Queixumes dos pinos é o título do libro de poemas escrito por Eduardo Pondal e que conten o poema Os pinos mais con ese nome de “Queixumes dos pinos”, segundo nos explica Xoán Costa, existiu tamén unha coral.
En xaneiro de 1922 a sociedade coral Queixumes dos pinos da Coruña (hai outra co mesmo nome en Vigo) ten xunta directiva e regulamento aprobado. Dirixe a colectividade o notábel músico Mauricio Farto, un dos principais animadores da recuperación e dignificación da tradición musical galega nos primeiros decenios do século XX. A primeira formación que creou foi Blanco y Negro. Dirixiu El Eco e fundou Cántigas da Terra. En 1922 despois de deixar Cántigas, funda Queixumes dos pinos e en 1924 Saudade, coro que ten como obxectivo interpretar a súa propia música.
A presentación oficial ao público coruñés de Queixumes dos pinos, concebida como unha “homenaxe a Pondal” foi no teatro Rosalía o 22 de xuño de 1923 e realizouse cun programa en tres partes.
Na primeira púxose en escena “o diálogo en galego do xornalista D. Ramón Suárez Pedreira titulado Queixumes dos pinos, en que se fai a presentación de dita agrupación”.
Na segunda parte a sección de declamación representou a obra de Nan de Allariz, O zoqueiro de Vilaboa. Xa na terceira parte foi o coro que cantou “cancións da rexión” para finalizar cantando o Himno Galego.
No libro O teatro galego e os coros populares 1915-1931 Laura Tato inclúe unha peza titulada Queixumes dos Pinos “un diálogo anónimo” representado na Coruña o 22 de xuño de 1923 . El Correo Gallego do día 23 atribúe a autoría a Ramón Suárez Pedreira, autor tamén do diálogo Entre vellos estreado en 7 de abril de 1918 polo cadro de declamación do «Club Atletic» coruñés e o drama Xusticia estreada no Teatro Linares Rivas da Coruña o 21 de Decembro.
Á altura da estrea de Queixumes Suárez Pedreira era xa un xornalista consagrado e un autor que comezara a súa andaina literaria en xuño de 1915 ao gañar, co poema A una madre, o primeiro premio na Festa da flor e da poesía de Valencia. Atopábase facendo o servizo militar en Melilla.
En setembro de 1920 aparece publicado en Vida Gallega un poema seu titulado Galicia, miña patria, en febreiro de 1921 na mesma revista, o poema Fuxe morte !!… e en maio do mesmo ano Limpando. En El Compostelano publica, en marzo de 1929 o poema Miña naiciña.
Será este a versión galega de A una madre?
(Publicado no Sermos Galiza nº 252)