Laxeiro. Día das Artes Galegas 2022. A expresividade da pedra feita pintura

Trasmundo

Laxe, elemento básico constitutivo da nosa xeomorfoloxía. Dicía un ilustre catedrático de historia da arte que se a tradición bíblica fose galega no canto de mesopotámica o ser humano non sería de barro, sería granítico e imperecedoiro. Xosé Otero Abeledo (1908-1996) “Laxeiro” semella terse decidido a se asociar con toda esa forza telúrica nun xogo de completa coherencia entre o que sente e o que comunica a través da súa arte. Un home que se pega á terra, ao pobo nunha historia de afectos mutuos. Laxeiro foi profeta no seu fogar. Un fogar que estivo dividido polo Atlántico.Firma laxeiro

Laxeiro
Laxeiro dáballe un lugar especial na súa formación a súa primeira mestra “Esta muller viu sempre en min grandes aptitudes para o debuxo, e ademais, foi a primeira persoa que me falou dos clásicos, dos pintores importantes, de Velázquez e de Goya”. Aquí vémolo con Dona Teresa nunha fotografía recollida na fundación Laxeiro.

Na súa adolescencia viviu unha Habana que lle permitiu formarse en distintas disciplinas casas creativas –como as escenografías do Teatro Martí– e coñecer a obra de artistas que serían chaves na súa concepción estética –como Zuloaga e J. Corredoyra–.

Pouco despois, cando volta a Galicia con aínda non vinte anos e unha doenza respiratoria, lonxe de abandonar completamente a arte, consolídase como o que sempre será: de oficio pintor. Pero non só pintor. Estamos na comarca do Deza a apenas cinco anos de que se proclame a Segunda República e Xosé Otero Abeledo figura cunha perruquería e como barbeiro ambulante polas aldeas lindantes do seu Lalín natal. Imaxinamos a un Laxeiro noviño barbeando e tamén retratando a súa clientela con ese afán case compulsivo polo debuxo que o acompañará toda a súa traxectoria.

Os oficios da arte permitían naquela altura certa solvencia económica que Xosé non desbota e nun contexto político axitado comeza a participar nun dos rexistros que maior difusión popular acadan: as viñetas xornalísticas. Os chamados monos que lle son encargados rematando a década dos vinte por publicacións como Pueblo gallego ou Faro de Vigo. Nesta faceta decántase por seguir os trazos e a retranca do mestre Castelao, pero xa comezamos tamén a ver a súa inclinación cara o expresionismo e detectamos influencias como a de F. Grosz que tamén asumirá Seoane nas súas Estampas da traizón.

Mural Café Moderno Pontevedra
Durante a autarquía dos 40 terémolo instalado entre Pontevedra e Vigo. Percibindo distintas bolsas de estudos artísticos e realizando murais para tabernas e establecementos como o Café Moderno de Pontevedra

O expresionismo fora precisamente aquela linguaxe da vangarda que Castelao proclamara como máis axeitada para a nova plástica galega e certamente podemos atrevernos a dicir que Laxeiro é dentro do grupo de artistas que coñecemos como os Renovadores da arte galega o que mellor se adapta aos postulados de Castelao. Este avogaba por unha linguaxe baseada no debuxo que fose quen de expresar e comunicar. Unha arte vencellada ao territorio e á xente, e tamén aos grandes nomes deses tantos museos que el visitou. Laxeiro vai pouco a pouco consolidándose nese mesmo camiño. A estancia no Madrid republicano permítelle coñecer de fondo os que serán os grandes referentes da súa arte. Estancia facilitada por dúas bolsas de estudos consecutivas. A primeira delas en 1931. Logo de non obter a bolsa da Deputación de Pontevedra o Concello de Lalín nunha clara aposta polo seu artista decide asumir o investimento. En 1932 si resultará elixido como bolseiro pola Deputación de Pontevedra co propio Castelao como apoio e ponte con Madrid. Alí entrará en contacto coas tertulias e tamén terá tempo de estudar as grandes pinturas do Prado. Velázquez e por suposto Goya, que deixa unha pegada evidente no seu maxín. Da súa contemporaneidade, na que se sumerxe da man de Lugris e Maside, permeabiliza ás formas picasianas e o cromatismo e o concepto pictórico de Gutierrez Solana.

Se ben Laxeiro participa desa renovación vangardista simpatizando co republicanismo da intelectualidade galeguista, el non vai ter que sufrir o posterior exilio interior e exterior que estaba agardando dramáticamente a tantas persoas da nosa cultura.

Será precisamente a arte galega exiliada alén mar quen o incite a entrar na súa seguinte etapa produtiva reclamándoo para participar dunha mostra no Bos Aires dos anos 50. Chega en 1951 e atópase co grupo creado arredor de Luís Seoane, Mimina, Isaac Díaz Pardo e toda a efervescencia artística porteña. Alí vai a permanecer cunha intensa actividade profesional afondando no súa corrente estética de base expresiva no momento do auxe do expresionismo abstracto americano.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

[wps_row][wps_column size=’1-2′ center=’no’ ]Prato Sargadelos[/wps_column][wps_column size=’1-2′ center=’no’ ]

Laxeiro vivíu en dúas ocasións o éxodo atlántico galego. Primeiro a emigración á Cuba da galeguidade de entreséculos que coetáneamente ao nacemento do noso autor estreara o o himno galego no Centro Galego da Habana. Décadas despois o Bos Aires da quinta provincia da posguerra que deu acubillo a arte galega exiliada. El foi chamado a participar daquel grupo formado en torno ás cerámicas da Magdalena, proxecto que tímidamente comezara nos terreos do Castro de Samoedo da familia de Carmen Arias e que acabaría eclosionando no soño do Laboratorio de Formas de Galicia, cerámicas O castro-Sargadelos. Na imaxe vemos un deseño de edición limitada realizado por Laxeiro para o LdF xa na década dos 90.

[/wps_column][/wps_row]

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

cadro laxeiroVan ser varias as viaxes transoceánicas durante as seguintes dúas décadas e tamén vai ser constante a súa experimentación explorando á abstración e abrindo o abano cromático con avances e contraavances artísticos que semellan acompañar esas viaxes de ida e volta. Agora Laxeiro xoga, xoga con trazos sen formas definidas e con cores puras. Xoga coa súa propia arte e coas influencias tanto europeas como americanas. O informalismo, o grupo El paso. Mais volve unha e outra vez a retratar ás xentes do pobo. Laxeiro xoga xa definitivamente instalado na súa casa. En Lalín, onde desde 1968 ten un espazo museístico propio. Laxeiro xoga na casa e gaña, gaña a licencia –e así nolo contaba nas súas últimas entrevistas– de ofrecernos até o final dos seus días o xogo de pintar para nós sabendo que iamos participar con él na partida do goce da súa pintura.

TrasmundoTrasmundo (1946) é a peza máis elocuente da proposta laxeirana. Destaca esa forza expresiva da estética granítica que tanto o definiría e onde poderiamos esmiuzar o simbolismo de Corredoyra ou Zuloaga, o cromatismo de raigame tenebrista. As pinturas negras de Goya, as mascaradas de Ensor, pero tamén certo trazo picasiano e a influencia de Guitierrez Solana na cor, nesa paisaxe que aquí só se insinúa e no tratamento escultórico de grupo que volve a levarnos a un barroco horror vacui. Mais o que máis destaca é a súa propia linguaxe da Galiza popular sempre presente. Neste Trasmundo vemos un muro de pedra divisorio entre o real e un mundo descoñecido. Nos limiares dese paso adiviñamos unhas personaxes repousando nos extremos que nos lembran a aqueles faunos e ninfas bucólicas do manierismo e centrando o lenzo un tímpano figurado tan habitual no románico rural galego, agora reimaxinado por Laxeiro.

Tímpano de San Xoán de Palmou
Nesta fotografía tirada aproximadamente en 1931 vemos o antiguo tímpano de San Xoan de Palmou -Lalín- incrustado nas paredes da casa de Rielo. Aquí perdeuselle a pista e tras moita décadas apareceu nunha galería de arte de Milán. Hoxe está de volta na súa terra. Crese que representa a loita de Sansón co león, un tipo iconográfico vencellado ao alén e moi habitual no románico rural do centro da Galiza, onde conviven os rituais dos vivos e os mortos cos camposantos pegados ás igrexas e ás vivendas.

Cadros Ensor e Solana
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Artigo de Carmela Galego

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *