O profesor e escritor Henrique Manuel Rabuñal Corgo (Pastoriza-Arteixo, 1962), bo coñecedor da cidade, dedícalle á Coruña parte dos seus versos e estudos. Neste caso, o poema “Cidade Alta” que, á súa vez”, dedica “A Manolo Fernández Costas”.
CIDADE ALTA
A Manolo Fernández Costas
Choran as lousas e os santos
da Alta Cidade esquecida.
O silencio arrebólase nos adros
e nas praciñas desertas.
Canteiros e arquitectos debuxan
no ar o tormento.
Rezan os frades fóra das murallas,
axítanse nos hospitais os fantasmas
e un medo espeso fecha
os portalóns do Parrote.
O corpo aínda mozo do Xeneral Moore
é o espello de tanta morte e tanta desolación.
O xuízo final é a película que poñen
en Santa Bárbara, cos horrores da guerra
e un refacho de betume visguento
que esvara pola casa de Cornide
que se fai cadro xigantesco na de Luís Seoane.
En Capitanía berran os veciños asustados,
os académicos de Tabernas, os esmoleiros
e os novos ricos que toman posicións e praza
na alma esgazada da Alta Cidade.
Hai sede de paz nas ruelas e nos balcóns
e a cidade péchase en si mesma
muda e núa coma o seu esqueleto de pedra.
A cidade fermosa coma unha loba ferida,
como unha nai aloumiñando o cadáver
de seus fillos. Sen remedio.