Este ano cúmprense douscentos da morte de Xosé Rodríguez González (1770-1824), o matemático de Bermés (Lalín). Un científico que salienta no contexto galego e español da súa época e que podemos considerar o máis destacado en Galicia na primeira parte do século XIX e, polo tanto, figura central da nosa historia cultural. Quen, con méritos dabondo, vén ser de elixido científico do ano pola Real Academia de Ciencias de Galicia.
Catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (1800), Rodríguez acadou unha formación extraordinaria en importantes centros europeos en diferentes áreas científicas (Matemáticas, Astronomía, Mineraloxía, etc.). Mantivo relación con personalidades da elite científica continental, como foi o caso de figuras da ciencia francesa (François Aragó, Jean Baptiste Biot, Jean Baptiste Delambre, etc.), alemás (o matemático Carl Friedrich Gauss, o xeólogo Abraham Werner, etc.) e, por suposto, con relevantes científicos españois (José Mendoza Ríos, José Chaix, Mariano Lagasca, etc.). As súas viaxes por Europa aos establecementos científicos fixeron del un experto nos diferentes modelos institucionais e principais áreas de traballo.
Participou en proxectos de enorme relevancia. Así, en 1806 foi nomeado polo goberno de España “Comisario das operacións para a medición do Meridiano de Dunkerque a Barcelona”, un proxecto que formaba parte dunha iniciativa internacional dirixida por dous científicos franceses, o xeógrafo e astrónomo Pierre Françoise André Mechain e o matemático e tamén astrónomo Jean-Baptiste-Joseph Delambre. En 1808 continuou a formar parte da Comisión para o tramo español da prolongación do Meridiano de Barcelona ás Illas Baleares. O éxito da súa misión e a experiencia adquirida fixeron que a “Junta Central Suprema” lle encargase, en 1808, que desde Cádiz fixera as medicións e os cálculos precisos para elaborar un “Mapa exacto” de España.
Entre as tres publicacións que, de momento, se coñecen do noso matemático, aparecidas en francés, alemán e inglés, salienta a que presentou na Royal Society de Londres en 1812: “Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudg”. Unha contribución notable que abordaba un tema central e polémico da ciencia do momento, a forma da Terra.
Por outra banda, Rodríguez foi unha figura clave na formación de Domingo Fontán e na realización por este da Carta Xeométrica de Galicia, primeiro mapa científico do país.
A importante traxectoria de Rodríguez foi recoñecida con nomeamentos como a dirección do Observatorio Astronómico e profesor de Astronomía do “Museo de Ciencias Naturales” (Madrid) e a cátedra de Astronomía da Universidade Central.
A excelencia dun científico mídese polo seu labor individual mais tamén pola xeración de equipos e escola e a acción institucional. Rodríguez foi mestre e guía dunha notable xeración de científicos galegos, entre os que figuran Domingo Fontán, Ramón de la Sagra, Julián Suárez Freire, Casiano de Prado, etc. Nunca deixou de asesorar e contribuír ás melloras do ensino superior galego.
Ademais, cómpre salientar o perfil político de Rodríguez, a súa actuación como cidadán responsable. En primeiro lugar, coa atención á xestión e creación de institucións públicas que fomentaran unha ciencia actualizada. Entendeu que a universidade daquel tempo precisaba dun cambio radical e promoveu iniciativas como a do Colexio de Farmacia de Santiago que apostaran por un novo xeito de ensino superior, na liña dos modernos centros europeos. Ademais, o matemático tamén actuou na vida política do seu tempo, foi deputado nas Cortes do Trienio Liberal.
A importancia deste científico e o seu escaso coñecemento entre o público xustifican que se promovan actividades que permitan difundir a súa figura, as importantes contribucións que realizou e o seu compromiso co avance das ciencias como medio de modernización da sociedade. Nesa liña, o 13 de xuño deste ano celebrarase na Coruña unha Xornada dedicada a el, co título “Medir territorio e a forma do planeta da man do matemático Xosé Rodríguez, científico e cidadán”, organizada pola Universidade da Coruña, Centro de Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) e o Instituto Cornide de Estudos Coruñeses.
Xosé A. Fraga