Muíños de vento na Coruña – Paseos en agosto XXII

Muiños de vento

“Mais, como demostrou o temporal destes días de novembro, esta segue a ser a Cidade do Vento. Como tal, en todas as representacións antigas, os outeiros da Coruña aparecen cheos de muíños de vento

(“A Cidade do Vento”, Contos da Coruña, de Xurxo Souto)

Muiño Santa Margarida

Porque como segue afirmando Xurxo Souto:

A Coruña, na súa península, non dispuña de ningún río que movese a moa e o rodicio. Os muíños do río Monelos, situados na zona do actual edificio de Novos Ministerios, estaban bastante afastados, xa dentro do antigo concello de Oza. Ademais, o caudal deste río era pequeno e non aseguraba as muiñadas.

 

Non é fácil, nestes paseos de agosto pola Coruña, imaxinar a cidade chea de muíños de vento –o das fotos é o de Santa Margarida, o único que queda en pé–:

 

Na nosa ignorancia, resúltanos hoxe difícil imaxinarmos as grandes aspas dos muíños a dar voltas en Nelle, Santa Margarida, nas Atochas, en San Tomé, e mesmo dentro dos propios muros da Cidade Vella no campo de Sati Spiritus, na zona do antigo Hospital Militar.”

Muíño Santa Margarida

Na Coruña botábase moito trigo e unha vez moído vendíase a fariña na praza do mesmo nome.

Praza da Fariña

En 1991, Begoña Bas publicaba Muíños de marés e de vento en Galicia. Como afirma Xurxo Souto, “o mellor antídoto contra a desmemoria”.

Como tamén o son as reivindicacións dos veciños e veciñas da Agra do Orzán que levan anos pedindo a colocación do Muíño da Gramela no barrio, dado que é un dos seus sinais de identidade.

Asociación Veciñal da Agra do Orzán

Saber de onde vimos, recuperar a memoria é indispensable para poder avanzar. Non resulta fácil moitas veces imaxinar o pasado, inda que este non quede moi atrás, como neste caso pensar unha cidade chea de muíños de vento. Pero, de aí vimos.

Muiño reflectido na auga

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *