“Quen non ten liberdade para gobernar a súa casa é un escravo ou un incapaz”
(Enrique Rajoy Leloup).
Entre 1931 e 1945 desenvolveuse un intenso proceso en favor do recoñecemento nacional da Galiza, a partir da aprobación dun “Estatuto de Autonomía”. Tratábase de darlle corpo legal ao país, contando cun Parlamento propio; recoñecendo legalmente o idioma da Galiza e o seu feito diferencial, tecido ao longo de séculos.
A tal fin, o Partido Galeguista comandou no tempo republicano unha campaña desde o seu nacemento (1931), que tivo na Asemblea de Concellos de 1932 e no Plebiscito estatutario de 1936 os seus dous principais fitos.
Complétanse estes dous feitos históricos coa aprobación definitiva, no exilio, do Estatuto de Autonomía de Galiza, após o golpe militar de xullo de 1936, no marco das Cortes españolas reunidas en México.
Desde a proclamación da II República española, o 14 de abril de 1931, o nacionalismo galego procuraría que Galiza contara cun Estatuto de Autonomía, un documento que pautara a relación de Galiza con España recoñecendo a realidade nacional galega.
O Estatuto de Galicia de 1936 pódese dicir que nace na Coruña o día 4 de xuño de 1931. É nesa data cando se convoca unha Asemblea Pro-Estatuto na que se presentan tres proxectos, un deles o do Seminario de Estudos Galegos, ademais de dous relatorios, un deles da ORGA-FRG. Será esta proposta da Organización Republicana Gallega Autónoma e máis a Federación Republicana Galega, defendida por Lois Peña Novo xunto con Antón Vilar Ponte a que resulta aprobada, mais como logo denunciou o nacionalismo, a ORGA e a FRG, que debían trasladar ao executivo español o texto consensuado, non o fixeron. Este rexeitamento por parte da ORGA do texto fai que o 12 de xullo, dese mesmo ano, Vilar Ponte, Suárez Picallo, Peña Novo, Emilio González, Otero Pedrayo e Castelao presenten na Coruña unha nova redacción que, na procura de consenso, rebaixaba o nivel de autogoberno mais tampouco así se logrou o consenso.
Cómpre saber que o Anteproxecto redactado en 1931 polo Seminario de Estudos Galegos era ambicioso e recoñecía a Galiza como “un estado libre dentro da República Española”. Ricardo Carvalho Calero, Lois Tobío, Vicente Risco, Valentín Paz Andrade e Alexandre Bóveda eran os seus redactores. Uns termos que foron rebaixados durante o debate posterior para concederlle o estatus de rexión autónoma, con novas competencias e atribucións, lonxe do modelo federal recollido no primeiro borrador.
En decembro de 1931 fúndase o Partido Galeguista que converterá o ter un Estatuto para Galiza nun dos seus obxectivos estratéxicos –“… o Estatuto é a meirande preocupación destas horas críticas…”–. Impulsa, por iso, a convocatoria do 3 de xullo de 1932 da Asemblea de Municipios en Santiago de Compostela coa participación da ORGA, do PSOE, de partidos conservadores e, sobre todo, do Partido Galeguista. Apróbase crear unha Comisión que leve a cabo a redacción dun novo borrador de Estatuto. Esta Comisión foi presidida por Salvador Cabeza de León e formaban parte dela Lugrís Freire, Iglesias Corral, Rodrigo Sanz, Avelino López Otero, Santiago Montero, Enrique Rajoy, Jacobo Arias del Villar, Eladio Rodríguez e Alexandre Bóveda.
Redactado o proxecto, este foi aprobado o 19 de decembro do 1932 na Asemblea de Concellos de Galiza celebrada en Santiago e presidida por Bibiano Fernández Osorio-Tafall, alcalde de Pontevedra, en substitución de Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol, de baixa por enfermidade. A esta Asemblea de Concellos enviaron representantes 227 do total dos 319 concellos que tiña Galiza. Foi unha Asemblea de gran participación e debate e dúas foron as cuestións máis discutidas: a cooficialidade do galego e español e a da capitalidade de Galiza.
O resultado exitoso desa Asemblea co apoio de 209 concellos (dos 227 presentes) facía augurar que a aprobación do Estatuto estaba próxima, mais o texto tivo aínda que agardar catro anos para se votar pola poboación galega.
O Comité Central da Autonomía logra do Goberno da República o decreto de convocatoria en novembro de 1933, mais a vitoria da CEDA foi freando o proceso unha e outra vez até a vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936. O Partido Galeguista, que levaba incluído no seu programa de eleccións ás Cortes coa Fronte Popular, a reactivación do proceso autonómico é quen o defenderá, na persoa de Castelao, nas Cortes Españolas.
A Nosa Terra publica o 20 de marzo do 36 o texto íntegro do Estatuto e con posterioridade prodúcense os acordos favorables de distintos concellos, comezando polo da Coruña que pide a inmediata convocatoria do Referendo. O Comité Central da Autonomía fixa a data definitiva do 28 de xuño para o Plebiscito. Faltaba a convocatoria oficial do Referendo que foi conseguida finalmente, non sen dificultades, por Ánxel Casal, alcalde de Santiago, e así aparece nos boletíns oficiais das catro provincias os días 15 e 16 de maio.
As forzas da Fronte Popular, co Partido Galeguista á fronte, foron as grandes protagonistas da campaña do Estatuto. Desde que foi coñecida a data do plebiscito, políticos autonomistas, artistas, intelectuais e representantes labregos fixeron campaña polo Estatuto. Foi unha campaña innovadora e orixinal coa irrupción de artistas gráficos como Castelao, López Bouza, Luís Seoane, Maside, Díaz Baliño e mesmo Isaac Díaz Pardo que tiña 15 anos daquela.
Para que o Goberno da República aceptara a autonomía galega o “si” no plebiscito tiña que estar apoiado por dous terzos do censo. O 28 de xuño de 1936, o pobo galego aprobaba por inmensa e categórica maioría o estatuto de autonomía. Dos 1.343.135 electores, foron emitidos 1.000.963 votos (74,56 %), co resultado de 993.351 positivos, 6.161 negativos e 1.451 en branco. Quedaba así aprobado un documento que, como recollían os xornais e diarios da época, era visto como “primeiro paso para a liberación do xugo centralista” (El Compostelano).
Conseguida a aprobación, o Comité da Autonomía debía facer entrega aos presidentes das Cortes e da República do texto estatutario, como paso previo á súa entrada en vigor, e diso foi encargado Ánxel Casal, alcalde compostelán.
O día 15 de xullo unha ampla representación do autonomismo galego fixo entrega oficial do Estatuto ao presidente das Cortes republicanas D. Martínez Barrio, mais o golpe de estado demoraría a súa tramitación parlamentaria. Grazas aos esforzos de Castelao e de Emilio González López o texto do Estatuto foi recuperado nos arquivos oficiais de Madrid e é presentado á sesión de Cortes realizada na abadía de Montserrat en febreiro de 1938 onde se di , en palabras do presidente das Cortes, que “…ha sido presentado a la Mesa, cumpliendo todas las formalidades reglamentarias…”. Mais tampouco ese ía ser o momento e o nacionalismo galego non conseguiu que se constituíse a comisión parlamentaria para o seu estudo. Tardaría aínda sete anos e sería aprobado na reunión de Cortes da República celebrada en México en 1945, que recoñecen que “Galicia deixou expresada a súa vontade de Autonomía no texto do Estatuto plebiscitado e aprobado polo pobo galego”.
E aínda que se podería dicir que o Estatuto do 36 non chegou a entrar en vigor, a súa aprobación foi argumento definitivo para catalogar a Galiza como nacionalidade histórica no proceso constitucional de 1978 e así procurarse as competencias como tal fixadas no artigo 151.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Para saber máis:
Nacionalismo galego aquén e alén mar, de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.
Estatuto de autonomía de Galicia de 1936
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Anteproyeito de Estatuto de Galiza
[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/estatuto/Anteproyeito_de_Estatuto_da_Galiza,_1931.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]Estatuto de Galicia de 1936
[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/estatuto/Estatuto_de_Galicia_de_1936.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]
2 Comments
Gosto del pero precisa ser actualizado e , se de min dependese, tamén cambiaría algunhas cousas…
O mellor, desde logo, sería un Estado confederal no que Galiza fose plenamente soberana e libre para acordar e decidir. Aínda que tamén coido que é máis doado conquerir a independencia que lograr isto.