María Soliña: símbolo do sufrimento do pobo

 

Polos camiños de Cangas

a voz do vento xemía:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

 

Nos areales de Cangas

muros de noite se erguían:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

 

As ondas do mar de Cangas

acedos ecos traguían:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

 

As gueivotas sobre Cangas

soños de medo tecían:

ai, que soliña quedache

María Soliña

 

Baixo os tellados de Cangas,

anda un terror de auga fría:

ai, que soliña quedache

María Soliña.

 

O famoso poema do inicio pertence ao libro Longa noite de pedra (1962) de Celso Emilio Ferreiro. Estamos diante dun deses –múltiples– casos nos que a literatura populariza o nome e a vida dunha persoa, tendo, por outro lado, moi poucos datos obxectivos para poder reconstruír a súa biografía. No caso que nos ocupa referímonos a María Soliña (ou Soliño). A ela dedicamos, a continuación,  estas  liñas de homenaxe.

A vida de María Soliña

María Soliña
Monumento a María Soliña en Cangas

Acusada –e condenada– de bruxería ante o Tribunal da Inquisición, María Soliña foi torturada, encarcerada e desposuída dos seus bens. Pero a memoria colectiva non a vai recordar como “meiga”, senón como unha das moitas heroínas anónimas do pobo que tivo que sufrir estoicamente os abusos do poder e o despotismo. Así o reflicte Celso Emilio no seu poema. Expresións como o vento xemía, muros de noite, acedos ecos, soños de medo, terror de auga fría, falan máis dun ambiente de medo e sufrimento ca de bruxas.

María Soliña
Ilustración de Uqui Permui

Sábese que no ano 1617 os piratas turcos atacaron e arrasaron Cangas. Como os nobres, tras a destrución, vían perigar o seu poderío forxan un plan de acordo coa Inquisición: denunciarían por bruxería a unha serie de mulleres –varias organizaran a resistencia contra os turcos– que tiñan importantes posesións. Unha desas mulleres foi María Soliño (ou Soliña). Casada co mariñeiro Pedro Barba, tras a morte deste no ataque dos turcos, herdou as súas abundantes propiedades, entre elas, o chamado dereito de presentación en igrexas de Aldán e Moaña (era o poder polo cal a persoa que o posuía, normalmente era o sucesor do fundador dunha igrexa, tiña unha porcentaxe das súas ganancias e ao mesmo tempo tiña o poder de decidir quen sería o titular desta cando quedaba vacante).

María Soliña
Acuarela de Jesús Lorenzo

Tras a morte do seu marido e dos seus fillos na invasión de 1617, o mito di que María Soliña toleou: ía á praia, escoitaba as ondas e camiñaba pola area lembrando os seus familiares mortos. Isto e as súas riquezas pronto chamaron a atención dos nobres. Denunciada ante a Inquisición, torturárona ata que confesou exercer a bruxería desde había dúas décadas. Desposuída dos seus bens, condenárona a levar o hábito de penitente durante seis meses. Aínda que non foi queimada viva coma outras moitas mulleres desa época, a loucura, a fame e a miseria acabaron coa súa vida cando tiña arredor de 70 anos.

Como diciamos máis atrás, María Soliña converteuse no símbolo do sufrimento do pobo –e nomeadamente das mulleres ante os abusos do poder.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Non podía ser doutra forma, o poema de Celso Emilio dedicado a María Soliña e a vida desta resultaban e resultan moi atractivos para os creadores –músicos e cineastas. A continuación, facemos un percorrido por algunhas das versións cantadas do poema e por cancións con outras letras dedicadas á nosa protagonista:

Astarot: María Soliña:

Amancio Prada: María Soliña:

Emilio Rúa: María Soliña:

Miro Casabella: María Soliña:

Carlos Núñez e Teresa Salgueiro:

Luar na Lubre: María Soliña:

Rosa Cedrón e Cristina Pato: María Soliña

Eva Carreras: María Soliña:

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Tamén o cine se interesou pola figura de María Soliña. Así temos:

  • A longametraxe de 2012: “A paixón de María Soliña”. Dirixida por Alfonso Castaño e Emilio Fernández e producida pola Productora Faro, S.A.:

  • Por outro lado, o director Ignacio Vilar prepara coa produtora Vía Láctea Films o filme “María Solinha”, que protagonizará Grial Montes:

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis de María Soliña:

  • Historias de Galicia: María Soliña:

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *