Foi a mediados do século XIX cando as asociacións galegas de tipo mutualista, que proporcionaban servizos medico-asistenciais, comezaron a florecer nos países receptores de emigración galega. As experiencias asociativas de anos anteriores non deixaban de ser minoritarias e só para unha elite. Non foi un fenómeno exclusivo do asociacionismo galego, senón que ocorreu o mesmo coas demais colectividades.
O primeiro Centro Galego
O primeiro Centro Galego da Arxentina foi creado en Bos Aires en abril de 1879, seis meses antes que o importante Centro Galego da Habana. Con Manuel Barros como presidente e César Cisneros Luces como vicepresidente, tiña como obxectivos a creación dunha biblioteca e a organización de escolas nocturnas, rexionalistas (recuperar o bo nome de Galiza e favorecer o seu progreso), o auxilio mutuo e a creación dunha caixa de aforros. Pero este primeiro centro tivo unha curta vida, porque por discrepancias internas foi disolvido a principios da década de 1890.
Con todo, o exemplo dese primeiro centro galego de Bos Aires estendeuse a outras cidades como Corrientes, Córdoba, Rosario ou Barracas al Sud (que logo sería a cidade de Avellaneda). Todos desapareceron ao pouco tempo agás o de Avellaneda. Estas entidades foron iniciativa das elites galegas que lograran o ascenso social naquela época (e que monopolizaron os cargos directivos) e dos intelectuais, xornalistas e activistas do galeguismo.
A creación do actual Centro Galego
Pero a creación do actual Centro Galego de Bos Aires xurdiu de maneira similar ao do Centro Galego da Habana. Tras unha velada-homenaxe ao daquela recentemente falecido Pascual Veiga, no teatro Victoria, o 31 de outubro de 1906, coa actuación dos tres orfeóns da colectividade (Orfeón Gallego, Orfeón Gallego Primitivo e Orfeón Mindoniense), un xornalista, José Ramón Lence, desde as páxinas de El Diario Español, animaba á intentar a unión dos tres orfeóns nun centro que “debe ser a casa dos inmigrantes galegos que chegan a esta terra descoñecida para eles”.
Este chamamento tivo éxito, e o 2 de maio de 1907 nacía o que é o actual Centro Galego de Bos Aires. Segundo os seus estatutos, as súas funcións iniciais debían ser “educar, protexer, instruír, velar e proporcionar benestar e recreo a cantos conterráneos cheguen a estas praias”. As súas primeiras actividades foron a organización das primeiras romarías galegas ou a celebración do día da Raza, xunto a outros actos como denunciar a trata de brancas ou apoiar a loita agrarista ou a cultura galega. Tras un primeiro éxito inicial, o número de socios foi descendendo e os problemas económicos agrandándose, polo que nunha reforma dos estatutos no 1911 deu un xiro transformándose nunha entidade benéfico-mutualista, instalando un pequeno consultorio e establecendo novos servizos como os funerarios, asesoramento xurídico e farmacia. Consecuencia deste cambio, pasou dos 400 socios con que contaba no 1911 aos 3.597 en xuño de 1914. En 1938 contaba xa con 57.000 asociados, o que o convertía xa na sociedade de socorros mutuos máis grande da Arxentina. Había que ter en conta que naqueles tempos a emigración galega era a máis numerosa das existentes en Bos Aires, e mesmo entidades importantes como o Club Español, Banco Español, Deportivo Español ou Hospital Español, por citar só algunhas, estaban controladas por galegos.
Existía unha relación directa entre a prestación de servizos de carácter asistencial-médico e o número de asociados. Nos períodos nos que se realizaron melloras médicas, como a construción do sanatorio social ou a expansión dos seus servizos a áreas dos arrabaldes como Valentín Alsina ou Avellaneda, o incremento dos afiliados acelerouse considerablemente.
Bo indicativo deste incremento acelerado é o proceso de edificación da sede do Centro na rúa Belgrano. No 1930 iníciase a súa construción para ser inaugurada no 1936. A súa ampliación comeza xa no 1939, na fronte da rúa Moreno, co obxecto de albergar as actividades culturais, iniciando o seu funcionamento no 1941. A terceira fase de ampliación remata en xullo de 1953. Na construción da sede utilizáronse como pedras fundacionais catro pedras levadas ex profeso desde diferentes lugares da Galiza: monte de Elviña, casa do Padre Feijóo, Castro de Santa Trega e murallas de Lugo.
Este rápido crecemento de asociados valeulle as críticas dalgúns sectores da colectividade galega, acusando ao Centro da perda do carácter étnico da sociedade. A dirección do Centro ratifica o seu carácter galego dando a coñecer as cifras de socios que, a 31 de decembro de 1931 superaba os 38.000, dos cales os españois de orixe non galega só eran 5.190. Tamén é certo que o intervencionismo do Estado arxentino obrigou, en 1936, a modificar os estatutos das entidades mutualistas para suprimir as cláusulas que marcaban limitacións á orixe dos seus socios.
Ademais das actividades de carácter asistencial, o Centro Galego tamén asume as prestacións funerarias, mediante a construción dun Panteón Social en terreos doados polo Concello Deliberante da cidade no cemiterio da Chacarita. A súa construción segue as liñas do románico galego: o claustro é unha réplica do claustro da colexiata do Sar de Compostela e conta tamén cun cruceiro de Francisco Asorey. As súas primeiras instalacións foron inauguradas o 25 de xullo de 1932.
A partir de 1938
A importancia do Centro Galego motivou o interese das elites galegas na sociedade porteña para o seu control. Isto viuse reflectido en polémicas nos medios da prensa galega da colectividade ou nas contendas electorais no seu seo. As súas directivas estaban compostas maioritariamente por comerciantes, empresarios e profesionais liberais, que á súa vez compartían cargos noutras asociacións da colectividade. Esta situación daba conta en realidade da escasa participación dos asociados na vida interna do Centro. As asembleas anuais que se celebraban en primeira convocatoria eran practicamente inexistentes por non reunir o número mínimo de participantes. Esta participación nas asembleas, que antes de 1930 se situaba en torno ao 5%, creceu a partir deses anos a causa do enfrontamento dentro da elite da colectividade para controlar o Centro e a reforma estatutaria pola que a elección de cargos pasaba a facerse a través dun proceso electoral no canto das asembleas. Aínda así, a máxima participación rexistrouse no 1938 co 20,5%. As eleccións deste ano reflectiron tamén a confrontación daqueles anos durante a Guerra Civil na España. Se ata entón mantiña unha postura de “neutralismo”, celebrada polos que simpatizaban co franquismo, (o que non impediu que o Centro se involucrara activamente nas accións de apoio ao Estatuto de Autonomía do 36), nestas eleccións iniciouse unha nova etapa. A Agrupación Galicia, máis próxima ao franquismo, enfrontouse á candidatura unitaria de agrupacións de tendencia republicana-democrática (A Terra, Celta e Unión Gallega, que contaban co apoio da Federación de Sociedades Galegas), enfrontamento que se saldou coa vitoria desta última con 9.810 votos contra 2.960.
Coa nova directiva iniciouse un entendemento coas autoridades republicanas e galeguistas. Propiciáronse numerosos actos onde os exiliados galegos puideron expoñer os seus traballos, palestras, publicacións… Estas posicións pro-republicanas mantivéronse até a segunda metade dos anos 40. Aos poucos fóronse mudando novamente a posicións de neutralidade e mesmo dun progresivo achegamento ao goberno de Franco. Non foron inocuas as presións da embaixada de España na Arxentina. Nas eleccións de 1947 asumiu a directiva a candidatura Galicia, afín ao franquismo. Neste cambio tampouco foi allea a proximidade do presidente arxentino Perón co xeneral Franco e o interese dalgúns dos directivos en establecer lazos persoais económicos e empresariais coa España de Franco. Perón e a súa dona Evita foron nomeados membros honoríficos da institución.
No 1938 foi tamén cando se constituiron as comisións de Cultura, que darían lugar, moito despois, á creación do Instituto Argentino de Cultura Gallega (1969) e a fundación de Ediciones Galicia (1950). O Centro Galego tamén daba espazo de participación aos artistas e intelectuais galegos exiliados. Castelao foi un deles, inda que el orientou os seus esforzos máis a fomentar o desenvolvemento dos centros provinciais —e o centro Ourensán en particular— tal e como propiciaba a Federación de Asociacións Galegas.
Malia a participación destes exiliados nas actividades do Centro Galego, con frecuencia esta era limitada polas directrices da institución. Cando interviñan noutras entidades (Federación de Sociedades Galegas) ou publicacións (Galicia Emigrante) o cuestionamento do franquismo e a súa belixerancia era máis elocuente.
En 1960 chegou a ter 110.000 persoas asociadas. E no 1974 foi considerado pola Dirección de Mutualidades arxentinas, a máis completa entidade mutualista do país, debido á magnitude dos seus servizos sociais, médicos e mutualistas, e a incorporación do servizo de aforro e préstamo.
A historia continúa. E unha conxunción de causas levaron ao Centro Galego á situación de incerteza na que se atopa na actualidade. Nun contexto de crise política e social na República Arxentina, unha serie de desacertadas actuacións, boa parte delas dos gobernos galegos e españois, deron lugar ao case desmantelamento deste Centro. Pero a situación dos últimos anos será obxecto doutro artigo.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
O arquitecto Luis N. León, profesor titular na Facultade de Arquitectura, Deseño e Urbanismo de Bos Aires, investigador e editor, fala do patrimonio arquitectónico do Centro Galego de Bos Aires.
No Comments
Estamos preparando a saida do xornal dixital galego “LONXE DA TERRIÑA”, que antes se editou en papel polo sacerdote de Ponteareas D. Enrique (q.e.p.d.).
Estariamos encantados en establecer unha fluida relacióbn con ese histórico Centro Galego. De entrada, para o nº cero do novo xornal, agradecemos unha breve nota sobre o que gusten difundir.
Ao mesmo tempo, eu particularmente, estou recollendo material sobre os galegos que emigraron as Américas nos séculos XVI en diante, sobre todo os da Familia LIRA, naturais da aldea de San Simón de Lira onde deixaron o Pazo de Lira. agradezo calquera pista que me poida conducir a coñecer as andanzas destes nobles durante os tempos da independencia de Arxentina e doutros paises sudamericanos.
O meu correo de contacto é:
x.foroapeneira@gmail.com // guillermo@novasdoeixoatlantico.com
Saúdos
Guillermo Rodriguez -director do novo xornal