ERGA: Máis ca unha organización estudantil

Presentación revista 50 anos de ERGA

Presentación revista 50 anos de ERGA

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda vén de acoller a presentación do caderno que conmemora o 50 aniversario do nacemento de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA). Publicado pola Fundación Galiza Sempre, o caderno pretende lembrar e pór en valor a importancia que ERGA tivo na construción da arquitectura de autoorganización do pobo galego, así como o seu papel como organización de masas no ámbito estudantil e escola de cadros para o conxunto do movemento nacionalista na Galiza.

Sinala o estudo –elaborado por Duarte Correa– que a “decisión de crear unha organización política de corte estudantil parte da constatación de que o estudantil era un sector de importancia na loita de liberación nacional de Galiza, ao seren milleiros de mozos e mozas.” De aí que a UPG dea os pasos para organizar o movemento estudantil, creando en decembro de 1972 a organización  Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA).

Presentación revista 50 anos de ERGA

Segundo o texto, os 16 anos de vida activa de ERGA podemos dividilos en tres etapas:

  • 1972–1977: etapa inicial, na cal se poñen as bases ideolóxicas e organizativas.
  • 1977–1984: etapa de consolidación, expansión e adaptación ao novo marco político.
  • 1984–1988: etapa de refluxo, aposta por plataformas amplas, legalización e desaparición.

ERGA defendía que “un ensino axeitado á realidade do noso país debía ter o galego como lingua vehicular. Así, na súa proposta para o sistema educativo fixábase como obxectivo a “implantación e normalización do idioma galego en todos os niveis de ensino.””

Revista 50 anos de ERGA

Sinálase no estudo que ERGA era moito máis que unha organización de estudantes; era unha ferramenta máis do nacionalismo, que tiña como campo de actuación o mundo estudantil. Esa característica levábaa a ser partícipe en todas as loitas sociais: a loita contra a central nuclear de Xove e as Encrobas; as campañas contra a Constitución e o Estatuto de Autonomía; as dis–tintas xornadas de loita e folgas xerais convocadas polo sindicalismo obreiro; as mobilizacións contra a cota sindical agraria; a reconversión naval; a defensa dos sectores pesqueiro e agrario; as distintas mobilizacións pola paz e as campañas contra a OTAN ou contra a entrada do Estado español no Mercado Común Europeo…, todas foron levadas aos centros, ao considerar que afectaban a toda a sociedade e, por tanto, tamén ao estudantado.

Presentación revista 50 anos de ERGA

No caderno afírmase que “o principal mérito de ERGA –ou, mellor dito– a súa principal achega, foi a capacidade para manter un funcionamento estábel durante case dezaseis anos, funcionamento que dotou Galiza dun movemento estudantil propio.”

Por ERGA pasaron milleiros de estudantes e cando desaparece –sinala o estudo de Duarte Correa– “non é por inanición, senón porque decide conscientemente dar o relevo, alimentando estruturas estudantís máis efectivas para encarar os novos tempos e sumando na creación dunha organización xuvenil nacionalista que actuar en todos os ámbitos (…) ERGA implicouse totalmente no proceso, que rematou coa creación de Galiza Nova–Organización da Mocidade Nacionalista en xullo de 1988, e foi pouco a pouco deixando de ter unha presenza pública.

Logo ERGA

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *