Día da Patria Galega

Día da Patria Galega convocada polo BNG, 1983As orixes da celebración do DÍA DA PATRIA remóntanse a novembro de 1919, cando se celebrou en Compostela a II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, que acordan celebrar o Día Nacional de Galiza o 25 de xullo do ano seguinte. A data escollida non era do agrado de todos por coincidir cunha festa relixiosa. Antón Vilar Ponte propoñía celebralo o 17 de decembro, o aniversario da execución na praza da catedral de Mondoñedo do Mariscal Pardo de Cela a cargo das tropas dos Reis Católicos.

Así contaba A Nosa Terra (25/7/1920), o órgano oficial das Irmandades da Fala, a decisión de celebrar o DÍA DA PATRIA:

“Pola derradeira asemblea que en Compostela xuntou ós nacionalistas foi acordado facer “Día da Patria” o 25 do mes de Santiago.”

“Pra cantos sinten e teñen idea da “propia estimación”, pra quen o amor de nai e a realidade máis viva e máis sacra ese santo día representará o principio do fin tanto tempo desexado polos verdadeiros galegos. Nel comezará unha nova vida na que a cruzada dos povos traballadores pra conquerir a liberdade de traballar e a soberanía nacional non sexan xa impedidas polas vampiresas oligarquías centralistas…”

Día da patria en Vigo, 1930
Día da Patria en Vigo, 1930

Cada ano ANT e outros xornais próximos ás ideas galeguistas convidaban á xente a pendurar bandeiras nas xanelas e a realizar actos patrióticos que se celebraban nas principais cidade e vilas, como este da imaxe en Vigo en 1930.

Tamén desde as páxinas d’A Nosa Terra os líderes do galeguismo escribían textos patrióticos para mobilizar ao pobo:

“A realidade actual dá noxo, pero non podemos fuxir dela por escrúpulos inútiles, pois para modelar un povo de barro é forzoso luxar as mans” […]

“Primeiro ser, despois trunfar. Porque aquel que non teña fé absoluta nas virtudes, en potencia, do noso povo, non ten dereito a galvanizalo con promesas electoreiras e transitorias. Nós temos fe no noso povo e moi logo o noso povo terá fe en nós.” (ANT, xullo 1935)

Día da Patria, 1978En 1934 decídese realizar un mitin na véspera do 25 de xullo, Mitin das Arengas, do que só se celebrarían dúas edicións, por mor do golpe de estado. Xuntaba en Compostela aos nacionalistas de toda Galiza e iniciábase coa intervención dos dirixentes do nacionalismo e daba remate cunha manifestación que tiña como final a estatua a Rosalía na Ferradura. Na primeira edición, 1934, dúas mulleres soben á tribuna de oradores: Emilia Docet Ríos e Mercedes de Ocampo.

Durante a ditadura franquista, en Galiza, desaparece calquera celebración e haberá que esperar a 1968 para que se volva celebrar de novo. Serán o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG) os que se manifesten de forma clandestina para conmemorar o Día da Patria que remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e coa entrada na democracia seguíronse a prohibir as manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e BN-PG.

Até mediados dos anos oitenta non foi permitida a manifestación do Día da Patria con normalidade democrática.

……….

Día da Patria Galega

Día da Patria Galega,
o vinte e cinco de Xulio
Lembramos a Castelao,
a Reboiras e o Medulio!

 

Os Irmandiños e Bóveda
van no noso corazón
coas inxustizas e aldraxes
que sofre a nosa nación.

 

Lembramos os emigrantes,
vítimas desa inxustiza
de ter que ir gañar o pan
a moi lonxe de Galiza.

 

Toda a patria é un tremor
dendes do mar deica a serra.
Vai de Tui a Ribadeo
e do Courel a Fisterra…!

 

Coa nosa bandeira á fronte
non hemos retroceder.
Galiza ten que ser ceibe!
Temos, irmáns, que vencer!

 

O vinte e cinco de Xullo
é a data máis fermosa:
festa nacional galega
e Día da Patria nosa…!

 

(Manuel María “Día da Patria Galega“, pertencente ao poemario As rúas do vento ceibe, 1979)

No arquivo histórico do Nacionalismo, da Fundación Terra e Tempo, tedes unha boa selección de imaxes da celebración do Día da Patria ao longo de varios anos.

Pondal, Día da Patria, 1922 (El Pueblo Gallego)

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *