Fermín Bouza-Brey: escritor e investigador

Non é fácil que un autor ou autora pase á historia da literatura por ser o iniciador de algo: case que todo está inventado. No caso da literatura galega, sobre todo na época na que as Vangardas intentaban modernizala e adaptala aos ismos de moda, atopamos varios casos. Así, a nosa historia da literatura sempre sinala a Manuel Antonio como o iniciador do creacionismo, a Amado Carballo do hilozoísmo, a Álvaro Cunqueiro do surrealismo e a Fermín Bouza-Brey como o introdutor do neotrobadorismo nas nosas letras, unha das liñas de maior éxito na época das vangardas. A este último dedicamos, a continuación, unhas breves liñas de homenaxe.

Vida e obra de Fermín Bouza-Brey

Fermín Bouza-BreyFermín Bouza-Brey Trillo naceu en Ponteareas no ano 1901 e faleceu en Santiago de Compostela, en 1973. Tras o bacharelato cursado en Pontevedra e Ourense, en 1919 matricúlase en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que pronto cambia para Dereito. Desde 1929 exercería como xuíz en Santiago, Lleida, Pontevedra e Oviedo. O seu labor como xuíz viuse constantemente dificultado polo réxime franquista.

Co traslado a Santiago para os estudos universitarios, comeza a relacionarse cos galeguistas e en 1923 aparece como cofundador do Seminario de Estudos Galegos. Bouza-Brey colabora en revistas como Cristal, Resol e Nós.

Cabalgadas en SalnésNo tocante á súa obra, aínda que escribiu narrativa e ensaio, é na poesía o xénero no que mellor se acomoda. De poesía deixounos: Nao senlleira (1933) e Seitura (1955). A súa aportación á narrativa foi Cabalgadas en Salnés (1925). Con relación aos seus ensaios hai que salientar os seus estudos sobre Rosalía de Castro, de quen era un especialista.

A crítica literaria sinala como características da poética de Bouza-Brey o popularismo, o clasicismo e o formalismo.

Como xa dixemos, Fermín Bouza-Brey foi o iniciador dunha liña vangardista –inda que non se pode considerar propiamente vangarda– que tería moitos seguidores: o neotrobadorismo. Esta corrente reformula os estilos e temas da tradición medieval, engadindo imaxes da poesía moderna. De Nao senlleira é o poema “Gándara”:

N-aquel biduído dos bidos louzanos

o páxaro Sol non pía seus raios,

e morre de amor.

 

N-aquel biduído dos lanzales bidos

o páxaro Sol non criba seus píos

e morre de amor.

 

Non criba seus ritmos, non pousa seus

raios e albean de frío os albres delgados

e morren de amor.

 

Non ceiba seus raios, non tece seus fíos

e albres e mámoas albean de frío

ca poldra que morde no mato cativo.

Fermín Bouza-Brey -que ingresou na Real Academia Galega en 1941– realizou numerosos traballos de arqueoloxía e etnografía. A eles e á investigación literaria consagrará os últimos anos da súa vida. A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas no ano 1992.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis de Fermín Bouza-Brey e ler parte da súa obra:

Ficha de Fermín Bouza-Brey na Biblioteca Virtual Galega.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *