Carvalho Calero, traballo e compromiso con Galiza

Letras galegas para Carvalho Calero

Letras galegas para Carvalho CaleroPoucas persoas na cultura galega de todos os tempos levaron unha vida tan densa e austera, completamente dedicada a traballar por Galiza e a súa cultura, e ao mesmo tempo tiveron que loitar contra o esquecemento e a marxinación como lle pasou e pasa a Ricardo Carvalho Calero. Tardaremos en pagar a débeda que temos contraída, sobre todo a oficialidade cultural e política, coa figura do ferrolán. Nós, nestas breves liñas, pretendemos facer un percorrido polas distintas facetas do noso autor.

A vida e o compromiso

Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol (no Ferrol Vello) o día trinta de outubro de 1910 e morreu en Compostela o día 25 de marzo de 1990. Setenta e nove anos dedicados intensamente a Galiza e a súa cultura. Tras os estudos de Bacharelato por libre –e examinado no que hoxe é o coruñés IES Eusebio da Guarda– cursou brillantemente estudos de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela.

Desde moi pronto, en Compostela, converteuse nunha figura do movemento estudantil, chegando a ser presidente da Federación Universitaria Escolar (FEU), unha entidade sindical escolar. Tamén, en Compostela, entrou en contacto cos membros do Seminario de Estudos Galegos (SEG), no que entraría no ano 1927. Foi, igualmente, un dos cofundadores, en 1931, do Partido Galeguista (PG) e participou na elaboración do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía para Galiza.

A guerra civil (1936-1939) sorprendeuno en Madrid e Carvalho Calero incorpórase ao exército republicano como oficial. Detido e xulgado en Andalucía, foi condenado a doce anos e un día de prisión. No ano 1941, pode volver a Ferrol, pero a extinción definitiva da pena non sería ata 1951.

Impedido de exercer a docencia oficial, no ano 1950 trasládase a Lugo como Director do Colexio de Fingoi. Xa en 1965, Carvalho Calero exerce como Profesor interino de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, nela, en 1972, acabaría sendo o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega. Carvalho, que ingresara na Real Academia Galega o día 17 de maio de 1958, acabou o seu traballo docente na Facultade de Filoloxía –alí na fermosa Praza de Mazarelos- en 1980, pero non era difícil velo pola Facultade ata pouco antes de morrer, en marzo de 1990, como xa dixemos.

A obra

O esquecemento da figura de Ricardo Carvalho Calero resulta máis rechamante se temos en conta a amplitude, variedade e transcendencia da súa obra. Comezando a escribir desde moi novo, -ademais das innumerables conferencias, congresos e diversas actividades nas que participou-, deixounos unha impresionante obra que abrangue todas as facetas posibles. Limitarémonos a sinalar só algúns exemplos en cada caso.

No tocante á poesía, escribiu arredor duns once libros, entre os que están: Vieiros (1931), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), Pretérito Imperfecto (1980), Reticências (1990).

No apartado da narrativa, Carvalho publicou, Xente da Barreira (1951), a primeira novela en galego da posguerra, e Scórpio (1987).

Tamén cultivou amplamente o xénero dramático. Deixounos, entre outras, estas obras de teatro: Catro pezas, publicada en 1971, contén: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro. En1982, baixo o título, Teatro completo, recompila toda a súa creación dramatúrxica.

Deixamos para o final a obra ensaística de Ricardo Carvalho Calero. Se importantes son os outros xéneros que cultivou, a transcendencia do seu traballo investigador que aparece reflectido nos seus ensaios contribuíu a engrandecer a nosa lingua e a nosa literatura. A súa Historia da literatura galega contemporánea (1963) e a súa Gramática elemental del gallego común (1966) pasarán á historia como fitos salientables da nosa cultura. Só por estas dúas obras, moitos galegos e galegas temos unha débeda pendente co autor ferrolán.

A súa preocupación polo futuro da lingua galega levouno a defender con paixón a tendencia reintegracionista, que propugna o acercamento do galego e o portugués, algo que lle traería non poucos problemas e o illamento oficial. Porén, el nunca renunciou ao seu compromiso activo co reintegracionismo.

O 4 de xullo dirixímonos á Real Academia Galega para pedirlle que salde unha débeda de tantos anos con tan ilustre galego é o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019 sexan dedicadas a RICARDO CARVALHO CALERO porque de facelo así moitas serán as persoas e asociacións que ao longo do país celebrariamos esta decisión.

A crítica literaria sitúa a Ricardo Carvalho Calero na chamada Xeración de 1936.

inalizamos estas breves liñas cunha das súas composicións de Cantigas de amigo e outros poemas:

Esquecida vivia
do meu corpo. Umha pobre mulher
cumha filla de vinte e cinco anos,
que tem à sua vez
umha filha de três, e vive longe.
Umha muller já bem
madura, porque tem
umha filha de vinte e cinco anos.
Umha mulher abandonada
polo marido, sem recursos,
sem estudos, que tivo que empregar-se
numha oficina para um trabalho
rotineiro, há muitos anos, já.
E assi vive, entre companheiros
indiferenres, apressados, descontentes;
descontente, apressada, indiferente.
Vestida sem cuidado,
penteada sem esmero.
Sem horizonte, só, sem ilusom.
E apareceste ti,
um parente remoto
e que necessitava um documento
que se expedia na minha oficina,
e eu lhe facilitei.
Um parente remoto
a quem nom vira nunca, e que vivia
numha grande cidade de além-mar.
E, surprendentemente,
achaste-me formosa.
Dixeste-mo,
e no teu rosto lim que eras sincero.
E foi um terramoto para mim.
No meu apartamento, pola noite,
dispo-me
perante o espelho, e acho
que tés razom, que o meu corpo é formoso
ainda, e gostaria
de que o visses assi, sem véu algum.
E, nua, entro no leito
pensando em ti, para sonhar contigo,
e renace entre a escuma dos lençóis
umha esquecida voluptuosidade,
e fecho os olhos, porque em sonhos ponho
neles os lábios teus.
Manhá convidarei-te a visitar-me;
a tomar umha copa,
ao sair do trabalho,
no meu apartamento.
Tomaremos a copa, e cando eu veja
que a hora soou
nos teus olhos, nos teus
beiços, nas tuas mans,
farei o mesmo que hoje fago,
decidida, tranquila,
sem temor, sem rubor.
Despirei-me, mas nom
ante o espelho: ante ti.
Nua, sulagarei-me
no leito: mas contigo.

Incluimos de seguido a carta que desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda enviamos á Real Academia Galega solicitando que o Día das Letras Galegas 2019 se dedique a Ricardo Carvalho Calero.

[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/Peticion-a-RAG.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

E aquí podedes descargar o folleto que a AS-PG elaborou no 2010 para o Concello da Coruña onde se fai un repaso pola vida e a obra de Carvalho Calero.

[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/carvalho_.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *