Este luns, 14 de novembro, dentro do ciclo Pensando o futuro, tivemos a oportunidade de escoitar na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda as reflexións do ensaísta e xeólogo Óscar Pazos. Co título O sorbedoiro madrileño no horizonte de Galiza, o autor de Madrid es una isla (2013) e O Colapso. 50 anos de The Limits to Growth (2022), fixo un percorrido polo centralismo español. Tras a presentación de Daniel Cao –que afirmou que as ideas do libro de Pazos de 2013 seguían vixentes–, o conferenciante comezou definindo o concepto de centralismo. Segundo el, o centralismo –esa visión do mundo desde un só sitio e á súa vez, xerárquica– estrutura o mundo e dá pé a privilexios.
As orixes do centralismo madrileño están no reinado absolutista de Felipe II (s. XVI). Prodúcese unha auténtica confiscación do poder. Na corte estaba o poder centralizado cun rei absoluto que se encerrou no seu poder agochándose do mundo.
Xa no s. XIX había que modernizar o Estado, e Madrid-corte transformouse en Madrid-capital creando unha burguesía nacional, unha burguesía afecta e herdeira daquela outra cultura cortesá. O proceso de capitalización de Madrid, unha cidade celosa sempre da propia primacía, foi confiscatorio e xerárquico.
Seguindo coa súa análise do centralismo nos últimos dez anos –os que transcorreron desde a publicación de Madrid es una isla– Óscar Pazos analizou o discurso da España baleirada e o Procés catalán.
Madrid está lonxe de calquera ruta natural. Como capital é unha anomalía: non ten acceso ao mar. E velaí a rede de estradas radiais, que foi unha ruinosa maneira de levar o mar a Madrid. Madrid é como unha illa que ao medrar vira medrar tamén o océano que a rodea, quedando aínda máis illada –afirmou Pazos–: de aí xorde a España baleirada. É unha especie de buraco negro.
A capitalidade de Madrid é herdeira dunha concepción imperial, colonial, maniquea e simplificadora da xeografía, na que cidade/campo son contrarios. A capital éo por ser sede do poder, e por ser capital merece ser a cidade máis grande e mellor. E o baleiro que ela mesmo crea convértese así nun discurso autoxustificador da súa acción depredadora como política civiliadora: por exemplo, impoñendo os eólicos nas periferias ‘despoboadas’ ou ‘deprimidas’.
Respecto ao Procés, o discurso españolista presentou o Procés coma un farol, mais para ser un farol, o Estado Español empregou todos os medios ao seu alcance para combatelo. O Procés foi o resultado dunha longa disputa recentralizadora que rematou na quebra dos pactos do R78.
Tamén se referiu Óscar Pazos á xudicialización da política, movemento global que xorde dos límites da democracia técnica. A política dirímena entes expertos e centros de poder –coma tribunais, xudiciais ou de arbitraxe–. Prodúcese unha patrimonialización e estamentalización dos dereitos.
Na actualidade, a novidade é a visibilidade do conflito Madrid/España que manifesta o fondo dilema político do momento: a disolución de España en Europa. Aínda que poida parecer polémico –afirmou Pazos–, este foi o único proxecto nacional español dende hai un século: ‘España é o problema, Europa a solución’.
Con relación a Europa, Óscar Pazos falou de goberno tecnocrático e de linguaxe tecnicista, no que diversos centros producen estándares e modelos (industriais, xurídicos, de calidade democrática, ecolóxicos, etc.), e Madrid quere constituírse nesa rede como ‘Hub global’. Nesa disolución de España en Europa, prodúcense unha serie tensións e contradicións dos poderes nacionais; por exemplo, a Monarquía española ten un mal encaixe nesa Europa.
Con relación a Galiza, Óscar Pazos definiu o seu estado como de pos–colapso. Somos unha nación latina e agraria, e sen estado e sen burguesía, tivemos unha modernización importada, imposta, e entendémola cos estándares que viñeron de fóra.
Falaba Pazos do AVE como un dos sorbedoiros que carreta persoas das provincias ao centro. O proxecto de Madrid é entrar na Europa coma unha megalópole de dez ou doce millóns de habitantes, chuchando dunha Galiza–Ap-9, provinciana e marxinalizada, e dun territorio despoboado no resto, conforme ao seu modelo de España Baleirada. Neste modelo o ascensor social péchase a unha vía de escape persoal, cara a Madrid ou Europa… vía Barajas.
Mais a realidade de Galiza é dunha terra chea e densa, sen centros, e esta realidade ofrece un modelo alternativo ao de Madrid, e un ascensor social colectivo: facer do país un bo sitio para vivir, mantendo un desenvolvemento equilibrado. Neste punto resistir xa non chega, precisamos defendernos e o propio país ofrécenos o mellor modelo. Necesitamos recuperar o vencello coa terra.