6D #MoitoQueFestexar

Fundación do Partido Galeguista6 de decembro: nace o Partido Galeguista

O galeguismo sempre sentiu a necesidade de organizarse. Un paso fundamental neste camiño foi a creación das Irmandades da Fala en 1916 e máis concretamente a súa I Asemblea celebrada en Lugo en novembro de 1918, que acostuma considerarse o momento no que nace o nacionalismo galego.

O Partido Galeguista.

Será na VII Asemblea das Irmandades da Fala celebrada os días 5 e 6 de decembro de 1931 no salón de festas do Hotel Madrid de Pontevedra cando se acorde a creación dun partido político que aglutinase o galeguismo. Nace, deste xeito, o Partido Galeguista e disólvense as Irmandades.

Estatuto de AutonomíaNa histórica asemblea de Pontevedra defínese o modelo organizativo e os principais obxectivos. Así, reclámase por primeira vez para Galiza o dereito de autodeterminación e márcase como primeiro obxectivo político do partido a redacción dun Estatuto de Autonomía.

Con relación á súa estrutura orgánica, o Partido Galeguista tiña na Asemblea o seu máximo órgano de expresión: era a que marcaba a liña política e elixía o Consello Executivo, órgano que levaba á práctica as decisións da Asemblea. Castelao e Otero Pedrayo formaron parte do Consello Executivo. O partido tiña como sección xuvenil a Federación de Mocidades Galeguistas e como órgano de prensa A Nosa Terra.

No tocante ao programa político do Partido Galeguista, podemos sinalar, entre outros, os seguintes elementos: a autodeterminación política de Galiza, a eliminación do caciquismo, o antiimperialismo, a igualdade política da muller, a supresión das deputacións provinciais, o recoñecemento da parroquia como entidade política-administrativa básica, a oficialidade da lingua galega e a reforma agraria.

No momento da súa constitución, o Partido Galeguista tiña 700 afiliados repartidos en 38 grupos locais. No ano 1935 a cifra de afiliados chegaba aos 5.000 distribuídos en 90 grupos locais.

Panfleto do Partido Galeguista impreso en OurenseFormado parte da Fronte Popular, concorreu ás eleccións xerais de 1936 aportando cinco candidatos galeguistas, dos que tres saíron elixidos deputados: Castelao por Pontevedra, Suárez Picallo e Antón Vilar Ponte pola Coruña.

O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 puxo fin á actividade do Partido Galeguista, non sen antes deixar no seu haber a aprobación maioritaria -en referendo do 28 de xuño- do Estatuto de Autonomía, do que o PG foi impulsor e dinamizador.

A partir de xullo de 1936 comezou a represión dos militantes galeguistas, algún dirixentes como Alexandre Bóveda, Johán Carballeira, Ánxel Casal, Manuel Lustres Rivas, Camilo Díaz Baliño ou Víctor Casas foron fusilados, outros tiveron que marchar ao exilio. Sen dúbida, a situación actual de Galiza -do galeguismo e do nacionalismo- de continuar o Partido Galeguista coa súa plena actividade sería outra moi distinta da que temos hoxe. O galeguismo segue precisando, máis ca nunca, organizacións coma a que acabamos de recordar: o Partido Galeguista.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Este 2018 cúmprense cincuenta anos de Voces Ceibes que fixo música contra a ditadura franquista. Unha desas voces era a de Miro Casabella que canta No desterro:

A pesar das longas noites de pedra, como canta Nao: Venceremos nós:

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *