Ilustrador, xornalista, poeta, editor, gravador, avogado laboralista, tipógrafo, panfletista, ceramista, lector voraz, editor de libros, cofundador de entidades culturais, cinéfilo, conferenciante, pintor, narrador, autor de teatro, comentarista radiofónico, ensaísta, mecenas e emprendedor, muralista, grafista, poeta, renovador e crítico…; o intelectual e o activista un a un e todos xuntos son Luís Seoane.
Luís Seoane será o quinto artista, logo do Mestre Mateo (2015), Castelao (2016), Maruxa Mallo (2017) e Alejandro de la Sota (2018), ao que se lle dedica o Día das Artes Galegas (1 de abril).A Real Academia de Belas Artes así o decidiu escoitando a diversas entidades que o reivindicaron, entre as que se encontra a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Esta é a nosa homenaxe a unha persoa que foi un dos máis importantes artistas plásticos da Galiza contemporánea, que probou fortuna en todos os xéneros literarios e que realizou un importante labor editorial, xornalístico e de promotor cultural.
Luís Seoane ilustrou un dos libros de maior éxito da nosa literatura: Memorias dun neno labrego (1961), de Xosé Neira Vilas.
Na pintura de Luís Seoane ten un lugar destacado a figura feminina. Aparecen mulleres de diferentes ámbitos e condicións sociais. Como non, tamén son constantes as referencias a Galiza –paisaxes, xentes, historia, tradición, costumes–. É o caso do óleo As mariscadoras (1969). O cadro, que está no Museo de Belas Artes da Coruña, representa unha escena exterior na que aparecen catro figuras mariscando, dúas delas en primeiro plano e as outras dúas ao fondo.
______________________________________
“Os desterrados temos traballo, teito, pan,
mais vivimos como sombras. É máis forte ca nós
a tenza de terra lonxana onde nos criamos,
e ningún outro amor, nación, fortuna ou éxito
poden apracentar esa saudade.
Quedounos á xente sen patria o corazón
no lugar onde só rin os vencedores
na terra nosa, á que un día voltaremos:
a dos mortos, dos pantasmas, dos vencidos.”
(de Na brétema, Sant-Iago)
Unha persoa que viviu o exilio, por forza, non podía substraerse a tratar dunha maneira destacada o aspecto social. E, así o fixo Luís Seoane. A emigrante (1967) é unha das súas obras máis importantes. Nela denuncia o problema do analfabetismo e da emigración masiva que padecemos os galegos e galegas consecuencia do atraso e opresión franquista.
______________________________________
A LUÍS SEOANE LÓPEZ DEDICA A REAL ACADEMIA DE BELAS ARTES O DÍA DAS ARTES GALEGAS 2019
Luís Seoane naceu o día 1 de xuño de 1910 en Bos Aires. Era fillo de emigrantes galegos dedicados ao comercio. Cando apenas Luís tiña seis anos, a familia regresa a Galiza, primeiro á Coruña e logo a Santiago de Compostela, onde Seoane cursa a carreira de Dereito. Nesta cidade, involúcrase no movemento estudantil e político que loitaba pola República e polo Estatuto de Autonomía para Galiza. De Seoane é o cartel para a campaña do Estatuto de Autonomía, deseñado en 1936.
En Compostela, entra en contacto con Ánxel Casal e a súa Editorial Nós. Para ela realiza Seoane as súas primeiras composicións gráficas e ilustracións, concretamente, entre outros, para libros de poesía de Cunqueiro.
A súa ideoloxía, galeguista de esquerdas, levarao a militar activamente no Partido Galeguista e, coa chegada da Guerra Civil, vese obrigado a exiliarse en Bos Aires. Nesta cidade, Seoane desenvolve unha intensa actividade cultural, chegando a ser unha figura principal na historia da edición: colabora coa Editorial Losada, crea a Editorial Nova (1942), Botella al Mar (1947), Citania (1957).
En 1968, con Díaz Pardo, Luís Seoane funda o Laboratorio de Formas, que pretende a recuperación da Cerámica de Sargadelos, o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e a editorial Edicións do Castro.
A estética celta –de espirais e círculos– ten en Luís Seoane un dos seus pioneiros. Del é o cartel do Festival Céltico de 1964.
A crítica sitúa a Luís Seoane dentro da xeración Os Novos ou Os Renovadores. Serían artistas nados arredor de 1900 e que renovaron a arte que se facía en Galiza ata a súa chegada. Compañeiros de xeración serían: Colmeiro, Laxeiro, Maside ou Arturo Souto. Seoane incorporou á súa obra as tendencias vangardistas de Picasso, Leger, Matisse e Paul Klee.
Para Luís Seoane, a arte ten que estar vinculada á realidade da época e debe ter utilidade social: ten que remover conciencias.
Mesturar a raíz galega da súa pintura coa universalidade da súa arte é a grande orixinalidade de Luís Seoane.
______________________________________
“Na Galiza, ise vello pobo,
carballo carcomido de raios e bestigos,
loita, dende fai séculos,
o home cas ratas.”
(de A maior abondamento, 1972)
No tocante á obra literaria de Luís Seoane, cómpre dicir que é unha das figuras principais da nosa literatura do exilio. Aínda que tocou todos os xéneros, será na poesía onde acade os maiores logros. A súa obra Fardel de eisiliado (1952) significa o arranque da poesía socialrealista. Podemos dicir que os versos de Seoane están cheos de forza e paixón comunicativa. O tema da emigración tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes é unha das súas preocupacións.
Aquí podes ver e descargar o tríptico en formato PDF que fixemos para conmemorar a celebración.
[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/luis-seoane-2019.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]
No Comments
As ilustracións de “Memorias dun neno labrego” coido que son de Isaac Díaz Pardo…
Perdón, coido que nos referimos a edicións distintas