Que Galiza foi un Reino é algo que hoxe non ofrece dúbida. En realidade o primeiro reino medieval do que sería o xerme dunha Europa que no seu occidente estaba a piques de ver a caída do imperio romano. As estruturas do poder e a territorialidade estaban mudando e unha nova relixión, oficial desde había poucas décadas, estaba collendo unha forza que no noso Finisterrae ía deixar a súa pegada na forma da arte máis excelente.
Pode que a República Galega aínda sexa un soño, pero configurándoa faríamos ben en non renunciar a algunhas cuestións monárquicas. A tradición do día de Reis, por exemplo. Dos Reis Magos, que en realidade de monarcas tiñan máis ben nada, pero maxia moita, maxia da sabia, da que pode interpretar o que din os astros. Astros que nos orientan até Belén ou até Compostela. Hai que recoñecer que nesta cuestión en oriente había moita sabedoría e isto é o que recollen os evanxeos. Os evanxeos apócrifos, sobre todo, porque dos canónicos só Mateo menciona a estes Magos que viñan desde oriente seguindo unha estrela. Os Magos de Oriente, os primeiros peregrinos do cristianismo. Unha cuestión que debía ter bastante clara outro Mateo, o mestre que rozando o protogótico estilo 1200 deixa na portada principal do coro pétreo compostelán uns relevos coa adoración dos Magos. Os primeiros peregrinos do cristianismo dándolle a benvida ás persoas que chegaban ao que nese momento era un dos principais focos de atracción: a catedral de Santiago de Compostela.
A epifanía convertérase nunha peza moi apreciada e replicada no noso territorio, símbolo da Galiza cosmopolita que acolle ao viaxeiro. Símbolo da elocuencia do poder na arte do cénit da chamada Era Compostelá. Que Galiza foi un Reino é algo que hoxe non ofrece dúbida e cando Galiza sexa república haberá símbolos que merecerán seguir sendo celebrados, como eses Reis, que en realidade eran Magos con coroa..
Carmela Galego