“Xa está. Xa pasou o Día. Antón Avilés de Taramancos xa ten a merecida restitución do seu nome, reincorporado por vía da súa propria obra aos fundamentos máis sólidos do noso progreso como pobo. Xa se enteirou todo o mundo(…)”
Así comezaba a súa columna d’A Nosa Terra Luísa Villalta, para reflectir sobre a utilidade dos libros, tras o que sería, desafortunadamente, o seu derradeiro Día das Letras Galegas.
Xa daquela, en maio de 2003, constataba con retranca Luísa Villalta que había libros que só valían para calzar a pata coxa da mesa. E se o tamaño non daba xeito, podíanselle arrincar cantas follas fosen precisas, mentres quedase o prólogo de Manuel Fraga Iribarne.
Nestes tempos novos da intelixencia artificial, o ilustre “ChatGPT” asegura que os libros serven para entreter, educar, informar, explorar, reflexionar e inspirar ás persoas. Non llo discuto, mais o neoliberalismo preeiro baixo o que vivimos propicia que saia do prelo demasiado xoio, o que impide discernir con claridade onde está o trigo limpo. O suceso dun libro ten por veces máis que ver coas estratexias de márketing que coa calidade literaria.
Alén diso, a sociedade de consumo na que vivimos favorece que o escritor/a teña como obxectivo atrapar clientes, antes que abrirlles os ollos aos lectores educándoos, informándoos, mostrándolles novas realidades e inspirándoos para que se impliquen activamente no proceso creativo.
Nabokov sinala as calidades do bo lector: é aquel que ten imaxinación, memoria, un dicionario e certo sentido artístico. Así que xa podedes borrarvos de todos os clubes de lectura aos que estades apuntados. Non serven de nada.
Isto en canto ás calidades. En canto a cómo debe ler un bo lector, para iso tamén ten unha idea o profesor Nabokov:
“Aínda que pareza estraño, os libros non se deben ler: débense reler. Un bo lector, un lector de primeira, un lector activo e creador, é un “relector”. Só ao reler se produce o “estremecemento revelador.”
Precisamos mapas literarios que nos mostren onde están as escritoras/es de primeira, como Luísa Villalta, para lelos e relelos ata o estremecemento revelador, e superar así o neoliberalismo e o consumismo.