Rosalía de Castro morría na súa casa da Matanza, en Padrón, o día 15 de xullo de 1885. Ao día seguinte, recibía sepultura no cemiterio de Adina, en Iria Flavia (Padrón). En maio de 1891, os seus restos foron levados para a Capela da Visitación do Convento de Santo Domingo de Bonaval, en Compostela. Alí descansan nun mausoleo creado especificamente para ela polo escultor Xesús Landeira. Tamén están, no chamado Panteón de Galegos Ilustres, os restos de Castelao, Brañas, Cabanillas, Asorei e Fontán.
Curros e Rosalía
A admiración por Rosalía fai que en 1885, ano da morte da autora de Follas novas, Manuel Curros Enríquez escriba o seu coñecido poema na súa honra:
Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!
A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!
Anos máis tarde, o día 23 de setembro de 1904, con Curros de viaxe momentánea en Galiza –estaba emigrado en Cuba–, volve homenaxear a Rosalía. Esta vez será lendo na súa tumba o poema titulado precisamente así: Na tumba de Rosalía. Nestes versos, Curros critica a alienación social do pobo galego: a ignorancia e o menosprezo do propio, a renuncia á lingua, o mimetismo e loa do dominante imposto… Unha imposición que acabamos aceptando “a couces e pancadas”.
Desde aquí, queremos lembrar esta homenaxe de Curros a Rosalía para convertela na lembranza de dúas das persoas que máis fixeron e seguen facendo pola autoestima do noso pobo. O poema que Curros leu na tumba de Rosalía é o que segue:
Collidas á pedir de porta en porta
(Que eu non herdey xardíns nin hortas teño)
¡Sombra sin paz d’a nosa “Musa” morta!
Aquí estas frores á traguerche veño.
Y-o esparexelas sobre a pedra fría
Que un “Resurrexit” pra crebarse agarda,
Sinto cuase o tremor que sentiría
O ladrón que recëa e se acobarda.
Como él, ao che deixar a miña ofrenda,
A soledade en miña axuda chamo,
Que si él ten medo que a xustiza o prenda,
temo eu que me marmuren os que amo.
Tanto d’o noso tempo a xente esquiva
As patrias grorias burla y-escarnece:
¡Xeneración de mánceres cativa
Que hastra o pai qu’a enxendrara desconece.
Que hoxe é pecado relembrar fazañas
Porque impotentes pr’as facer nacemos
E cecáis que gabar grorias estrañas
Nos console d’as propias que perdemos.
O valor, o carácter, as ideas,
Fala, costumes… son “lendas douradas”
¿De qué coör serán ¡ay! as alleas
Que nos fan ler á couces e pancadas?
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .
Mais dorme, Rosalía, mentras tanto
N-as almas mingoa a fe y-a duda medra
¡Quén sabe si d’este recinto santo
Non quedará maña pedra con pedra!
¡Quén sabe si esta tumba, n-ese día,
Chegará á ser, tras bélicas empresas,
Taboleiro de yankee mercería
Ou pesebre de bestas xaponesas!
Luís Emilio Batallán púxolles música aos versos de Curros dedicados a Rosalía, en 1885, con motivo da súa morte:
Carmen Penim fai a súa versión do tema musicado por Batallán: