Cruces e cruceiros

Cruceiro

O cruceiro da Xesteira

ten dúas pedras de asento:

unha é de marmurar

outra de pasar o tempo.

Cruceiro con gaivota

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO (As cruces de pedra na Galiza, 1950):

Entón, enfiei os ollos e o pensamento cara un aspecto da arte popular aínda non encetado por ninguén: os cruceiros galegos. Descubrín nos cruceiros un aspecto da nosa arte popular aínda non estimado como cousa importante. E velaí o que máis me importou.

AMADO CARBALLO (Proel, 1927):

O CRUCEIRO

 

O xesto monacal da pedra

benzoa o acougo da aldea…

 

Axiónllanse os camiños

abrazados ao cruceiro,

nunha azul eternidade

de pedra e ceo.

 

A agonía do sol–por

conmove o planto da terra,

e a paisaxe presígnase

con santas cruces de pedra.

 

A campaíña de prata

do día,

latexa un ángelus

de epifanía.

 

E o sol agoniante

ven a encravarse na cruz,

abrindo os marelos brazos

como o salvador Xesús.

AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO (Corazón ao vento, 1933):

CRUCEIRO ALDEÁN

 

Na encrucillada oscura dos meus vèrsos de sombra

chantèi, piadosamènte, unha cruciña tosca,

no xabre dos meus pòbres pensamèntos.

 

E fun vertendo o òleo perfumado da i–alma

na cunquiña de barro destas ermas palabras

para alumar, de noite, o seu silèncio…

 

A lua campesiña veu pousar onde a cruz

–cansada do camiño– o seu feixe de luz…

E reza mui baixiño, mui baixiño…

 

…Na encrucillada oscura dos meus vèrsos de sombra

abre Xesús os brazos, cheios de paz, na fonda

señardade calada dos camiños…

Cruceiro xunto á igrexa de Santo André

RAMÓN CABANILLAS (Vento mareiro, 1926)

SONO DOURADO

 

¡Ou meu sono labrego! Unha casiña

preto do río, ó abrigo dos pinales,

con piorno e alboios nos currales

e palleiros na eira e na curtiña.

 

Ó pé da casa un muíño cantareiro

ó son da lira de ágoa que enche o caño,

baixo o maino agarimo dun castaño

e os amorosos brazos dun cruceiro.

 

Todo ó longo da aberta do muíño

tortas e vellas cepas de albariño

cos asios mestos no bendito outono.

 

E un ferrado de terra por facenda

pra prantío e xardín, libre de renda,

diesmo a Dios, sin foreiro nin máis dono.

MARCIAL VALLADARES (Majina ou a filla espúrea, 1880):

Pró a delor arreciaba e n’o alto de Lestedo, alí ond’o pé d’un cruceiro grande galla o camiño en dous, un que vai á ponte d’a Ulla e outro que guía á barca de Sarandon: Otilia suspiraba ja, layábase po–l–o baijo, mordía de cand’en cando o pano d’a faltiqueira;

ESTÍBALIZ ESPINOSA (Textos carboníferos, 2007):

As Bárbaras

Esta é a illa das árbores e o vento.

Onde a sombra peitea con follas caídas.

Onde a pedra é un cruceiro

no meu corpo feito de pedra.

Esta é a baía dos mastros fatigados,

de gaivotas encrespadas na escuma das nubes.

Estes son os trinos que me contan os pardais

ou serán os que non me contan i eu invento?

Adiviño un século espeso entre arenisca,

a tatuaxe descarnada de 1786.

Sempre, os mesmos ollos vexetais,

a mesma eventualidade que non me toca,

a mesma árbore á miña esquerda,

o seu torcido aceno cara min.

É soidade isto que me enfeitiza?

Isto que non é árbore, nin brisa, nin palabra?

Tralo muro

pequenos vidros tarantulados tremen

–ao compás de cada sílaba, un cristal converte en gota–;

mais eu só alcanzo a sentir

as gargantas da clausura:

Gaude et laetare, Virgo Maria, alleluia.

O cántico remonta, está a chorar na miña illa.

E mentres a chuvia verte tinta sobre este folio en branco

dúas árbores núas ámanse nas miñas costas.

Cruceiro nas Bárbaras - A Coruña

ROSALÍA DE CASTRO (Follas novas, 1880):

Cruceiro de Ramirez que t’ergues solitario

D’os Agros n’a espranada, antr’as rosas d’os campos,

O sol d’a tarde pousa, en tí ó postreiro rayo

Coma n’un alma triste, pousa un soño dourado.

 

AIgun–ha vez n’o estio, en o teu pé sentada

Escoito silenciosa, mentras á tarde acaba:

Baio d’as pedras mudas, que teu sacreto gardan

Maino que resoa o brando son d’un arpa,

¡Musica incomprensible que d’outros mundos fala!

 

¡Tal de Memnon s’oian ô amañecer n’a estatua,

Aqueles sons divinos que as almas encantaban!

LOIS DIÉGUEZ (As sete Chagas, 2002):

No cruceiro orientador de camiños, mentres tomaba a droga do alívio, reparou no home alí sentado, vestido como el, de expresión bondadosa, como ida, como aparvada. “É un infeliz”, dixo–se. O home, sen deixar o sorriso, petando co bordón no chanzo do cruceiro, falou: “Son Xacobe, e vou–te axudar. Teño–che moita experiéncia de peregrino, e teño o permiso de Manolo do Mundo”.

CruceiroXOSÉ LUNA SANMARTÍN (O ano das mimosas, 2001):

Eu nacín baixo ese ceo e alí pasei os mellores anos da miña vida. Vivía nunha casiña de pedra ao carón da igrexa. Dende a bufarda da miña casa divisábase o mellor río troiteiro de toda a bisbarra, o Liri. E dende a ventá da miña habitación víase o cruceiro máis alegre de todo o concello.

 —¡¿Un cruceiro alegre, avó Aarón?! —interrumpín cun ton entre incrédulo e choqueiro.

 —Si. Verás, André. O cruceiro estaba dedicado ao noso patrón, o San Brais. Fixérao —segundo me contou don Genaro, o cura, moi posto nestes temas— un canteiro de Laxe que viñera traballar á catedral de Santiago. Cando remataron a obra da sé Compostelá ofrecéronlle traballo nas moitas igrexas que por aquel entón se estaban a construír na nosa comarca.

FERMÍN BOUZA BREY (Seitura, 1955):

Cruzeiro

 

Trivium, encruzilhada

do Infinido.

Cara a Ti vão, Senhor,

os três hirtos caminhos.

Um serpêa os beirales

dos desacougos místicos

que fão do amor um pasmo

e fão do pasmo um rito

e matinam de cote

no Deus Único e Trino.

 

Outro, rudo, flagela

nosso corpo cativo, arelando se ceive

o esprito.

Eu vou polo vieiro

na terra frolecido

e vejo–te, Senhor,

ao pé de cada esquivo

penedo, percorrendo

o celme em cada pino,

bulindo em cada verme,

choutando em cada ninho,

pinchando–te nos tojos,

bicando logo os pinchos,

pegureiro do monte

c’o armentio,

nas mourenças do mar

marinho,

nos sinos e nas ervas

saudoso e lírico,

na fartura dos vales

trocado em pão e vinho…

 

Senhor, que bem me amostras

o carreiro alcendido

c’os teus braços de pedra,

tam feridos,

apreixando a campía

neste trivium!

Cruceiro

VALENTÍN LAMAS VARVAJAL (Espiñas, follas e frores. Colección de versiños gallegos, 1875):

O CRUCEIRO DE PEDRA.

 

Triste, afrixida e chorosa

‘O pé d’o cruceiro, Rosa

Morríase de door;

A probiña sospiraba,

E choraba

A morte d’o seu amor.

Cruceiro

MANUEL RIVAS TROITIÑO (O gaiteiro de Soutelo. Unha espresión da cultura popular, 1977):

Do ano 1941 ten data o “Cruceiro da Consolación”. Cicáis tocara nalgunha das sonadas festas en honra da Virxe desa advocación que se venera nese pobo. Por alí pasara, camiño de Compostela, cando fora merecer en Santiago o tíduo de “millor gaiteiro de Galicia”; xa facía algúns anos daquelo. Por alí pasara tamén cando voltou a Compostela pra se casar coa muller da que se namorara.

 

O cruceiro é o rei dos camiños en Galicia. Son a lembranza da realidade que lle dá senso ao cristián; anque por veces sirva pra outras couas, como recolle a cantiga popular:

 

O cruceiro da xesteira

ten dúas pedras de asento:

unha é de marmurar

outra de pasar o tempo.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *