Agora que é tempo de verán, que cada parroquia de Galiza celebra unha festa e unha romaría, chegou o momento de lembrar que o día 11 de xullo de 1884 nacía o autor dunha das pezas que soa por toda a nosa xeografía. Non hai banda de música que se prece, que non teña no seu repertorio o pasodobre Ponteareas. Non hai un campo de romaría que non fose testemuña da admiración e ledicia dos veciños e veciñas cando soaba a composición de Reveriano Soutullo.
A vida e a obra
Como diciamos, o día 11 de xullo de 1884 nacía en Ponteareas Reveriano Soutullo Otero. O seu pai era o director da banda de música de Redondela, polo tanto, Reveriano tivo contacto coa música desde moi pequeno. Aos 19 anos temos o noso autor estudando no Conservatorio de Madrid, ao mesmo tempo que ía gañando cartos tocando o cornetín.
Grazas a unha bolsa, puido ir estudar música ao estranxeiro, entrando en contacto con músicos italianos e alemáns; aínda que os que máis o marcaron foron os que encontrou en París: Debussy e Ravel.
De volta en Madrid, comezou a compoñer zarzuelas. Formando tándem con Juan Vert, compuxo pezas que acadaron grande éxito. Entre elas: La leyenda del beso ou La del Soto de Parral.
Reveriano Soutullo morre no ano 1932 debido a unha complicación no postoperatorio tras unha operación de oído.
Autor tamén de pasodobres, Soutullo deixounos unha obra mestra no xénero: “Ponteareas”. Estreado o día 20 de outubro de 1929, en Ponteareas, a composición funde os xiros melódicos das alboradas e dos alalás. Con esta peza, inaugúrase unha nova forma de compoñer pasodobres, os pasodobres galegos.
Falando de romarías, bandas de música e pasodobres, a data de nacemento de Soutullo (11 de xullo) é moi significativa en toda esta temática: celébrase o San Bieito. E, claro está:
Se vas ao San Benitiño,
non vaias ao de Paredes,
que hai outro máis milagreiro,
San Benitiño de Lérez.
Que nos desculpen os de Paredes.
Cantas veces soaría pasodobre Ponteareas na romaría do “San Benitiño”!
Pasodobre Ponteareas (Banda Municipal de Valga):
[wps_youtube url=”https://www.youtube.com/watch?v=lYvrWQjiRb4″ width=”600″ height=”400″ responsive=”yes” autoplay=”no”]
O San Benitiño (A Roda):
[wps_youtube url=”https://www.youtube.com/watch?v=ZzQ3eVeXSsE” width=”600″ height=”400″ responsive=”yes” autoplay=”no”]