O LUGAR DE NACEMENTO:
A ALDEA (CÓRGOMO):
Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras, Ourense) o día 27 de agosto de 1903.
CÓRGOMO DE VALDEORRAS
Meu Córgomo de Valdeorras
é bocarribeira crara.
Por Córgomo de Valdeorras
non anda a Santa Compaña,
porque o bon viño escorrenta
medos, trasnos e pantasmas.
Moucho, Valsadal, Chancelo…
viñas de viño baril.
O viño da nosa adega
manda mecha no Brasil!
(Galicia infinda, 1963)
A COMARCA (VALDEORRAS):
Situada no oriente ourensán –e atravesada polo río Sil–, a comarca de Valdeorras está formada por nove concellos: O Barco (a capital comarca), O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. A comarca caracterízase pola súa elevación, pois nela atopamos os maiores cumios de Galiza. Tamén por un produtivo val, que atravesa o río Sil. Viñedos e soutos de castiñeiros abundan por esta zona. As terras de Valdeorras aparecen reflectidas na poesía de Florencio. Mais non só elas: hai máis temas.
VALDEORRAS
Miña noiva,
miña terra:
Á beira do Sil deitada,
para ollar a túa beleza
do mesmo xeito que a «Venus
do espello», nel se contempra.
Terra de curvas tan doces
coma os peitos dunha nena
e de recendente aroma
coma o alento dunha deusa.
Verde mantelo de vides
cobre o teu corpo de femia
lanzal e morada cofia
amostras na nobre testa.
Tecéronche os castañeiros
un refaixo de candeas,
que loces antre a ledicia
das festas da primaveira.
(Cantarenas, 1981)
A PAISAXE VALDEORRESA:
CANTIGA DA VENDIMA
Antre as retortas cepeiras,
frorazón de raparigas
dálle aos acios doce morte
coas manciñas que acariñan.
O vento abanea as vidras
para darlle o adeus aos acios;
do roxo culeiro sol
escoa o celme dos raios.
Manciñas de nenas louras
antre as follas depinican,
follas das tortas cepeiras
as mornas fazulas bican.
(Bebedeira, 1934)
HINO AO VIÑO
Groria a Deus!
Louvanzas a El–Señor,
que, encol da probe terra,
esta benzón botou
do viño das cepeiras!
Groria a Deus!
Louvanzas a El–Señor!
Por nos redimir,
Cristo o sangue deitou;
aquel sangue mouro acio o aparellou;
na vindima
(nova e leda paixón)
o acio mouro fará de redentor
pra as penas desbotar
pra nos redimir da dor.
(Bebedeira,1934)
CASOIRO
Casou don Godello
con dona Mencía
e van pór casa
polo «Val das Viñas».
Daquela xuntanza,
foron de padriños
a rica Viura
e o rico Caíño.
Houbo baile e foi
a millor parexa
mozo Merenzao
e a Mociña Fresca.
A nena Garnacha
púxose vermella,
porque, o Brencellao,
fíxolle unha festa.
(Galicia infinda, 1963)
O SOUTO MORTO
Santa Compaña
dos castiñeiros.
Do mal cativo
todos morreno:
Corpos retortos
como xemendo.
Tácita queixa
dos toros vellos.
Verde gafura
de brións e fentos,
no cerne podre
dos castiñeiros.
Pranto de follas
e guizos secos.
Ponlas espidas.
Infindo inverno…
(Galicia infinda, 1963)
A TRAXEDIA DOS CASTIÑEIROS. O CASTIÑEIRO MORTO
Retorto castiñeiro, outrora san e forte,
atópaste ferido do machado da morte;
as túas folliñas, murchas, van caíndo no chan,
ouh tristura dunha árbore despíndose no vran!
(Bebedeira, 1934)
ROMANZOS. ROMANZO DO CABALEIRO OURIZO
O ourizo, siñor feudal
do pazo dos castiñeiros,
inda que llo dea a cara
non é de forca e coitelo.
Fillo dunha loura dona
e dun baril cabaleiro
armado de verdes armas,
ao nascer foi mol e tenro,
que a súa nai, toda bondade
que morreu en arrrecendo
de santa, deixoulle ao fillo
a súa bondade en herdo;
dispois a loita da vida
veu a darlle duro aspeito,
mais, inda que o seu carácter
figure ser aspro e fero
anda a gardar un tesouro
de nobreza, aló no peito.
(Bebedeira, 1934)
COUSAS DAS SERRAS
Con arruda esfrega a «Lastra»
o ventre das súas ladeiras,
ten unha enchenta de inverno
e ceiba arrotos de brétema.
«Montouto», vello petrucio,
ten un proído dos diaños,
róienlle as brillas as crabas
cal se foran carrapaxos.
Aos espantallos das nubens
«Pía Páxaro», sen medo,
peteira os graus das estrelas
antre as searas do ceo.
A testa de «Manzaneda»
fuma o tabaco das bouzas,
e ata o ceo bota chamas
e fume pola cachopa.
A pena «Trevinca» tense
por millor moza cás outras
e faille tolos acenos
de bulra ás montañas todas.
A serra do «Eixe», que vei
de lonxe aqueles acenos,
un desafío lle manda,
polo correio do vento.
(Bebedeira, 1934)
A CADEA
As penas gardas civís,
ao río Sil lévano preso.
……………………………..
Seica din que aló no monte
zugoulle o sangue aos regueiros; esforciou doncelas fontes
arroubou o ouro das serras
para gastalo no mar
no cabaret das sereas.
Deron parte del os lobos
cando ía fuxir a Cuba,
e inda que, en Montefurado,
meteuse no monte, a lúa
descobriuno e déronlle o alto.
…………………………….
Do muíño nunha touta
a gaiola dos regatos,
terá, por vida, cadea
e mais traballos forzados.
(Bebedeira, 1934)
A GUERRA E O EXILIO:
Militante do Partido Galeguista, tras o golpe de estado de 1936, Florencio Delgado Gurriarán ten que marchar para o exilio. Será un dos centos de refuxiados políticos que a bordo do barco Ipanema chegan a México. Tras tres viaxes momentáneas a Galiza –en 1968, 1976 e 1981–, falece en Fair Oaks (California) en 1987.
ALEXANDRE BÓVEDA
Acesa lus dun malogrado abrente,
circio mestre, de circia mocedade,
siso, pulo, paixón, saber, bondade, corazón xeneroso, limpa mente.
Varudo paladín na loita urxente
–viñera o tempo da maturidade–,
man na fouce, segache a nosa herdade,
á chamada dos bardos, obedente.
A túa vida foi curta e non puideches cumprir, daqueles, o mandado inteiro, mais, ao dar o teu sangue, ti soupeches,
mártir e loitador, trunfar da morte
e conquerir o posto de guieiro
da Galiza inmortal, enfesta e forte.
(O soño do guieiro, 1986)
OS LOBOS DA XENTE
De novo, os lobos da xente
andan ceibes pola terra:
searas do chan brañego,
verdes agros da ribeira,
a beiramar de feitizo
–Galiza, Galiza inteira–
das rixas patas dos lobos
sinten, no chan, a mancela
Coitados vellos petrucios!,
coitadas naiciñas vellas!,
coitados orfos cativos!,
coitadas mozas sinxelas!,
coitado pobo galego!,
coitada xente da aldeia!…
Ouh, coitada nai Galiza!
coitada, coitada Terra!
Anda a xorrar o teu sangue
e tes a carne maltreita
e o corazón tes ferido
polo dentamio das feras!
(O soño do guieiro, 1986)
LEVAN A CRISTO POR FÓRA…
Levan a Cristo por fóra,
levan o demo por dentro;
a relixión nas camisas,
do inferno as paixóns, no peito:
frechas, xugo, escapularios
–morte, escravitú, amuletos–,
insignias maldizoadas,
enfeite de traizoeiros,
con fachenda de asasinos
amóstranlle ao mundo inteiro.
(O soño do guieiro, 1986)
«HOME PEQUENO – DE VENENO»
Fuco, Fuquiño
piquirrichiño,
de homes, refugallo,
selso do feixismo.
Cativo de corpo,
cativo da ialma
encrenque boneco,
ditador «liñaza».
Alacrán con mando,
sapo con estrelas,
arañón con cruces,
cobra pezonenta.
…………………..
E homes e mulleres
lembrarante todos,
mais, cando te menten,
cuspirán con noxo!
Fuco, Fuquiño,
homiño pequeño,
Fuco, Fuquiño,
fol de veneno!
(O soño do guieiro, 1986)
GALICIA INFINDA
Galicia é infinda!
Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Non é xa o cativo currunchiño
que din escolas vellas.
Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
Galicia é infinda!
…………………………………………
Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Galicia só limita coa Saudade,
elástica fronteira
que serve para o tempo e para o espacio
–onde un galego está, atópase ela–,
mais que ninguén atravesala pode
inda que leve nos papés: Poeta.
(Galicia infinda, 1963)
O SOÑO DO GUIEIRO
Daniel, que lonxe estamos do teu soño:
do pantrigo, con mel e con manteiga,
pra a merenda dos louros picariños,
das «marelas», de enxebre pedigree,
vivas fontes de manteigoso celme,
dos castiros a inzaren as encostas,
dos outeiros coroados de carballos,
das maceiras en fror e os limoeiros,
das adeas vermellas das cardeiras,
dos liñares azúes salferidos,
das vizosas cortiñas e bacelos…
………………………………………..
A Galiza, arastora, é so matriz,
a Galiza, arastora, é so dinamo,
a espallar proletarios e enerxía
en sangueira letal. Forza a escoar,
polo aramio e o tren, cara ás Europas.
Manda Rañolas ao traballo esgrevio
e recebe Pedriños manxadores,
pra que durman o sono dos burócratas
no ambente esmorecido das súas vilas.
Dos fillos afoutados vende os folgos
e garda a vedrañeza e o desleixo.
Co engado das súas fillas e as vasoiras
manda, ás Caixas de Aforro,
divisas que arrequentan a Madride.
……………………………………………
Emporiso Daniel, Guieiro noso,
a Galiza é máis forte que o malfado
e ha de ser, o teu soño, realidade.
Eis o Voto, que cómpre che fagamos,
pra que, no alén froreza
o teu sorrir de BON E XENEROSO.
(O soño do guieiro, 1986)
POEMAS MEXICANOS:
O último apartado de Galicia infinda (1963) leva por título “Poemas mexicanos”. Son catorce poemas nos que mestura a técnica hilozoísta de Amado Carballo e unha dirección parecida da poseía nacional mexicana.
XACARANDA
A esta terra da infinda primadeira
a nova primadeira vai chegar
e a xacaranda teima en estoupar,
foguete malva, na mañán marceira.
Das súas ponlas pendura, churrusqueira,
axóuxeres azúes, a vibrar
nun ourente tanguido que enche o ar
e espalla o seu engado feiticeira.
Orballada de frores no chan deita,
a choiva malva–azul o parque enfeita…
E, verde muiñeira polo vran,
peneira o ardente sol, coas súas folliñas
da bris arrandeadas, e as herbiñas
recadan, a bulir, a lus no chan.
(Galicia infinda, 1963)
MORELIA
En troques das camelias
as orquídeas abrochan
das árbores frondentes
nas enrugas tonas.
O gris da canteiría,
eiquí virouse rosa.
Larpeiradas de freira
nos portaes de lousa.
Na volta dunha rúa
veise a casa da Troia….
Baixo un manto soalleiro,
Morelia silenzosa,
é loira Compostela
esquencida das choivas.
(Galicia infinda, 1963)
TABACHÍN
Froresce o tabachín…
súa vermella fogueira
alumea o xardín
–ledo roibén do abrente–.
Quéimase a primadeira
no tabachín ardente!
(Galicia infinda, 1963)
A DEFENSA DA LINGUA GALEGA:
A defensa e o compromiso de Florencio Delgado Gurriarán coa lingua galega é claro e contundente.
LOUVANZA DOS NOMES ENXEBRES
Volten a Valdeorras os nomes xenuínos:
Non máis «Correjanes» nin «Vega Molinos»;
sin Veiga Muíños e máis Correxais,
pois xa os «castrapismos» están por demais.
Arriba Penouta e abaixo «Penota»,
que é nome en «castrapo» e rima con «jota»;
afora «Jaoaza», nome cacofónico,
adiante Xaguaza, enxebre i eufónico.
Non trocar por feles os galaicos meles,
pronunciando «El Barco», «La Puebla e «Bajeles»
e «Vega de Cabo», «Villoria», «Otarielo»
e «Puerto Morisco» e «Repuricielo»
…………………………………………….
Xentes valdeorresas, voltade á eufonía
dos nomes antergos, baril fidalguía:
Que na nosa fala, de fina enxebreza,
de lene dozura, de egrexia nobreza,
do noso Valdeorras, benquerido lar,
os pobos e vilas volvamos nomear.
(Cantarenas, 1981)
PREGOS AO NAZARENO DUN VALDEORRÉS EMIGRADO
Deus Fillo, nado nas pallas
en corte de pegureiros,
Xesús que sanaches gafos
e deches a vista aos cegos,
que aos mudos fixeches falar
e camiñar aos tolleitos,
que abenzoaches os pobres,
que deches pan aos famentos
e que as bágoas enxugaches
dos que aturaron desprezos
e son benaventurados
xa que por TI foron bentos…
Dálles tamén a benzón
aos fillos do chan galego.
………………………………
Xesús, os que andan no mar,
queren rezarche en galego;
Xesús, os que sachan leiras,
queren rezarche en galego;
os que percorren o mundo,
porque hai fame nos seus eidos
e o pan afora percuran,
queren rezarche en galego:
Deixa que pregarche os deixen
no nobre falar galego,
para que non esmoreza
a lus da Fe nos seus peitos!
(Cantarenas, 1981)
CANTARENAS DO CASTRAPO
Verdade de «Perogrullo»
que cómpre non esquencer:
Galiza é soio Galiza
inda que o non queira ser.
……………………………..
O esquecernos o galego
para falar en castrapo,
é coma o choio da toupa
que os ollos deu por un rabo.
(O soño do guieiro, 1986)
Nas páxinas anteriores, presentabamos unha selección de textos –na maior parte fragmentaria– de Florencio Delgado Gurriarán. Animamos a todas as persoas a ler e adentrarse na poesía do autor valdeorrés para ter unha visión máis completa da súa obra. A poesía de Florencio podemos atopala –entre outros– nos seguintes volumes:
- Florencio Delgado Gurriarán. Obra poética. Edición de Xosé Ramón Pena. Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2022.
- Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira. Edición de Dulce Fernández Graña. Editorial Galaxia. Vigo, 2022.
- Florencio Delgado Gurriarán. Galicia infinda. Edición de Dulce Fernández Graña. Editorial Galaxia. Vigo, 2022.
- Florencio Delgado Gurriarán. O soño do guieiro. Edición de Dulce Fernández Graña. Editorial Galaxia. Vigo, 2022.
No Comments
Coma sempre un grande e fermoso traballo. Grazas.