Pura Vázquez: unha voz persoal

No Ourense da segunda década do século XX –cando a cidade era un fervedoiro cultural e galeguista– nace unha das voces poéticas máis persoais. Referímonos a Pura Vázquez. A ela dedicámoslle unhas breves liñas de homenaxe.

Vida e obra de Pura Vázquez

Pura VázquezComo diciamos, Carmen Pura Vázquez Iglesias naceu en Ourense no ano 1918 e faleceu na mesma cidade no ano 2006. Malia nacer nas beiras do Miño, pasou os sete primeiros anos de vida na Coruña e a esta idade a familia trasládase de novo a Ourense –o pai era funcionario de Correos–. Na cidade das Burgas fixo os estudos primarios, o Bacharelato e a carreira de Maxisterio. Exerceu de mestra en varias localidades ourensás e tamén fóra de Galiza: Segovia, Toledo, Sevilla e Madrid. Nesta última cidade xubilouse en 1985, regresando definitivamente a Ourense, onde pasou a última etapa da súa vida. Entre 1955 e 1968 –con excedencia profesional do Ministerio español– viviu en Venezuela encargada de temas educativos polas autoridades daquel país.

Desde moi nova, comezou a escribir Pura unha obra en galego e castelán que logo sería moi prolífica. Entre as súas obras poéticas podemos citar: Íntimas (1952), Maturidade (1955), A saudade e outros poemas (1963), O desacougo (1971) e Verbas da edra e do vento (1992), Desmemoriado río (1997).

A crítica –que sitúa a Pura Vázquez na Xeración de 1936, inda que tamén hai quen a inclúe nas escritoras de posguerra– sinala que a súa obra está marcada pola sentimentalidade, o lirismo, a relixiosidade e un intimismo marcadamente feminino, sen por iso esquecer unha certa preocupación social, sobre todo centrada nas xentes do rural:

NAS BAGAS DO PASADO

Eran outras as árbores cando outono chegaba

cos ventos, follas lábiles, cotidiáns salmodías.

A nosa adolescencia fervía perfilándose

dentro de nós cos grises, pequenas rebeldías.

Entre os áulicos mármores do adral líamos nomes.

Exhumábamos ledas lendas e paganías.

Inventábamos xades coas pedriñas brillantes

entre os tallados vidros nas areas das rías.

Que confusión extraña coas liturxias naceron

de mitos, contramitos, sagas, mitoloxías.

Na contraluz das sestas. Na espesura das horas

navegaban os soños por idoiras bahías.

(de Desmemoriado río)

Ademais dalgunha peza teatral en colaboración coa súa irmá Dora Vázquez e dalgunha narración, Pura escribiu literatura infantil, nunha liña clásica e moralista no xeito de entender o xénero: Versos para nenos da aldea (1968) e Ronseles (1980).

Académica correspondente da Real Academia Galega desde 1949, Pura Vázquez pertence a ese grupo de autoras que aínda está agardando o coñecemento e recoñecemento debido.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis de Pura Vázquez e ler parte da súa obra:

Ficha de Pura Vázquez na Biblioteca Virtual Galega.

Selección de poemas de Pura Vázquez, do Consello da Cultura Galega

[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/poemas-de-Pura-Vazquez.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *