Desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda –que temos como obxectivos a promoción e defensa da lingua e da cultura galega así como divulgar o pensamento do ilustre nacionalista que nos dá nome– non queremos deixar pasar esta data –17 de maio de 2024– para homenaxear a tamén ilustre socia de honra da nosa asociación, Luísa Villalta.
Comprometida cultural, social e politicamente, Luísa dedicoulle un poema a Alexandre Bóveda que nesta data queremos recordar e ler:
Non somos felices
nen sequer o son aqueles que mataron
en ti, ALEXANDRE, o don que nos legache
que é o de ser, por ti, xa para sempre
da mesma materia que a terra que te cobre.
E podo asegurarche que non son,
cando nos pisan aínda erráticos cara a nengures
aqueles triunfadores que se rían nas tabernas
emborrachando os ouvidos porque lles zunían
co sonido rastreiro e indelébel dos disparos.
Non son felices no triunfo imperdoábel
que nen eles mesmos son capaces de esquecer,
porque a terra brandamente lles renxe baixo os pés
e florece coa canción sutil da vida
e reverdece inevitabelmente cada vez
que pronunciamos a PALABRA,
esa palabra que non nos fai felices, a nós tampouco
porque por ela nos mataron e aínda nos apontan
co fusil do dedo acusador
cando ousamos pronunciar
coa boca chea do que somos e queremos
o nome teu, GALIZA.
Desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda traballaremos para divulgar o pensamento, a obra e o compromiso de Luísa Villalta. Materia de Alexandre Bóveda, Materia de Luísa Villalta.
(Poema manuscrito que Luísa Villalta lle regalou a Pilar García Negro)