Común temos a Patria / Matria

Pico Sacro

Esta data do 25 de Santiago, en todol-os logares do mundo onde latexa un peito galego, é data de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira do home.

(A Nosa Terra, 25 de xullo de 1920)

 

Matria coa que soñei

que un día durmiría co seu nome

pra sempre libremente.

(Antón Cortizas)

Para Fernando Pessoa, a súa patria é a lingua portuguesa. A Rainer María Rilke atribúese a afirmación de que a verdadeira patria do home é a infancia. Celso Emilio Ferreiro sentíase da mesma patria dos tiñan as mesmas feridas, loita e soños ca el.

O Día da Patria Galega do ano 1948 Castelao pronuncia o discurso “Alba de groria” no festival organizado polo Centro Galego de Bos Aires. Nel afirmaba:

Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral… Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro.

Alba de Groria
(Prisciliano presidindo a “Alba de Groria” de Castelao)

Sería o 25 do mes de Santiago de 1920 cando se celebre por primeira vez, por decisión da II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, o DÍA DA PATRIA. Cando chega esa data, tal como recomendaban as Irmandades da Fala, celebramos este DÍA porque –como declaraban os nacionalistas en época de prohibición– NON RENUNCIAMOS Á PATRIA GALEGA.

Precisamos a Patria. É o que escribía Antón Avilés de Taramancos –O tempo no espello (1982)–:

Hoxe preciso costruí–la patria:

ergome cedo coma Ulises

e roubo tódalas naves do mundo.

(O meu país vaise polos camiños do soño,

pero soñar, irmán, é unha cousa terrible).

O povo sae á rúa cada 25 de xullo para afirmarse na patria. A patria quere pobo e o pobo quere patria. Así o deixou escrito Celso Emilio Ferreiro –Viaxe ao país dos ananos (1970)–:

O povo quere terra

como Anteo na fábula.

A terra quere povo

para ser fecundada.

Nunca virá de fora

remedio ou esperanza.

Si o noso povo morre

quedámonos sin patria,

pois patria e povo son

o mesmo en dúas palabras.

Ramón Cabanillas –Da terra asoballada, 1926– fala dunha patria escravizada:

Validos de treidores

a noite da Frouseira

a patria escravizaron

uns reises de Castela.

Manuel Curros Enríquez –O divino sainete, 1888– alude á pobre patria:

Mais n’a probe patria miña

Son máis tristes os crepúsculos,

Eterna dôr alí aniña;

Que anque unha grande hermandade

Hai entre todol–os povos

Que buscan a libertade,

Pol–a vereda que avanza

Cara ós seus nobres destinos,

Perdoando a comparanza,

Italia marcha dereita

E Galicia trenqueleando

Como unha vella tolleita

Cesáreo Sánchez IglesiasA escrita do silencio–Antoloxía persoal, 1997– fala dunha desolada patria:

Ah a desolada patria miña

As tebras cobrian–lle a face

nunha segunda morte

Ali troitas e anguías palavras que o sangue imita

Existéncia verde no azul.

Praza da Quintana

Lupe Gómez –O mar era azul, 2003– refírese a unha patria irredenta e silenciada:

Esta marea negra que se me mete no corpo e me fai mal. Esta patria irredenta e silenciada na que vivo contenta e triste, mirando con dor e fantasía todo.

En Cabalgada na brétema –2006–, Darío Xohán Cabana lémbrase dos mil ríos de sangue que cubriron a patria:

Venceredes vós,

romperedes a infinda

cadea que nos une

coas trabes do mundo,

pero nosoutros

mergullamos a boca

nos mil ríos de sague

que estercaron a patria,

e no noso partido

militan todos os defuntos

Florencio Delgado GurriaránCancioneiro da loita galega, 1943– dixo de Bóveda:

Fidel amante da Patria

tiñas, decote, pra éla:

nos beizos, fror de sorrisas,

na testa, unha ardente arela,

arela de redimila,

anceio de defendela

e, por eso, te mataron

os que afundila desexan,

cobizan escravizala

e, do seu mal, se gorentan.

De Castelao escribiu Lorenzo VarelaCastelao na voz dos poetas, 1969– que levaba a patria enteira na memoria:

Galicia ceibe tallará o teu nome

nas outuras do Pórtico da Groria

pra que falen os anxos con un home

que leva a patria enteira na memoria.

Denantes mortas que escravas
Ilustración de Víctor Rivas

Xavier CastroO galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I), 1985– sinala que xa o Partido Galeguista usaba o termo de matria:

Por outra banda cómpre apuntar que era bastante común no P.G. referirse a Galicia co calificativo de «Patria» e mesmo tamén de «matria».

Tamén Celso Emilio Ferreiro –Cemiterio privado, 1978– fala de matria:

Aldraxados por séculos

mallados e feridos,

asoballados sempre,

decote desvividos,

pergunto qué fixeron,

contesto que fuxiron

da terra malpocada,

sin pelexar, vencidos,

abandonado o campo

á furia do nemigo.

Soio unhos cantos bravos

a proba resistiron.

Garda, matria, un loureiro

prá frente distes fillos.

Igualmente, Pura Vázquez:

Ollo a terra ardentíza. A matria austera

soñando cunhas agras serenísimas,

con inmóviles barcos e ronseles.

Con celmosas mareas e maliaxes.

Manuel Díaz Ramos –Phoenix Hispánica, 1998– escribía:

Esta terra galaica, paridora de multitudes, criadora de liñaxens “Nai Matria“, é cantada polos cancioneiros que levan a voz do canto de muller na súa organización familiar, que ela rexe e vive de forma plena e sensata.

Praza da Quintana

Carlos Negro –Decálogo temático para a poesía finisecular galega (1990–2000), 2001– afirma:

A metamorfose da Patria en Matria Insurrecta; xa desde finais dos oitenta vense revelando un malestar cultural referido ós estereotipos de xénero tanto na poesía como na sociedade; deste xeito, nos noventa expándese unha conciencia literaria relativa á necesidade de depurar o discurso poético da dictadura do patriarcado; depuración que se manifesta nunha asunción plena da condición feminina como marca xenérica do poema, e tamén nunha revisión dos estereotipos masculinos na propia linguaxe poética; practicamente todas as poetas que escriben nos noventa (aínda que plurais en moitos outros sentidos) asumen a expresión dunha nova cultura de xénero na poesía, a cal non exclúe o compromiso solidario de poetas como Miro Villar ou Fran Alonso.

Praza da Quintana

O 25 de xullo celebraremos –como recomendaban as Irmandades da Fala– o DÍA DA PATRIA / MATRIA GALEGA. Unha Galiza sen límites, con futuro e sen ataduras. Confiamos no potencial do noso país, por iso NON RENUNCIAMOS Á PATRIA/MATRIA GALEGA.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *