Hai pouco escoitamos ao historiador Bernardo Maíz esta afirmación, ao fío das razóns para axustizar a Mariana Pineda, que lle roubamos para pormos titulo a esta reflexión á volta dos tópicos e medias verdades que sobre a participación das mulleres en diferentes loitas se fixo sempre e se continúa a facer. Lembramos aquel audiovisual que falaba das Irmandades da Fala e dicía que “elas” non tiveran participación activa e que máis ben se dedicaran a bordaren bandeiras e pensamos nas máis de 200 mulleres que facían parte da Irmandade da Fala da Coruña: eran, na realidade, un clube de bordado?
Así que decidimos falar das Irmandiñas que “non sabían bordar”, de Elvira Bao, mestra comprometida cos máis débeis, capaz de denunciar o administrador do Hospital de Oza porque metía no seu peto os cartos que tiñan de ir para a alimentación das crianzas do hospital de Oza. Esa Elvira, que xunto co seu home, Benardino Varela, como impulsores das Escolas de Ensiño Galego e bos coñecedores da necesidade de libros en galego para as nenas e os nenos, encarregan a Vicente Risco un texto para comezar a edición de libros en lingua galega para a xente miúda. Ou a Elvira Bao que encabeza a manifestación do día 1º de maio. Ou a Elvira Bao que participa con outros oradores no mitin do Partido galeguista en Cambre. Ou a Elvira Bao que bota meses no cárcere da Coruña…
Non sabía bordar Olimpia Valencia, a primeira galega licenciada na Facultade de Medicina, con 19 matrículas de honra. A que encabeza en xuño de 1931 un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do Si no Plebiscito do Estatuto Galego. En febreiro de 1937 foi detida e pasou días no cuartel da Garda Civil, acusada de pertencer ao Partido Galeguista.
Non sabía bordar Amparo López Jean. Pertenceu ao Partido Galeguista e ingresaría nel o día 6 de maio de 1935 (foi a primeira muller na Coruña en militar nesa organización), a colaborar economicamente nas campañas e facendo parte do seu Comité Local en 1936. Desenvolveu un traballo fundamental na Agrupación Republicana Feminina da Coruña –de que foi primeiro secretaria e logo presidenta–, o espazo común das mulleres galeguistas e republicanas da Coruña, o cal tiña como obxectivos “defender os dereitos femininos e traballar pola consecución dos aínda non recoñecidos”. Xa en Barcelona, foi secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas e vogal do Comité Executivo do Partido Galeguista, que presidía Ramón Suárez Picallo, colaborando nos comités de axuda aos soldados galegos na fronte de batalla.
Non sabía bordar Micaela Chao, a única muller que asiste á reunión que dá lugar á primeira Irmandade da Fala, a da Coruña. A Micaela Chao que impulsa o Conservatorio Nazonal do Arte Gallego, a que fai parte da delegación das Irmandades da Fala que viaxou a Cataluña en 1917 e a principal animadora da constitución dunha Sección Feminina no seo da Irmandade coruñesa. Cando morre Micaela, o seu home, Antón Vilar Ponte, di nunha carta a Álvaro Cebreiro “a miña muller, ti ben o sabes, nunca foi plomo de cordura burguesa, sempre foi ás para min. Veume ameazado de morte e lonxe de me apoucar dábame azos. Veume no cárcere, e experimentaba fondo orgullo por elo”.
E claro que si sabía bordar María Miramontes. As súas puntadas e o seu traballo foron o sustento económico de moitos proxectos editoriais (“María teceu con NÓS o traxe para vestir Galiza”), das Escolas de Ensiño Galego…, embora moito probablemente non bordase ningunha bandeira.
Mais, para rematarmos, non queremos (non podemos) esquecer todas esas que desde o amor pola Galiza bordaron bandeiras, como as desas mozas que traballaban para o “Almacén de géneros extranjeros” de Vigo e que cando a Irmandade Nazonalista Galega (ING) encarrega unha bandeira elas non cobran polo traballo. Seguramente foron moitas as mulleres que durante dese período anterior ao golpe militar fascista contribuíron co seu traballo para a causa do nacionalismo e para a causa da xustiza social. Por iso, o feito de nós hoxe continuarmos a repetir que o seu traballo foi “bordaren bandeiras” é inxusto e só denota a nosa ignorancia por unha historia que está por investigar e por escribir.