Festexamos neste 2020 o centenario de Nós. O 30 de outubro de 1920 nacía a revista Nós.
En xuño de 1920 reúnense no café Méndez Núñez en Pontevedra Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez coa intención de fundar unha revista monolingüe sobre a cultura galega á que deciden chamar Nós, a proposta de Castelao para reafirmar así o carácter coral do proxecto. Así nace a revista Nós, considerada un dos proxectos máis emblemáticos do galeguismo.
O primeiro número apareceu o 30 de outubro de 1920 en Ourense, impresa no obradoiro de La Región, e aquí se publicarían os primeiros 15 números. Á fronte, como director figura Vicente Risco, acompañado de Arturo Noguerol como xerente, Otero Pedrayo e Cuevillas, Castelao como director artístico e Ánxel Casal como editor. En 1923 pasou a se imprimir en Pontevedra até que despois do número 18 a Ditadura de Primo de Rivera suspende a publicación. O 25 de xuño de 1925 aparece de novo por iniciativa de Ánxel Casal na Coruña, e conta coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos ademais de colaboradores da primeira época. A partir do número 88 imprentouse en Santiago. O último número, o 144, saíu do prelo pouco antes da sublevación militar de 1936 e non se chegou a distribuír, tan só dous exemplares sobreviviron á queima da imprenta de Ánxel Casal polos sublevados.
O editorial do primeiro número da revista, titulado Primeiras verbas, dicía así:
Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós.
É a ansia qu’oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d’integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo.
Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, institucionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posicións posibles respecto das catro antonimias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos.
Nós ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade, de todol—os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra.
Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.
Nós ha ser a afirmación pra sempre do verdadeiro ser de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire. O Enxebrismo é a nósa orixinalidade específica, a nósa capacidá de creación, o nóso autóctono dinamismo mental.
Querendo suprimir entremediarios antr’o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co’a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado. Nada mais.
E, ós que s’asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol—a evidencia de sermol—os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal—as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden…
Nós conta achar’agarimo e xenerosa axuda en todol—os que sintan d’iste xeito.
A todol—os que nos lean
SAÚDE E TERRA.
Entre as novidades que a revista Nós achegou á cultura galega están as traducións de autores contemporáneos, como a tradución de fragmentos do Ulysses de James Joyce que fixo Otero Pedrayo. E así en 1926, en Galiza, e en galego, puidemos gozar de dez páxinas do Ulysses; a segunda lingua, despois do francés na que aparecen traducidos fragmentos da obra. A tradución ao español aínda tería que esperar 19 anos.
Co nome de Nós, ademais da revista temos outro proxectos como a editorial de Ánxel Casal ou o Grupo ou Xeración Nós. Este era orixinariamente un colectivo de intelectuais ourensáns de grande importancia dentro da cultura galega e nomeadamente dentro da literatura que exerceron unha grande influencia sobre os autores das xeracións posteriores.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
- Descarga o primeiro número de Nós.
- Descarga o manuscrito de Nós, os inadaptados de Vicente Risco.
Para saber máis:
- A revista Nós, no blog Os libros de Ánxel Casal.
- Xeración Nós. Segunda República española, na web da Fundación Otero Pedrayo.