Luísa Villalta, articulista

Poema de Luísa Villalta
Columna de Luísa Villalta
Parte da columna escrita por Luísa Villalta en “A Nosa Terra” en marzo de 2004

Cada ano, as Letras Galegas, dannos a oportunidade de coñecer mellor a obra de autores e autoras, na que en ocasións, non tivemos a oportunidade de afondar por diversas razóns. A vida non dá para lelo todo, unha mágoa!

Tamén, non cansarei de dicilo, as autoras seguen a estar en clara desvantaxe, algo sobre o que seguramente, nalgún momento escribiría Luisa Villalta, se xa o fixo, desculpade o meu descoñecemento.

Este ano, polo tanto, temos unha oportunidade marabillosa para coñecer e re(coñecer) a unha autora que escribiu poesía, teatro, ensaio, narrativa, mais tamén sempre tivo presente o xénero xornalístico, como podedes desfrutar no Libro das colunas. Nel, recóllense os artigos escritos por Luisa Villalta no semanario, A Nosa Terra, entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 de marzo do 2004.

Se somos o que escribimos, neste libro temos a oportunidade de descubrir o compromiso, a coherencia e o activismo da autora, ademais tamén sorprenderá a actualidade dos temas dos que trata. Isto, lévanos á indiscutible profundidade do pensamento de Luisa, mais tamén a súa humanidade, xa que en moitas destas colunas, a autora reivindica e sinala, coa súa precisión nas palabras, as inxustizas que día a día nos rodean. Así o reflicte, Xosé Enrique Acuña, no fermoso limiar deste libro, que el mesmo titula “Herbaluisa”: Os seus dedos e as súas mans escribían día a día a palabra maior da solidariedade, ou, Ler a Luísa disipaba a covardía.

Empeza este libro coa coluna, Escribir para quen, boa pregunta, e sen dúbida a resposta de Luisa está de plena actualidade: mais penso que só seremos un país literariamente acougado cando poidamos permitirnos escribir mesmo para quen non le.

Do xornalismo, como lectores e lectoras, esperamos información, e a ser posible, obxectiva, mais dos artigos de opinión, o que desexamos é unha ollada crítica que nos remova, que sexa testemuña mesmo do que non vemos, para así tecer unha rede social o máis xusta posible, e Luisa Villalta, nestas colunas incómodanos para nós tamén navegar.

Non tiven a fortuna de coñecer persoalmente a Luisa, pero si a moitas das persoas que a quixeron e a queren. Eu, como outras, transitamos pola súa obra, polas súas colunas, na procura desa luz necesaria en toda loita xusta.


Texto de Beatriz Maceda escrito para o roteiro “Os medios de comunicación en galego” organizado por AMEGA o 24 de febreiro de 2024.

 

 

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *