Recoñecementos e homenaxes

Estatua a Pondal

“o día que vos poida levar á sepultura

unha cesta de pombas e mazás.”

(Lorenzo Varela)

Atopamos nas cidades e nas vilas recoñecementos e homenaxes a persoas destacadas da sociedade. Ben en forma de nome dunha rúa, ben nomeando un centro de ensino –biblioteca ou outro edificio público–, ben en forma de estatua ou outro tipo de monumento. Polo xeral, son recoñecementos merecidos e as sociedades acostuman a cumprir ben este apartado. Non é moi frecuente que haxa un persoeiro que a mereza sen a súa homenaxe.

Sempre se dixo que a un escritor ou músico o mellor recoñecemento ou homenaxe que lle podemos facer é ler e escoitar a súa obra. En xeral, iso pode ocorrer con todos os artistas. Sempre poderemos facerlles o recoñecemento individual de poñernos en contacto coas súas creacións.

Moito se ten escrito arredor de Castelao. Non é difícil que nos textos sobre el saia a palabra “guía” do pobo galego, tal foi a súa actitude e comportamento, tamén a súa abra e ideas. Florencio Delgado Gurriarán escribiu del:

Emporiso Daniel, Guieiro noso,

a Galiza é máis forte que o malfado

e ha de ser, o teu soño, realidade.

Eis o Voto, que compre che fagamos

pra que, no alén, froreza

o teu sorrir de Bon e Xeneroso.

(Florencio Delgado Gurriarán)

Castelao naceu en Rianxo, pero os recoñecementos á súa persoa e obra están por toda Galiza. Na Coruña, unha rúa do barrio das Roseiras leva o seu nome.

Placa da rúa Alfonso Rguez. Castelao

Nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña –xunto con outras– hai unha estatua dedicada a Castelao por parte do Concello.

Estatua a Castelao en Mëndez Núñez

Tamén na praza do Humor –preto da céntrica praza de María Pita– ten Castelao outra estatua na súa honra, na Coruña.

Estatua de Castelao na praza do Humor

Igualmente, hai un centro de ensino –para cursar formación profesional específica– que leva o nome de Castelao.

Centro de ensino Castelao

Por outro lado, a Deputación da Coruña deu o nome de “Castelao” a un premio de banda deseñada.

Evidentemente, todos os recoñecementos e homenaxes que se lle poidan facer a Castelao son poucos, pero non se pode dicir que a cidade da Coruña esquecese o de Rianxo. Outro tema distinto e se somos consecuentes e coherentes coas persoas que homenaxeamos. Seguimos todo o que Castelao deixou escrito sobre Galiza, a nosa cultura e a nosa lingua? É realmente para a cidade da Coruña Castelao un “guieiro” ou soamente o nome dunha rúa e unhas estatuas?

Poderiamos seguir poñendo exemplos con máis figuras.

Estatua a Pondal en Méndez Núñez

Nos xardíns de Méndez Núñez hai unha estatua que homenaxea a Eduardo Pondal. Na rúa Juana de Vega, hai unha placa nunha casa recordando que alí viviu o autor de Ponteceso.

Miniñas da Cruña,

d’ amabre despejo,

de falas graciosas

e pasos ligeiros,

deixá de Castilla

os duros acentos:

falade, miniñas,

falade gallego.

Ben están as homenaxes ao bardo, pero mellor estaría ter en conta o que el quería para os galegos e que este “Fogar de Breogán” espertase dunha vez do seu sono.

Monumento a Curros Enríquez

Coñecido –por céntrico e espectacular– é o monumento nos xardíns de Méndez Núñez dedicado a Curros Enríquez. Sabemos que foi moi querido na cidade, que recibiu unha grande homenaxe no teatro Rosalía de Castro e que o seu enterro foi multitudinario.

Non máis soñes, bon labrego,

non máis soñes montes de ouro

nin moreas.

Teu millor libro é o gallego,

teu gran tesouro o tesouro

das ideas.

Cando consultes Murguía,

Paz, Pondal, Añón e Lamas,

e no bico

as cancións de Rosalía

teñas sempre, que tanto amas,

¡serás rico!

Tamén estaría ben facerlle caso ao que deixou escrito o autor de Celanova. El que quixo facer poesía comprometida mentres houbese inxustizas.

Na praza do Humor hai tamén unha estatua dedicada Álvaro Cunqueiro.

As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. (…) Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: “aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis'”.

Oxalá todas e todos sentiramos estas palabras que pronunciou Álvaro Cunqueiro, que toda unha cidade desexase “mil primaveras” máis para a lingua galega, como desexou o autor de Mondoñedo.

Ben están os recoñecementos e homenaxes ás persoas destacadas da sociedade, mellor aínda ser conscientes e coherentes co que elas querían e desexaban para esa sociedade.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *