Nesta casa de estilo barroco situada na Cidade Vella da Coruña naceu o xeógrafo, naturalista e humanista Xosé Andrés Cornide Saavedra, no ano 1734. Así o sinala a placa do lateral.
A verdade é que non tiña malas vistas Xosé Andrés. Enfronte da súa casa, a igrexa da Real Colexiata de Santa María do Campo.
De bo emprazamento gozaba o ilustrado galego para compoñer o que logo sería unha das poucas mostras que conservamos da literatura galega escrita dos chamados Séculos Escuros, neste caso do XVIII, o soneto “A Filida”:
“Viche, Filida amada, o pajariño
que arando desos aires nas campiñas,
descoidado se achanta polas liñas
que cauto cazador pon no camiño?
¿Viche que forza fai para soltarse
e levar a bicada ós seus pajaros
(parte do corazón e fillos caros),
que deixara no niño ó remontarse?
Pois viche a quen che adora pola vida,
que, chantado no ichó de un imposibre,
cata aquí, cata alí se acha saída
para fugir, podendo verse libre
e acurrujarse firme no teu seo,
en que chorara atento o seu deseo.”
Ao igual ca outras propiedades, a chamada Casa Cornide acabou indebidamente en man dos Franco. Desde hai tempo o pobo da Coruña reivindica e loita para que lle devolvan o que era seu. Como di o delicado poema de Cornide, para “verse libre”.
Xosé Andrés Cornide Saavedra coa súa obra rompeu o silencio dos Séculos Escuros, a nós tamén nos corresponde romper outros silencios e cadeas. Neste caso, seguir loitando para que a fermosa casa Cornide volva ser patrimonio público.