Despois de que ano tras ano numerosos colectivos e asociacións –entre elas a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda– reivindicasen un Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero, a Real Academia Galega saldaba esa débeda na sesión ordinaria que celebrou o seu Pleno o 22 de xuño de 2019. Nesa sesión, a RAG acordaba dedicar o Día das Letras Galegas de 2020 ao autor ferrolán.
Desde a RAG sinálase que Ricardo Carvalho Calero foi:
Unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.
Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol o día 30 de outubro de 1910 e morreu en Compostela o día 25 de marzo de 1990. Serían, pois, setenta e nove anos dedicados intensamente a Galiza e a súa cultura. Profesor, estudoso da nosa lingua e da nosa literatura e creador literario –de poesía, narrativa, teatro e ensaio– son algunha das importantes facetas que desenvolveu Carvalho Calero. A continuación, dedicámoslle unhas breves liñas á súa faceta docente e de estudoso, crítico e investigador da nosa lingua e da nosa literatura. Noutra ocasión, recordaremos o seu labor de creador literario.
Carvalho Calero, profesor
Calquera faceta que examinemos no labor de Ricardo Carvalho Calero vemos que ten unha importancia capital e pioneira. Tamén no caso da docencia. El foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela.
Logo de estudar o bacharelato en Ferrol, cursou Dereito e Filosofía e Letras na USC. O golpe de estado de 1936 colleuno en Madrid participando nas oposicións de Lingua e Literatura Española para o ensino medio.
Tras pasar polo cárcere, imposibilitado para desenvolver a función pública, exerce o ensino privado no Colexio Fingoy de Lugo –onde foi Director–, entre 1950 e 1965. Dedica todo o seu tempo e atención a conseguir o obxectivo de converter o centro educativo nunha experiencia pedagóxica única na Galiza:
“Aspirava–se a centrar o ensino no meio galego, a arraigar a educaçom no ambiente do país. Rejeitava–se toda a pedantaria livresca que confundise a formaçom dos rapazes com a erudiçom infantil, despersonalizada e apátrida.”
En 1965 foi autorizado para exercer o ensino público como agregado no que hoxe é o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, comeza a impartir aulas de galego –as primeiras– na USC. Finalmente, en 1972, accedeu á cátedra de Lingüística e Literatura Galega da USC. En Compostela, a súa dedicación á Universidade foi total, abranguendo –como ensinante universitario– múltiples facetas: desde o contacto persoal até a investigación máis erudita; da dirección de teses de doutoramento á edición de libros.
O seu traballo docente rematou en 1980, pero ata a súa morte en 1990 continuou acudindo á Facultade de Filoloxía.
Carvalho Calero, investigador e estudoso
Se como profesor abriu camiños nunca antes andados, como investigador e estudoso da lingua e literatura galega marcou fitos importantes, cumes que aínda hoxe non son fáciles de superar.
No tocante á literatura, ademais de editor de clásicos, da obra Estudos rosalianos (1977) ou –entre outras– de Escritos sobre Castelao (1989), Carvalho Calero deixounos unha obra que marca un antes e un despois no estudo da literatura galega contemporánea. Trátase da súa Historia da literatura galega contemporánea (1963). Traballo que iniciara en 1955 coa súa tese de doutoramento e que terá reedicións en 1975 e 1976. Inclúe estudos de etapas e autores da Galiza a partir de 1808 e até 1975. Carvalho fai un esforzo sintetizador sen precedentes do que é debedora toda a investigación posterior. A súa obra é unha referencia obrigada para o estudo da literatura galega contemporánea.
Con relación á lingua, Carvalho Calero amosou desde moi novo unha preocupación, tanto pola súa codificación como polo seu uso correcto desde o coñecemento etimolóxico. Todo isto concrétase en 1966 na súa Gramática elemental del gallego común. Carvalho tamén mostrou a necesidade do emprego en público do galego ou a necesidade de crearmos espellos públicos de uso. En 1981, publica Problemas da lingua galega. Nesta obra fai unha defensa do reintegracionismo lingüístico co portugués como camiño para a normalización, algo que lle supuxo nos últimos anos da súa vida a marxinación por parte do oficialismo.
Polo seu labor docente, polo seu traballo de estudoso da nosa lingua e da nosa literatura –noutra ocasión lembraremos a súa abundante obra de creación–, poucas persoas son tan merecentes de ser homenaxeadas cun Día das Letras Galegas como o é Ricardo Carvalho Calero.