Maxina ou a filla espúrea, a primeira novela galega

Marcial ValladaresO día 28 de xullo de 1880 comezou a publicarse, por entregas, a que é considerada a primeira novela galega contemporánea, Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares. Desde aquí lembramos brevemente este acontecemento nun ano, 1880, que no que tamén houbo outros fitos salientables. É o caso da publicación de Follas novas, de Rosalía de Castro e Aires da miña terra, de Curros Enríquez.

MARCIAL VALLADARES

Naceu no concello da Estrada en 1821 e morreu en 1903. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, colaborou en numerosas publicacións como narrador, lexicógrafo, gramático ou poeta. Tamén desenvolveu un importante labor no ámbito etnográfico, recollendo mostras do noso folclore, receitas e contos populares.

Como gramático e lexicógrafo deixounos dúas importantes obras: Elementos de gramática gallega (1892, aínda inédita ata 1970) e Diccionario gallego-castellano (1884).

No tocante á súa obra literaria, foi Maxina ou a filla espúrea (1880) a que lle deparou un maior recoñecemento. A Marcial Valladares a Real Academia Galega dedicoulle xa un dos primeiros Día das Letras, o de 1970.

MAXINA OU A FILLA ESPÚREA

Maxina ou a filla espúreaComo xa dixemos, a novela de Valladares comezou a publicarse, por entregas, en La Ilustración Gallega y Asturiana, revista multilingüe editada en Madrid e que dirixía, na parte literaria, Manuel Murguía, o día 28 de xullo de 1880. Considerada o primeiro exemplo de novela galega moderna, foi publicada completa en 1890, aínda que o manuscrito é de 1870.

Trátase dunha novela romántica, de asunto contemporáneo, con episodios truculentos e trama folletinesca, que termina cun final sorprendente. Obra diglósica, os personaxes de clase superior falan castelán e os labregos galego.

Unha rapaza da boa sociedade compostelá, Otilia de Sancti-Petri, narcotizada nun baile de disfraces e violada, queda embarazada sen ter conciencia do que sucedeu. A familia oculta o que sería unha deshonra e Otilia dá a luz unha nena, Maxina, na humilde casa dunha parella labrega. A nena queda ao coidado da bondadosa familia que xa ten un fillo. Despois de coñecer o autor da violación e pai da nena, persoa de avoengo, a novela remata co casamento de Maxina co fillo do matrimonio labrego. Otilia, que tamén ía casar, vólvese tola inesperadamente.

A novela discorre no espazo urbano de Santiago de Compostela e no rural en aldeas do val do río Ulla, preto do Pico Sacro. Esta oposición aparece reflectida, como xa dixemos, no aspecto sociolingüístico da obra, ao contrapor a lingua castelá da cidade co galego da aldea.

Nestes anos do século XIX, estamos en pleno Rexurdimento, a nosa poesía acadou altas cotas grazas a Rosalía, Pondal e Curros, entre outros. A Marcial Valladares debémoslle que a novela pase a formar parte do noso sistema literario. Vaia desde aquí o noso recoñecemento para o autor estradense.

Maxina, ou a filla espúrea

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *