María Wonenburger na Coruña – Paseos en agosto XXVIII

Monolito a María Wonenburger

Monolito a María Wonenburger

Este monolito no Paseo das Ciencias –no Parque de Santa Margarida da Coruña– rende homenaxe á matemática e investigadora María Josefa Wonenburger Planells.

Placa no monolito a María Wonenburger

Nada en Montrove (Oleiros) en 1927, foi –como sinala a placa– unha “muller pioneira, destacada matemática que creou unha importante escola internacional de Álxebra”.

Paseo das Ciencias

Tras cursar os estudos secundarios no Instituto Eusebio da Garda da Coruña –a pesar de que a familia quería que estudase enxeñería para continuar co negocio familiar de fundición que tiña na Coruña– María Wonenburger foi estudar Matemáticas á Universidade Central de Madrid, licenciándose en 1950.

Afeccionada ao hockey a patíns e ao baloncesto, en 1953 formou parte dos beneficiarios das primeiras bolsas Fullbright, o que lle permitiu ir á Universidade Yale, nos Estados Unidos.

Tras pasar polas universidades de Buffalo e Indiana como profesora, en 1983 regresou á Coruña pola enfermidade da súa nai. Esta experta mundial na teoría de grupos, permaneceu afastada do mundo académico e esquecida ata que finalmente se viu recoñecido –en parte– o seu traballo.

Reitorado da UDC

No 2007 a Xunta de Galicia creo o Premio María Wonenburger para recoñecemento daquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e tecnoloxía.

En 2010 a Universidade da Coruña investiuna doutora honoris causa. No concello de Oleiros hai unha extensa zona verde co seu nome.

Placa da rúa María Wonenburger

Falecida na Coruña en  2014, María Wonenburger conta tamén cunha rúa na nesta cidade, na zona de Agrela. Estes recoñecementos son unha pequena reparación do esquecemento no que estivo esta eminente investigadora.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *