Desde o mes de marzo acompáñanos un visitante que alterou e mudou –en grande medida– as nosas vidas. Tamén a nosa lingua.
O chamado COVID–19 impuxo a súa lei con tanto rigor e éxito que dous meses despois –14 de maio de 2020– a Real Academia Galega xa admitía no seu Dicionario a palabra coronavirus. Popularizáronse palabras a nivel mundial coa mesma facilidade que se estendeu e propagou o visitante por todo o mundo.
Xa entendemos todos de virus, contaxios, asintomáticos, pandemias, corentenas, confinamentos, estados de alarma, teletraballo, EPIs –equipos de protección individual–, PCR e demais terminoloxía que está enchendo os medios de comunicación e as nosas vidas.
Hai anos, despois do ensino primario, un podía seguir estudos de bacharelato ou de formación profesional (FPI e FPII). Hoxe, somos expertos en FFP1 e FFP2, pero non son modos de ensino, senón tipos de máscaras. A estas últimas, xa as coñeciamos tamén, pero eran símbolo de festa e diversión. Pouco teñen que ver as dos cigarróns, peliqueiros ou boteiros coas que nos chegaron agora co virus. Iso si, a mesma dificultades para diferencialas.
O coronavirus tamén alterou a lingua do Presidente da Xunta. Pasou do seu amado bilingüismo ideal habitual a un bilingüismo máis diglósico: un tema serio como o da pandemia requiría –ao entender do señor Feijóo– unha lingua seria como é o castelán. Desde entón, vemos e escoitamos o presidente das galegas e galegos falar un parágrafo en castelán e outro en galego. Non sabemos cando rematará a corentena á que somete o señor presidente da Xunta á lingua galega: igual esa é tamén “a nova normalidade”.
Vivimos tempos trepidantes, de incertezas e dúbidas, pero tamén de esperanza. Loitaremos polo futuro. Ningún virus acabará connosco nin coa nosa cultura.
Como cantaban Fuxan os Ventos: temos futuro, temos mañá: