Miguel Anxo Fernán-Vello (Cospeito, 1958) públicou, no ano 2004, Territorio da desaparición. Nel incluía o poema, “Noites coruñesas”.
NOITES CORUÑESAS
Labradas como un eco vibrante na sombra azul
do mar, as noites coruñesas arrecenden a hora sensual,
maré salina de estrelas, silencio de enigma portuario,
flor de palpitación líquida no ceo.
Noites que se adentran como naves invisíbeis na
cidade e tocan o corazón das rúas, o perfil iluminado
do pensamento, a lámpada secreta das casas. Un mila-
gre de láminas de vento acéndese na lonxanía das
praias e a frescura entra na pel como un asombro.
As noites coruñesas suspenden un labio de seda e
lentitude sobre os astros do clima e un alento mariño
transmigrado nos espellos do outono debuxa a forma
íntima das lembranzas.
Noites que brillan no Orzán entre cifras de néboa
e luces de neón cando treme na brisa o alcol escuro da
nostalxia. E o mar, sempre o mar e a súa voz que con-
tén todas as palabras do desexo.
Nas longas noites que atravesan o tempo, aí esta-
mos, cos ollos abertos, cultivando unha brasa de beleza
no pensamento; sentíndonos vivos como un salto de
luz, aínda máis pura, contra a paisaxe diúrna da morte.