Galeguización das escolas (Materia pendente)

No ano 1768 publícase a Real Cédula de Aranjuez asinada polo rei Carlos III. Esta orde impón o uso do castelán en calquera actuación pública, oficial, e, en concreto, no ensino. Paralelamente, na Galiza, os ilustrados P. Feixoo e P. Sarmiento defenden e reivindican nos seus escritos o uso do galego no ensino:

“Es una desalmada necedad poner los niños gallegos a la xerga de la Gramática, antes de saber, con mucha extensión, la legua gallega… Qué fauidad es que al niño gallego se le enseñe una lengua ignota en lengua castellana que no entiende? Avía que quemar todo libro de Gramática que pasase a Galicia, y que no estuviese explicado en lengua gallega.”

Na segunda metade do século XIX, os autores do chamado Rexurdimento dignifican a lingua galega ao empregala para facer literatura. Rosalía, Pondal e Curros –entre outros–, conseguen brillar escribindo nesa lingua que tan vehemente defendía o P. Sarmiento no século anterior.

O día 25 de outubro de 1921 producíase un fito importante para a lingua galega e o ensino. Trátase da publicación do Plan pedagóxico pr’a galeguización d’as escolas, de Vicente Risco. A este acontecemento queriamos dedicarlle unhas breves liñas para non deixar pasar un feito que segue a ser unha materia pendente na sociedade galega.

Plan pedagóxico  pr’a galeguización d’as escolas

Vicente RiscoA III Asemblea Nacionalista Galega das Irmandades da Fala, celebrada en Vigo en 1921, encargoulle a Vicente Risco –era profesor da Escola Normal de Ourense– a elaboración dun plan para galeguizar o ensino. Publicado na revista Nós no número 6 (20 de agosto de 1921) e no número 7 (25 de outubro de 1921), este programa alternativo suporía, de ser aplicado, un cambio revolucionario no ensino na Galiza.

O completo texto de Risco consta de sete apartados: o edificio escolar, a escola por dentro, a vida na escola, o escolante, os métodos de ensino, o galego na escola e o ensino das cousas da Terra.

Sobre o edificio escolar, sinala Risco que non debe desentoar da paisaxe, senón que se debe incorporar nela. Debe ter en conta as condicións que impón o clima especial da nos aterra: fiestras abertas para que entre a luz… A casa escola debe ser algo familiar aos rapaces e rapazas: non debe, xamais, sacar os nenos e nenas do seu medio natural.

O escolanteNo apartado a escola por dentro, propón prescindir da “odiosa tarima do profesore”. A aula ten que ser un lugar alegre. A vida na escola debe ser un contacto intenso coa Natureza. O escolante debe ser galego e que estude e ame a Galiza. Para isto, deben poñerse nas súas mans os medios necesarios para formarse no coñecemento de Galiza, xa que na súa carreira non recibe esa formación. Os métodos de ensino deben basearse no contacto coa realidade da Terra. Para unha boa aprendizaxe os nenos e nenas teñen que “ve-las cousas”. No apartado o galego na escola, sinala Risco que o ideal sería que o ensino se dese en lingua galega. Pide que non se bote o galego das escolas, xa que o desprezo da lingua trae consigo o desprezo da Terra. O último apartado do texto de Risco está dedicado ao ensino das cousas da Terra. Afirma nel que a pedagoxía moderna insiste en que cada un debe coñecer ben a súa terra: a xeografía, a historia, a lingua, a literatura, a arte e as ciencias.

Como diciamos máis atrás, aplicar o plan pedagóxico de Risco mesmo hoxe sería unha revolución no ensino en Galiza. Pola contra, primou e segue primando, en boa medida, o que escribiu anos máis tarde Castelao en Sempre en Galiza:

“Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no esprito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e falar castelán era falar ben”.

O de Rianxo comprendía tamén ben a situación das nosas escolas cando no seu debuxo, de 1930, diante do encerado, o escolante andaluz preguntáballe ao neno: ¿Cuanto año tiene? E, o neno respondíalle: Non temos año ningún; temos unha ovella.

O Plan pedagóxico pr’a galeguización d’as escolas de Vicente Risco que hoxe lembramos era un programa mínimo de ensino primario galeguista que aínda hoxe nos viría ben para facer con el “un inmenso ben á nosa Santa Galiza”.

Para saber máis (e ler completo o texto de Risco):

Ensino e realidade: de Sarmiento a Castelao. María Pilar García Negro

Celso Emilio tiña claro a situación da lingua galega. Dios Ke te Crew interpreta o poema Deitado fronte ao mar:

O noso mar (da Coruña e Vigo) que tamén escoita a versión do poema de Celso Emilio que fan Os Diplomáticos de Monte Alto:

Da escola e de soños fala Xocaloma en Pero soio foi un soño:

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *