Curros Enríquez – Paseos en agosto III

Monumento a Curros

Monumento a Curros

Non é difícil atopar na Coruña o espectacular –como a fama do homenaxeado– conxunto escultórico da foto. Obra do escultor Francisco Asorey, é o monumento a Curros Enríquez, situado nos Xardíns de Méndez Núñez. Na inauguración –11 de agosto de 1934– estaban o presidente da II República Niceto Alcalá Zamora, o alcalde da Coruña Suárez Ferrín e o presidente da Real Academia Galega Manuel Lugrís Freire.

Placa a Curros

O monumento conta con placas dedicadas pola emigración. A da foto é de 1951 do Centro Galego de Bos Aires, no centenario do nacemento do poeta.

Xardíns de Méndez Núñez

Manuel Curros Enríquez –unha das tres grandes figuras do noso Rexurdimento– naceu en Celanova en 1851. Tras publicar o libro de poemas Aires da miña terra en 1880, comezan os problemas co bispo de Ourense Cesáreo Rodríguez. Curros criticaba a falta de compromiso da Igrexa cos pobres, e o bispo de Ourense condena e reproba o libro, excomunga a Curros e denúnciao ante as autoridades xudiciais. O xulgado de Ourense secuestra o libro e condena a Curros a dous anos e catro meses de cadea e ao pago dunha multa de 250 pesetas.

Capitanía Militar

Curros será absolto –en marzo de 1881– pola Real Audiencia da Coruña, que tiña a sede no actual edificio da Capitanía Militar:

Fallamos que revocando, como revocamos, la sentencia consultada que dictó el juez de primera instancia de Orense en 4 de Agosto último, debemos absolver y absolvemos á D. Manuel Curros Enríquez del delito que se le imputa, declarando que la formación de esta causa no perjudica á su buen nombre y reputación, y de oficio las costas de ambas instancias; y mandamos que se devuelvan al editor D. Antonio Otero los ejemplares secuestrados que llevan el título Aires d’a miña terra, y que se cancele la fianza prestada por el procesado.

Edificio Capitanía Militar

Curros emigra á Habana en 1894. Dez anos máis tarde –1904– viaxa a Galiza. No Teatro Principal –actual Teatro Rosalía de Castro– da Coruña recibe unha homenaxe, onde é coroado –o máximo honor que podía recibir un poeta. O agasallo é unha coroa de ouro e prata, obra de Isidoro Brocos.

Teatro Rosalía Castro

Fachada Teatro Rosalía

Na homenaxe de 1904 no Teatro Principal, Curros Enríquez le o coñecido poema “Ao pobo cruñés”:

Miñas donas, meus señores,

que polos papés chamados

(sempre extremosos comigo)

vindes honrarme a este acto;

¡que non saia deste sitio,

se sei como agradecervos

tan lisonxeiro agasallo!

¿Que fixen eu, ¡voto a min!

pra merecer estes laudos,

pra que me tratés millor

que si fora o deputado?

Curros regresaría á Habana e xa non volvería en vida á nosa terra. Falecía o día 7 de marzo de 1908. O 31 dese mes os seus restos chegaron á Coruña. O día 2 de abril acompañado dunha enorme multitude –as crónicas falan de corenta mil persoas– Manuel Curros Enríquez recibía sepultura no coruñés Cemiterio de Santo Amaro.

Sepultura Curros Enríquez

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *