O Cinerama e os cinemas da Coruña
A tarde do venres 15 de setembro foi o momento elixido pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda para realizar un roteiro ben singular: da man de Martin Pawley, crítico cinematográfico, produtor, programador e estudoso do cine, percorremos algúns dos lugares que foron sede de cinemas na nosa cidade. Algúns destes, edificios xa demolidos e substituídos por moles de vivendas (caso do Riazor, o Rex, o España ou o Finisterre, curiosamente hoxe reconvertido en igrexa parroquial). Outros manteñen aínda a súa fachada como o antigo cine Hércules. Algúns acollen agora actividades culturais, ás veces mesmo proxeccións cinematográficas, como o Teatro Colón (algún día será denominado María Casares?) ou o Teatro Rosalía de Castro, ou o antigo Valle-Inclán, hoxe pub Garufa. E poderiamos seguir co Equitativa (hoxe Rexistro Civil) ou o hai pouco “fenecido” Yelmo Cineplex Los Rosales.
A historia dos cinemas dunha cidade ten moito de historia cultural mais tamén de historia sentimental, porque é lembrar aqueles espazos onde na nosa infancia, –ou non tanta infancia– descubrimos outros mundos –naqueles tempos onde viaxar era privilexio de poucos– e onde coñecemos culturas moi diferentes ás nosas –cando a multiculturalidade aínda non formaba parte da nosa vida cotiá–. E Humphrey Bogart, Judy Garland, Audrey Hepburn ou Ingrid Bergman compartían case de igual a igual un par de horas connosco. Tamén Paco Rabal, Carmen Sevilla, Fernando Rey ou Lola Gaos.
Mais tamén era importante a liturxia previa e posterior á visita ao cinema. Por exemplo, no cine Salesianos que proxectaba películas os domingos pola tarde para a rapazada de Monte Alto e Peixaría –previa revisión da aptitude do filme, por suposto– o habitual era comprar caramelos artesanais que facía unha señora nun baixo dun patio interior da rúa Ramón del Cueto –o “Azúcar” de Celia Cruz quedaba curto ao lado daquelas pedras de caramelo con pau– e logo ir, antes de comezar a proxección, xogar ás bólas no patio do colexio aínda non asfaltado. Ou xa os máis maiores, ir á sesión da tarde do Cine París e logo celebrar o triunfo do bo (nas películas o normal era que gañara o bo) nas tascas e bares da Franxa, da Galera ou dos Olmos.
Por todo isto, a historia dos espazos cinematográficos “engancha” e trae recordos de tempos, de persoas, de lugares e inspira memorias ata entón adormecidas.
No roteiro dos cinemas da Coruña falouse de espazos que funcionaron durante anos e outros con vidas máis efémeras, de só meses, caso do Teatro de Variedades, o cinematógrafo de León González ou o cinematógrafo Lumière. A maioría destes cinemas entretiveron á cidadanía coruñesa de finais do século XIX e principios do XX. Pero nestas instalacións máis ou menos provisionais, hai unha que moitas das persoas que len estas liñas lembrarán, porque funcionou no 1973, xustamente fronte ao colexio Salesiano. Falamos do Cinerama.
CINERAMA NA CORUÑA
Maqueta do que ía ser o pavillón do Cinerama, encargada a Emilio Pérez Piñero
O cinerama é o nome comercial que se lle dá ao proceso de filmar con tres cámaras sincronizadas e proxectadas mediante tres proxectores de 35 mm sincronizados, o que produce unha imaxe panorámica e curvada. Acompañado isto dun son estereofónico de sete pistas daba a sensación de estar metido na aventura que se proxectaba (malia notarse a unión da imaxe das tres cámaras).
Non houbo moitas películas e a inmensa maioría foron documentais. Os seus anos dourados foron nos cincuenta. Os seus altos custes de produción e de revelado sumado á necesidade de salas especiais, e coincidindo con novas tecnoloxías, fixeron que a súa vida fora curta. Aínda así as proxeccións seguiron facéndose ata os sesenta. En Europa comezaron a circular nos anos cincuenta “cineramas itinerantes” en Francia, Alemaña e Inglaterra. No estado español foi CINESA (Compañía de Iniciativas y Espectáculos Sociedad Anónima) a que se interesou por este proxecto e encargou un pavillón itinerante para proxectar por todo o estado. O arquitecto valenciano Emilio Pérez Piñero, fillo dun enxeñeiro militar depurado polo franquismo, foi o encargado de executar esta instalación que, logo de pasar desde 1967 por cidades de toda a península, chegou á Coruña o 16 de maio de 1973. Era unha estrutura reticular de aluminio cuberta por lona, instalada no que daquela era un solar, fronte ao colexio Salesiano, con entrada pola rúa do Socorro, logo de cruzar a rúa do Sol. Previamente intentaran instalarse xunto á estación de San Cristovo (o concello denegoulle o permiso) e na praza da Palloza. Tiña un diámetro de 34 metros por 17.50 metros de altura e unha capacidade para 1030 espectadores en cadeiras de lona. A pantalla tiña unha superficie de 25 m de anchura por 11 de altura.
A Coruña foi a súa última parada. Desde aquí foi levada á Cidade dos Muchachos de Bemposta, para ser usada como carpa circense. A intención inicial era continuar coas súas proxeccións en Vigo, pero a protesta dos empresarios de salas cinematográficas da cidade impediron a súa posta en marcha.
Quizais, para moitos coruñeses e coruñesas, foi a primeira experiencia máis próxima á realidade virtual, con títulos como Esto es Cinerama, Aventuras en los mares del Sur ou Vacaciones en Cinerama.
E OS CINEMAS QUE NOS FALTAN
Posibelmente estas liñas espertaron eses recordos durmidos. Facilitámosvos aquí a descarga do plano que fixemos para o roteiro da pasada semana. Pero aínda nos faltan algúns datos. Por exemplo, non sabemos aínda a localización exacta do Lux, na rúa do Peruleiro, do España na Falperra ou o Salón Novedades da Gaiteira. Botádeslle unha ollada ao plano e nos axudades a perfeccionalo e completalo? Podedes facelo a través dos comentarios a este artigo. Así cando fagamos a segunda edición do plano e do roteiro, será moito máis preciso e máis rico.