Un día das letras galegas para… (Moito onde escoller)

A Real Academia Galega (RAG) recolle nos seus Estatutos (Capítulo 2, Artigo 7) que “na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. Apreciar estas características nun autor ou autora podería ser algo discutible e subxectivo. O que xa non o é tanto é o que se di a continuación nos textos da Academia: “en calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día”.

Pois ben, desde hai anos, institucións, organismos, asociacións, particulares, van facendo as súas peticións e suxestións á RAG. Unhas teñen un carácter máis comarcal outras son a nivel nacional. Evidentemente, a ninguén lle deben molestar esas peticións ou suxestións. Partamos do feito de que, en xeral, todas van ben encamiñadas e son lóxicas e lícitas.

Desde hai anos, un dos que máis unanimidade suscita é Ricardo Carvalho Calero (1910-1990). A Fundaçom Artábria de Ferrol, a Associaçom Galega da Língua (AGAL), o Concello de Ferrol veñen reivindicando desde hai moitos anos un Día das Letras Galegas para o autor ferrolán. No 2009, as concellerías de cultura das principais cidades galegas, agás Lugo, uníanse para pedir as Letras do 2010 para Carvalho. Obxectivamente, poucas persoas teñen tan merecida esta homenaxe. A súa Gramática elemental del gallego común (1966) e a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea (1965,1975) marcaron fitos importantes na nosa cultura. Ademais de ser o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade, Carvalho ten unha importante obra poética, narrativa, dramatúrxica e ensaística. E, moitos máis méritos. Realmente, que o autor ferrolán non teña o seu Día das Letras desde hai tempo só é mostra desa “anormalidade” cultural que padecemos.

A comarca de Valdeorras vén demandando desde hai tamén moitos anos un Día das Letras Galegas para o seu autor máis representativo, Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). Concellos, agrupacións culturais, organizacións políticas, veñen realizando distintas actividades orientadas a conseguir a homenaxe ao autor, entre outras obras, de Bebedeira (1934). Exiliado en México, fundador da revista “Vieiros”, o autor de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) soubo reflectir coma ninguén a paisaxe de Valderras, ademais da reivindicación social.

Candidato ás Letras do 2018 foi Eusebio Lorenzo Baleirón (1962-1986) xunto con Carvalho Calero, Plácido Castro, Antón Fraguas e María Victoria Moreno, sendo esta última a escollida. O Concello de Dodro solicitou por unanimidade a homenaxe para o autor de O corpo e as sombras (1985) que logo non puido ser. A pesar da súa morte prematura, Eusebio Lorenzo Baleirón é o autor dunha abundante obra literaria e de calidade. Temén o poeta de Laíño merece, sen dúbida, un Día das Letras Galegas.

No ano 2013, o concello de Ribadavia pedía as Letras Galegas para Rubén García Fernández (1951-2008). Rubén puxo en marcha a Mostra de teatro galego Abrente, en Ribadavia. Posteriormente, foi director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, desde 1984 ata a súa morte no 2008. Premio de teatro María Casares, Rubén contribuíu dunha maneira destacada ao desenvolvemento do noso teatro.

No ano 2014, galegos e galegas de Cataluña homenaxeaban a Manuel Rodríguez López (1934-1990). Proposto por Galicia Dixital, este poeta, obreiro e migrante, natural de Paradela, pasou á lista das peticións dun Día das Letras.

Polo 2002, Manuel Rivas pídelle á Real Academia Galega un Día das Letras para Pucho Boedo (1929-1986). Cantante dos Tamara -entre outras orquestras- e compositor, Pucho Boedo púxolle música aos versos de Rosalía, Curros e Celso Emilio. De aí que Rivas na súa proposta, que tamén asina, Xurxo Souto, fale dunha “oportunidade para que as letras bailen e canten”.

Tamén o Bierzo ten a súa proposta para as Letras Galegas. No ano 2016, colectivos culturais e alcaldes da comarca pedían un Día das Letras para o poeta Antonio Fernández Morales (1817-1896). Morales, poeta-militar, foi precursor do uso do galego na literatura, mesmo dous anos antes ca Rosalía.

O Concello de Lousame no ano 2000 pedía as Letras Galegas para O Cura de Fruíme (Diego Antonio Cernadas e Castro (1702-1777)). Poeta do século XVIII, anos difíciles e escuros para as nosas letras.

Ramón Valenzuela Otero (1914-1980) tamén é outro dos nomes que aparece cando se fala de candidatos. O autor de Non agardei por ninguén (1957), de Silleda, exiliado, ben merece igualmente a homenaxe.

Como xa dixemos máis atrás, Plácido Castro (1902-1967) foi candidato ás Letras Galegas de 2017 e 2018. Pero, o autor de Corcubión segue na lista de espera.

Tamén foi candidata Xela Arias (1962-2003). A autora de Darío a diario (1996) competiu no 2015 e no 2016.

Ben-Cho-Shey (1896-1988) foi candidato no 2013 e Fiz Vergara Vilariño (1953-1997) no 2014.

Como xa dixemos, temos moito onde escoller, faltan moitos autores e autoras neste resumo. E, unha das que falta é a nosa benquerida Luísa Villalta Gómez. Nada na Coruña no ano 1957, morreu nesta cidade no 2004. Poeta, prosista, dramaturga, ensaísta, violinista, profesora de Lingua e Literatura Galega, Luísa Villalta é outra desas autoras que non debera ser necesario ter que xustificar moito o pedir para ela a homenaxe dun Día das Letras Galegas. Se é este 2019 moito mellor. Vaia desde aquí a nosa petición.

One Comment

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *