No cemiterio de Santo Amaro da Coruña descansan os restos do escritor Manuel Lugrís Freire. Nado en Sada en 1863, falecía na Coruña en 1940. Foi un dos principais animadores da política e da cultura galegas de principios do século XX.
Manuel Lugrís foi director ou cofundador da Escola Rexional de Declamación, da Real Academia Galega, do sindicato Solidaridad Gallega, das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista e membro do Seminario de Estudos Galegos.
Emigrado en Cuba, Manuel Lugrís foi o director e fundador do primeiro xornal americano editado integramente en lingua galega, A Gaita Gallega, 1885. Así describía nun artigo o poema de Curros musicado por Castro Chané:
Unha noite n–a eira d’o trigo! Esta cántiga, anque a escoitemos un milleiro de veces, en xamais se nos fai pesada ¡que lindo poema encerran os seus versos! Que sentemento teñen cada unha d’as notas de que se compon a música!
Tras falecer a súa muller Concepción Orta Iglesias –coa que tivo unha filla–, casou con Purificación González Varela– coa que tería cinco fillos. Un deles sería o pintor Urbano Lugrís González.
Nado na Coruña en 1908, da súa relación co poeta Antón Avilés de Taramancos xorde a unión entre cultura republicana e nacionalista galega.
O pintor Urbano Lugrís dominou diversas técnicas: óleo, serigrafías, colaxe, muralista e tinta chinesa sobre papel.
Son coñecidos os seus murais na Coruña, Vigo e Compostela.
Na Praza de Pontevedra da Coruña, hai unha recreación da obra “Marineda Soñada” de Urbano Lugrís. Os murais de Lugrís requiren coidado e protección.
Urbano Lugrís falecía en Vigo en 1973. Un centro educativo da Coruña leva o seu nome, trátase do IES Urbano Lugrís.