Nesta casa da coruñesa rúa Juana de Vega –hoxe céntrica e buliciosa– viviu os últimos anos da súa vida o poeta Eduardo Pondal Abente, tal como sinala a placa na fachada do edificio.
Nado en Ponteceso o 8 de febreiro de 1835, Pondal falecía na Coruña o 8 de marzo de 1917.
En 1918 o Círculo de Artesáns da Coruña réndelle unha homenaxe ao poeta de Bergantiños. Esa mesma institución –no ano 1925– coloca un monumento ao bardo nos Xardíns de Méndez Núñez, na actualidade, á sombra de tres piñeiros –árbore á que tanto e tan ben cantara Pondal, mesmo no Himno Galego:
Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
Eses “rumorosos” que lle aconsellaban despertar do seu “sono” ao “fogar de Breogán”, tamén son os que lles piden ás nenas da Coruña que falen galego:
Miniñas da Cruña,
d’ amabre despejo,
de falas graciosas
e pasos ligeiros,
deixá de Castilla
os duros acentos:
falade, miniñas,
falade gallego.
Na rúa Rego de Auga acudía Pondal á librería de Uxío Carré Aldao, alí –a chamada a “Cova Céltica”–, mantiña un parladoiro con Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde Lores, Evaristo Martelo Paumán e Manuel Lugrís Freire, entre outros.
Como dixemos, Eduardo Pondal morría na Coruña en 1917. O seus restos descansan no coruñés cemiterio de Santo Amaro.