Carvalho Calero: á espera da homenaxe merecida

“As cousas mudam, as palavras ficam”

(Ricardo Carvalho Calero)

Fican as palabra e as cousas mudan. Tanto mudan as cousas dun día para outro, que era difícil imaxinar a situación que estamos vivindo hai só uns meses. Aquela alegría do pasado verán cando, por fin, a Real Academia Galega decidía homenaxear cun Día das Letras Galegas – este 2020– a Ricardo Carvalho Calero, tornouse triste melancolía ao ver neste mes de marzo como unha pandemia coutaba o noso desenvolvemento habitual en case todos os aspectos. Paralizada –en parte– a actividade docente e cultural, a que ía ser unha gran e merecida homenaxe a unha das persoas que máis se entregou e contribuíu á nosa cultura, pode quedar deslucida polo COVID–19. Carvalho merece máis sorte.

Letras Galegas 2016Todos os anos, cando chega o mes de abril e maio, Galiza énchese de actividades relacionadas coa figura á que ese ano se lle dedican as Letras Galegas. Por todo o país espállanse numerosas exposicións, conferencias, coloquios, recitais e todo tipo de actos para dar a coñecer a figura homenaxeada. Un dos mundos no que ten máis vitalidade esa celebración é no do ensino. Todos os centros de Galiza realizan actividades co alumnado, mesmo, algunhas veces, ao aire libre. Este é un dos obxectivos desta celebración: espallar o coñecemento da figura homenaxeada, neste caso de Ricardo Carvalho Calero, entre a poboación, especialmente entre a máis nova.

Pois ben, non van poder celebrarse a maioría destas actividades debido ao confinamento nas casas que estamos vivindo. A figura de Carvalho Calero é tan completa –creador literario, estudoso da nosa lingua e literatura, docente– que necesita que lle prestemos atención o tempo suficiente. E, neste momento, iso non é posible. Son outras as preocupacións. De aí que quizais haxa que ir pensando noutras alternativas. Unha delas, adiar esa merecida homenaxe para cando se poida celebrar con todas as garantías e con todos os sentidos postos no autor ferrolán. Tras esperar anos e anos por ese recoñecemento, agora resulta que ten que loitar –nada menos– que cunha pandemia. A pandemia non acabará connosco e moito menos con todo o legado e aportación de Ricardo Carvalho Calero á nosa cultura. Porque, como ben escribiu el, “as cousas mudam, as palavras ficam”. E a palabra de Carvalho ficou entre nós para sempre. Teremos que agardar –como escribiu Lorenzo Varela dos seus compañeiros de xeración– o momento apropiado:

o día que vos poda levar á sepultura

unha cesta de pombas e mazás.

¡tan doce era a xuntanza miña e vosa,

de todos nós co mundo!

Ricardo Carvalho Calero terá a homenaxe que merece. Non cancelaremos a súa figura nin o seu legado.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *