Para estar no mapa do mundo

Nos meses de outono desenvolverase na nosa asociación un ciclo de pensamento que titulamos PARA ESTAR NO MAPA DO MUNDO, voces diferentes que tiran do fío dunha historia para amosar pensamentos, vontades e accións diferentes e así comprender, coñecer, propoñer, explicar ou tan sequera amosar o mundo do que formamos parte.

Nove persoas que en oito sesións repasarán diferentes parcelas do pensamento.

Xoves 10 de outubro ás 20 h
Conexións. Unha viaxe arredor do mundo con destino Galicia.
Para comprender o mundo no que vivimos hai que comezar por coñecer o que temos na casa. O coñecemento absoluto non existe, de tal xeito que, para comprender algo, o que facemos é establecer conexións entre as cousas. Ao viaxar polo mundo adiante, poderemos comprender e coñecer o que imos observando na medida en que poidamos establecer ligazóns co noso mundo cotiá. Nesta charla comento algunhas ideas e conexións que fixen na miña viaxe arredor do mundo.
Con Xurxo Mariño, neurocientífico, divulgador e viaxeiro.

Luns 14 de outubro ás 20.45 h
Cinema e esencia
Se o cineasta conecta coa súa esencia contactará coa do espectador.
Con Oliver Laxe, cineasta.

Xoves 24 de outubro ás 20 h
Discurso de ódio: a questão é saber quem manda aqui
Na nossa sociedade, como em todo o Ocidente atualmente, existe uma preocupação à volta do uso de palavras que podem transmitir injúrias. Alguns desses termos vão desaparecendo do nosso vocabulário porque, conscientemente, preferimos aderir valores alternativos (feministas, multiculturalistas ou não discriminatórios). Porém, este autocontrolo exercido sobre a linguagem consolidou a figura jurídica do discurso de ódio, tão interessante quanto frequentemente invocada para reprimir as liberdades coletivas. O debate toca diversos temas, da correção política à ilusão duma língua neutra, e, sobretudo, exige que nos tornemos inteligíveis como falantes. Mas que é o que queremos, realmente, dizer?
Con Teresa Moure, escritora e profesora na USC.

Mércores 30 de outubro ás 20 h 
Seguimos a imaxinar en mapas de cores
Os estados existentes existen, non desaparecerán nominalmente, perderon e perderán contido baleirados polo capital financeiro, ao que serven uns e sométense outros. Seguirá a haber super estados nación como China. A Galiza para existir o que ten por diante é constituírse en nación política. Entendo que a cuestión dun estado propiamente non é para estas xeracións. Temos todo por empezar aínda.
Con Suso de Toro, escritor.

Xoves 14 de novembro ás 20 h
Feminismo e dereitos democráticos
Que poden facer as institucións para garantir os dereitos das mulleres? Existe unha democracia sen feminismo? Que ámbitos precisan máis impulsos para que algo se mova? Cales son as causas do incremento dos delitos sexuais? Que avances houbo e por onde debemos camiñar? Esta palestra abordará eses e outros interrogantes e tentará dar algunhas chaves para continuarmos avanzando cara a unha sociedade onde as mulleres non sexan discriminadas polo feito de o seren.
Con Goretti Sanmartín, activista feminista e profesora.

Xoves 21 de novembro ás 20 h
Masculinidades disidentes
Reflexionaremos sobre a construción de novas identidades masculinas baseadas en modelos fluídos, e que non poden exercer o machismo de 24 horas, polo que necesitan a performatividade das identidades hexemónicas como recurso de supervivencia patriarcal. Brevemente repasaremos algúns destes territorios, e os habitus que seguen estruturando o patriarcado así como a necesidade de construír masculinidades disidentes.
Con Jorge García Marín,  Profesor de socioloxía e do Máster de Xénero da USC.

Mércores 27 ás 20 h
Ecofeminismo: tecedeiras de redes
Se vermos as atividades e cuidados necessários para a vida como um fio, as tecedeiras são todas aquelas que com seus saberes, capacidades e trabalho tecem com este fio a rede imprescindível para o sustento da mesma. O ecofeminismo é um jeito de organizar os nós que vão dar lugar à rede, pôr em relevância as funções das tecedeiras e de tudo quanto estar arredor do tear e o tecido.
Con Maria Castelo, politóloga e activista ecofeminista, e Begonha De Bernardo Minho, enxeñeira agrónoma e activista.

Xoves 12 de decembro ás 20 h
Unha mirada descolonial de Galiza: o Estado imperial español, a esquerda españolista e o soberanismo das nacións sen estado
Ramón Grosfoguel propón unha reflexión colectiva sobre o fundamento colonial encarnado no Estado imperial español e na cartografía global das relacións de poder do sistema-mundo moderno/colonial. É desde este contexto xeopolítico, atravesado polas prácticas aniquiladoras do Estado fronte ás nacións sen Estado, que emerxe a necesidade cada vez máis apremiante de descolonizar tanto os fundamentos epistémicos do pensamento filosófico eurocéntrico como as políticas derivadas del no Estado español.
Con Ramón Grosfoguel, sociólogo e profesor na universidade de Berkeley (California).

Cartaz para estar no mapa do mundo

 

No Comments

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *