedas de canón. Programas iconográficos como auténticas biblias en pedra e desenvolvidas en distintos lugares do templo: batentes, canzorros, capiteis, e por suposto os tímpanos.
A conxuntura histórica na península ibérica vai favorecer a consolidación deste estilo nun momento no que se vive un reequilibrio de forzas entre os reinos cristiáns e o Al-Andalus tras o desmembramento do poderoso califato de Córdoba. A toma de prazas como Toledo por parte de Alfonso VI en 1085 ratifica esta tendencia. Para a reestruturación dos novos territorios a monarquía atopa un grande apoio nas ordes monacais. A bieita abadía de Clunny xa demostrara a súa eficacia na organización do territorio, pero tamén na difusión da linguaxe artística. En terras galegas os mosteiros serán grandes aliados estratéxicos coa súa capacidade para xestionar o espazo, especialmente o rural. O císter vai ter aquí un papel fundamental no territorial e no arquitectónico, cun gran número de mosteiros como o de Sobrado dos Monxes, receptor dunha das primeiras comunidades cistercienses que chegan á península xa a mediados do século XII. Máis adiante, xa ben avanzada a Baixa Idade Media, atoparemos as ordes mendicantes como novas comunidades moi implicadas na trama territorial, pero neste caso de carácter urbano e xa cunha nova estética, a primeira nova estética da historia da arte consciente da súa novidade: o Opus Modernum. Na Coruña, teremos Dominicos e Franciscanos franqueando a nosa xeografía. Con senllos espazos que foron fundamentais para entender a cidade, que sufriron un agresivo borrado da memoria e que nestas xornadas procuraremos rememorar.
Volvendo a aquel último terzo do século XI únese, como acontecemento decisivo do Románico como punto de partida, o arranque das obras nas futuras grandes catedrais románicas. Obras nas que a monarquía adoita estar presente como patrocinadora. Alfonso VI está xunto ao bispo Diego Peláez detrás do comezo do edificio que será o gran receptor e dinamizador do románico. O feito compostelán, o Camiño de Santiago, os vínculos arredor dunha sorte de incipiente cosmopolitismo medieval a prol desa linguaxe xeradora de identidade.
Neste ciclo sobre o Románico como punto de partida, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda convídavos a mergullármonos neste momento histórico artístico. Comezaremos coa cuestión máis local da man da medievalista de referencia para a cidade da Coruña: Dolores Barral, profesora de Arte Medieval da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, cuxa tese doutoral puxo as bases sobre o estudo da Coruña medieval. Mais tamén exploraremos outras disciplinas artísticas, como é o caso da música da man de Francisco Luengo, luthier, musicólogo e construtor de instrumentos históricos. Para rematar este primeiro bloque, acudiremos ao gran referente que supuxo a Catedral de Santiago de Compostela, a cal se converte en potenciadora da experimentación das fórmulas do románico e precursora da sensibilidade gótica exemplificada nese magnifico sorriso de Daniel do Pórtico da Gloria. Dos Diegos Peláez e Xelmírez a Mestre Mateo. Deterémonos nesa Era Compostelá coa compañía de Ramón Yzquierdo Peiró, doutor en Historia da Arte cunha tese sobre os fondos artísticos catedralicios e actual Director Técnico do Museo Catedralicio de Santiago. Coa súa palestra: A catedral de Santiago na era compostelá a alianza do REGNUM e o SACERDOTIUM para a configuración tun templo nacional Yzquierdo afondará na relación entre a construción da catedral e os seus impulsores, e a clara intencionalidade que hai detrás.
No segundo bloque, xa en abril, exploraremos distintas comarcas galegas na procura dese románico. Pedro Siaba, un gran coñecedor do románico galego, achegaranos a arte medieval da Costa da Morte. Finalmente, unha sorpresiña para un sábado de abril no que colleremos a estrada para aventurarnos a visitar e coñecer mostras abraiantes da nosa arte na vangarda.
[ngg src=”galleries” ids=”3″ display=”basic_imagebrowser”]