Prohibistes o galego nas ABAU… Imperialistas fracasados

Eu love o galego

A CIUG, AS ABAU E O LIBRO NEGRO DA LINGUA GALEGA

Eu love o galego

A CIUG (Comisión Interuniversitaria de Galicia) vén de eliminar do temario das ABAU (avaliación de bacharelato para o acceso á universidade) a historia do galego anterior a 1981.

Algunhas das ideas que a CIUG non quere que a mocidade coñeza:

NA IDADE MEDIA (S. XII, XIII, XIV e XV):

Que en Galiza todo o mundo falaba (e escribía) en galego. Que ata o rei de Castela, Afonso X, escribiu en galego.

NOS SÉCULOS ESCUROS (S. XVI, XVII e XVIII):

Que a práctica maioría das galegas e galegos falaban en galego.

Que o padre Sarmiento defendeu decididamente o ensino da lingua galega, así como pedía que os curas en Galiza soubesen o galego.

NO REXURDIMENTO (S. XIX):

Que con –entre outros– Rosalía, Pondal e Curros a lingua galega volveu a empregarse brillantemente na escrita.

Que Rosalía no prólogo de Cantares gallegos (1863) dixo que o galego “doce e sonoro, é tan aproposito com’ ó pirmeiro, para toda clase de versificacion.”

Que Pondal lle pedía ás “miniñas da Cruña… deixá de Castilla os duros acentos: falade, miniñas, falade gallego.”

Que Curros en Aires da miña terra (1880) mandaba ler a Murguía, Paz, Pondal, Añón, Lamas e Rosalía para ser rico.

 NO SÉCULO XX:

Que en 1906 se creou a Real Academia Galega, institución que tiña como obxectivo a defensa da lingua galega.

Que en 1916 se fundaron as Irmandades da Fala para –como o nome indica– defender o noso idioma e que rapidamente se estenderon por toda Galiza dunha maneira admirable.

Que a xente do Seminario de Estudos Galegos (1923) quería estudar toda a realidade de Galiza e facelo na nosa lingua.

Que Castelao escribiu en Sempre en Galiza (1944):

Sempre en Galiza“E diríalles máis: prohibistes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsastes o galego das igrexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugastes o galego ante os Tribunais de xustiza e chegastes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.”

Que Castelao deixou escrito que “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.

Que Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro no manifesto Máis Alá (1922) dicían que eran intransixentes no uso do noso idioma.

Que no exilio se seguiron publicando obras en galego e facendo cultura no noso idioma.

Que tan só uns anos despois de acabar a Guerra Civil –con toda a persecución que sufriu a nosa lingua– xa se estaba publicando en galego, porque non se pode ocultar a lingua dun pobo.

Que Celso Emilio Ferreiro escribiu contundentemente sobre a  “lingoa proletaria do meu pobo eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña”.

Que Manuel María no poema “A fala” (1979) dixo: renunciar ao idioma é ser mudo e morrer. ¡Precisamos a lingua se queremos vencer!

Que na década de 1960 apareceron moitas asociacións culturais e partidos políticos que defenderon e promoveron o uso do noso idioma.

Que na Constitución Española (1978) se marxina o galego en relación con castelán xa que se di que todo o mundo ten que coñecer o castelán pero –as galegas e galegos– non teñen esa obriga coa súa lingua (o galego).

Poderiamos seguir poñendo infinidade de exemplos do que a CIUG non quere que a mocidade saiba da historia do galego.

torre de hércules e diario nós

Pola contra, o que a CIUG quere que as mozas e mozos galegos coñezan da historia da nosa lingua é algo que, por desgraza, saben de sobra:

Que ano tras ano diminúe o número de galegofalantes.

Que a lingua galega segue sufrindo numerosos prexuízos sen que os gobernantes fagan nada por eliminalos.

Que nas súas clases predomina o uso do castelán sobre o galego.

Que hai materias que non se poden dar en galego.

Que poucos medios de comunicación teñen en galego.

Que os gobernantes da Xunta falan en castelán por menos de nada en vez de en galego.

Que na TVG e na Radio Galega cada vez se usa menos a lingua que tiñan que promover.

Que un expresidente da Xunta vota en Madrid en contra do uso do galego no Parlamento.

Que presidentes e conselleiros da Xunta cando falan en galego teñen unha fonética e unha sintaxe manifestamente mellorable.

Por saber… ata sabe a nosa mocidade o que a CIUG non quere que saiba da historia do galego. A CIUG fixo méritos suficientes para aparecer nunha próxima edición d’O libro negro da lingua galega de Carlos Callón.

One Comment

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *