Un poema para agosto (VI): Xavier Seoane Rivas

Santa María do Campo

Torre de Hércules

Xavier Seoane Rivas (A Coruña, 1954) publicaba en Dársenas do ocaso ( 2002) o poema “A Patria”. Nos seus versos amósanos e que é e non é para el a patria.

A PATRIA

 

Pregúntasme o que eu penso da patria.

 

A patria, para min, é o olor a brea,

as abellas voando sobre as flores silvestres,

unha vaga lentura nos días de setembro.

 

Patria son os amigos,

a miúda rapaza

que xogaba comigo ao xadrez

nos antigos diváns dun derruído café,

certas rúas perdidas

e discretos paseos,

os bancos

dunha praza en penumbra ao entardecer.

 

Patria son os pesqueiros remontando

o azul promontorio da Torre de Hércules,

as pombas arrolando

nos tellados azuis do Casco Vello,

un tremor silencioso nos cristais da xanela

cando o día atardece.

 

Qué pode ser a patria

máis que a que a dentada

nas primeiras cereixas,

o coche escangallado na barriada

en que liabas o primeiro cigarro

con tremor e con medo,

a inquedanza no rostro

do teu pai que comeza a envellecer,

o neboeiro perdido no infinito dos ceos,

a que era amor nunha cantiga vella.

 

Porque a patria non son, serán nin foron nunca

as sombras de uniforme,

as damas ominosas de encaixe duro e negro,

o xeo na mirada

do freire que asexaba de esguello tras dos lentes

namentres esnicaba nunha verruga vella

nun estrado debaixo dun ouro e sangue acedos.

 

A patria non será xamais un mapa,

unha estatua, un suxeito de etiqueta.

 

Quizais a patria só é ese ceo indefinido

pasando misterioso sobre o mar que entardece.

Un arrecendo a lume e a romeiro

entre cegas papoulas e estralotes violetas.

Uns ollos que contemplan

a chuvia das estrelas silenciosas

sobre o horizonte nu das últimas ribeiras.

Santa María do Campo

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *