Adios, adios que me vou,
Herbiñas do camposanto,
Donde meu pay s’ enterrou,
Herbiñas que biquey tanto,
Terriña que vos criou.
(Rosalía de Castro)
Cando chega novembro –cos días grises, máis fríos, lonxe xa o verán e o inverno á porta– as celebracións –algunha quizais xa da época dos celtas– propias da época teñen tamén un carácter distinto: Defuntos, magosto, Samaín…
O culto aos mortos está tan enraizado que que mesmo se coñece novembro como mes dos mortos, mes morto ou mes das ánimas por celebrarse nel –dentro do calendario litúrxico– o día de defuntos. Así aparece tamén o refraneiro:
No mes dos mortos mata os teus porcos.
No mes morto nin saches o horto nin capes o porco.
Cando Rosalía se vai despedindo da terra no poema de Cantares gallegos tamén lles di adeus ás herbiñas do camposanto.
A principios de novembro os cemiterios énchense de familiares que van acondicionar as sepulturas dos seus seres queridos falecidos. O protagonismo do cemiterio é tal que Rosalía en Follas novas mesmo lle dedica un poema ao de Iria Flavia –ela estaría enterrada alí antes de que os seus restos fosen trasladados a San Domingos de Bonaval:
O simiterio d’a Adina
N’hay duda qu’è encantador,
C’os seus olivos escuros
De vella recordazon;
Co seu chán d’erbas e frores
Lindas, cal n’outras dou Dios;
C’os seus canónegos vellos
Que n’el se sentan ô sol;
C’os meniños qu’ali ogan
Contentos e rebuldós;
C’as lousas brancas qu’o cruben,
E c’os humedos montons
De terra; ond’algun–ha probe
Ô amañecer s’enterrou.
Mòito te quixen un tempo,
Simiterio encantador,
C’os teus olivos escuros,
Mais vellos qu’os meus abós,
C’os teus cregos venerables,
Que s’iban sentar ô sol,
Mentras cantaban os páxaros
As matutinas cancións,
E c’o teu osario humilde
Que tanto respeto impon
Cando d’a luz que n’el arde
Vé un de noite ò resprandor
….………………………….
Moito te quixen e quérote,
Eso ben o sabe Dios;
Mas hoxe, ô pensar en tí
Núbrasem’o corazon,
Qu’a terra está removida,
Negra e sin frols.
“No ceo da noite brilla unha grande lúa chea. Os esqueletos de don Ramón e o Boticario latrican sentados no calado do cemiterio. Entra en escena o esqueleto do señor Fuco, que vén coxeando”
(Os vellos non deben de namorarse)
Coñecido é o gusto de Castelao polo humor, a ironía e o mundo de ultratumba. No epílogo d’Os vellos non deben de namorarse os tres vellos reúnense –no cemiterio, xa convertidos en esqueletos– e comentan as circunstancias da súa morte. Láianse do seu imprudente namoramento e coñecen novas das súas respectivas mozas.
Na narración Un ollo de vidro –tamén de Castelao– un esqueleto a través dun ollo de vidro que lle puxeron en vida ve e conta o que pasa no cemiterio:
“Desde hai tempo veño reparando que un home de carne e óso sae da cova, gabea pola parede do cemiterio e foxe cara á cidade. De alí a dúas ou tres horas volta para o cemiterio ensumíndose nun dicir amén debaixo da terra.”
“Cando o primeiro cadullo de terra, bicado por un neno, petou dentro da cova nas táboas do ataúde subíronme ata a gorxa as verbas salvadoras… Estiveron a punto de xurdiren. Máis entonces acudían novamente ao meu maxín a case seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada…”
(“Sobre a morte de Bieito“. Dos arquivos do trasno)
No relato de Rafael Dieste, van enterrar a Bieito e un dos que levan a caixa cre que o sente rabuñar dentro, pero non se atreve a dicir – por medo ao ridículo– que Bieito igual está vivo. Máis tarde, volve ao cemiterio para desenterralo, pero escoita uns pasos e marcha.
O actual Cemiterio de Santo Amaro foi inaugurado en 1813. Emprazado fronte ao mar, o camposanto histórico da Coruña quizais poida ser considerado o máis importante de Galiza, tanto polo número como pola calidade dos persoeiros. En Santo Amaro descansan – entre outros moitos– os restos de Curros, Pondal, Murguía, Luís Seoane, Os irmáns Vilar Ponte, Ánxel Casal, María Barbeito, Luísa Villalta, Francisca Herrera Garrido, Miguel González Garcés, Álvaro Cebreiro, Pucho Boedo, Castro Chané e Wenceslao Fernández Flórez.
No Comments
Eu tamén teño ancestros no cemiterio do Santo Amaro,meu pai,miña aboa,duas tias ,dous tíos ..
Non son creente,penso que o importante e viver hoxe”carpe diem”..Mais e certo que somos consecuencia ,para ben ou para mal,dos nosos devanceiros..Alem de que somos polvo cósmico,si existe un cemeterio fermoso e o de SAN AMARO..!CANTOS VIVOS QUISERAMOS TER UNHAS VISTAS COMO AS DÉL ..